A Academia de Ciencias recoñece dous traballos  co selo da Universidade

Foron galardoados no marco dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Santiago

Dous traballos co selo da Universidade de Santiago (USC) foron galardoados no marco do acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas e o Premio de Divulgación Científica 2025. A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte no Pazo de San Roque de Santiago a cerimonia de entrega das distincións.

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden dúas categorías, premiadas con 5.000 euros cada unha. O premio Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto de produción sostible de materiais porosos estériles para aplicacións biomédicas, de investigadores do Grupo I+D Farma da USC, liderados por Carlos García, encadrado na investigación predoutoral de María Carracedo. Desenvolveron aeroxeles e por primeira vez lograron que fosen estériles. Este material está en fase de valorización tecnolóxica en colaboración con empresas galegas para a súa transferencia a diferentes usos biomédicos e alimentarios.

Ademais, o premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa foi para o grupo de investigación NeurObesity do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas —CiMUS— da Universidade de Santiago. O equipo está coordinado por Miguel López, catedrático de Fisioloxía da USC e referente mundial no campo da obesidade e a neurociencia metabólica.

A tecnoloxía premiada transferiuse a Gazella Biotech, unha nova firma biotecnolóxica fundada en Santiago en 2024 como spin-off da USC. A firma logrou importantes avances no desenvolvemento dunha nova terapia para abordar os mecanismos centrais que modulan o equilibrio enerxético, como unha alternativa de altísimo potencial para tratar a obesidade.

Tracking Pixel Contents