«O galego é dos galegos; o único contexto onde pode sobrevivir é aquí»

O sociolingüista, profesor da Woxsen University (India), dirixe dende a súa fundación no 2024 o Centro de Estudos Galegos no seu país. Tras residir moitos anos na comunidade, hoxe imparte unha conferencia en Santiago, no Instituto da Lingua Galega, sobre micropolíticas familiares nos pais galegos e vascos

O sociolingüista Anik Nandi,  onte, en Santiago  de Compostela.  |  Xoán Álvarez

O sociolingüista Anik Nandi, onte, en Santiago de Compostela. | Xoán Álvarez

belén teiga

Santiago

Vostede pode dar unha visión externa, desde fóra do microcosmos galego, sobre a situación da nosa lingua. Que imaxe ten hoxe en día do galego?

O galego é unha lingua internacional, sempre foi así. Non é simplemente unha lingua minorizada, eu sempre vin máis aló. Crear un Centro de Estudos Galegos na India é un exemplo. Esta é a primeira vez que o galego mete un pé no contexto asiático, isto xa é un paso máis para ser lingua internacional, non só en América Latina ou Brasil.

O Centro de Estudos Galegos da India que dirixe é, como ben dicía, o primeiro de Asia. Cales son os seus obxectivos?

Estou intentando crear un espazo para o galego, algo que ata o de agora non houbo. Poderiamos dicir que son o conector, a ponte, entre ambos contextos e institucións. Hai moitísimos desafíos, pero este ano, por exemplo, mandamos unha profesora de español da India para facer un curso de galego. No Centro de Idiomas y Comunicación Multicultural [do que tamén é director fundador] non podemos dar cursos de galego porque os nosos alumnos aínda non están acostumados ao castelán, pero o que fago é meter nesas clases contidos galegos, como propoñer O lapis do carpinteiro traducido para que haxa unha idea de que esa cultura existe. O meu soño sería crear unha rede entre ambos contextos e culturas.

A situación do galego é aplicable á doutras linguas minorizadas noutros lugares do mundo? Por exemplo en Asia, que vostede coñece ben.

As linguas minorizadas, esteamos onde esteamos, están pasando por unha mala racha. Existe unha historia de presión social, de loita de idoloxías... Todo o que aprendín en Galicia é completamente incorporable á miña investigación alá.

Hai estudos e estatísticas que proporcionan datos alarmantes sobre o estado do galego. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de outubro o IGE sinalaba que un terzo dos nenos de máis de cinco anos sábeo falar «pouco ou nada». Cre que hai un risco real de desaparición da lingua?

Non hai ningunha lingua neste mundo agora mesmo que non estea en perigo de extinción, á excepción do inglés, pola súa base económica. Todo o mundo dá por feito que a xente sabe inglés, que debe saber inglés, pero esta é a mala cara das linguas minorizadas, a falta de respecto que hai cara elas. Elixir falar unha lingua como o galego é unha opción, pero é que estas linguas necesitan do seu espazo no público. Os datos son alarmantes, pero hai a posibilidade de tomar medidas de planificación e, sobre todo, de prestixio.

Cal é o potencial real do galego no mundo se se ten en conta a súa ligazón coa lusofonía?

Para min, como sociolingüista de fóra que ten interese no idioma, o galego ten que sobrevivir como unha lingua propia, sen depender doutras. Non hai outra maneira. Sempre houbo ese discurso da lusofonía, pero considero que castelán e portugués son iguais neste caso, o que non quita que poida haber algún tipo de colaboración, pero o portugués non acepta que vén do galego. É un discurso que houbo antes de crear a normalización lingüística e non creo que sexa moi válido agora. O mellor sería potenciar a norma que se fixo para que sea suficientemente potente, de xeito que as próximas xeracións non teñan máis dúbidas sobre o propio galego.

Vostede analiza o papel das familias como elementos galeguizadores. Realmente exercen como tal ou ao contrario?

Non se pode xeralizar, xa sabemos todos que cada familia é un mundo. Hai xente que está intentando controlar o contexto, repoñer onde hai unha falta e se, por exemplo, se dá o caso de que algún dos pais non fala galego a propia familia intenta compensalo a través de música ou doutro tipo de formación.

Quen pesa máis, entón, na creación da conciencia lingüística dun rapaz: a familia, a escola ou os amigos?

Nas miñas investigacións deime conta de que os nenos, en realidade, pasan moi pouco tempo na casa. Teñen momentos de recreo, de ir a actividades, nas que, por exemplo, teñen monitores, que igual falan galego, e todo isto tamén impacta. Igual nese momento para un neno é o seu ídolo, máis que o seu pai. Sen ir máis lonxe, todos tivemos algún profesor que nos cambiou a vida. Estes factores, ás veces, son moito máis importantes que a familia ou a escola.

Nos últimos anos, as novas tecnoloxías comezaron a ocupar un oco moi importante nas nosas vidas. Que papel xogan co galego?

A lingua é unha cousa que ten que ver co interese, e o interese hai que desenvolvelo. Coas novas tecnoloxías non se pode dicir que sexan nin boas nin malas, porque sen elas non imos a ningures. Ti podes usar ChatGPT para crear actividades, textos ou xogos en galego, pero tamén en calquera outro idioma. Todo depende do uso que lle queiramos dar.

Fai falta vontade propia?

O papel do individuo é moi importante. Temos unha tendencia de culpar aos outros. Aínda que as nosas eleccións están moi pechadas polos nosos contextos, sempre houbo situacións onde un individuo creou unha resistencia. O caso dos neofalantes é un dos maiores exemplos de xestión lingüística individual e persoal. Non hai apoio fóra, pero é alguén que decide aprender a lingua e usala.

A súa conferencia hoxe en Santiago de Compostela analizará as micropolíticas familiares dos proxenitores no galego e no euskera de Navarra...

Hai pequenos discursos, ás veces, que crea unha familia de combater as ideoloxías de fóra. Por exemplo, o poder do castelán, como o podemos bater? Aquí analizamos como estes pais, de contextos variados, están conectados co mesmo tipo de prácticas lingüísticas.

Como ocorre con moitas outras cuestións, non existe unha receita máxica para garantir o futuro do galego. Mais, que se pode facer?

Falalo. Non hai outra cousa que se poida facer. A xente ás veces pensa que os sociolingüistas temos un remedio, pero o remedio ten que vir da propia xente. O galego é dos galegos, o único contexto onde realmente pode sobrevivir é aquí.

Tracking Pixel Contents