Lucía Veiga descobre Vigo da man de Pedro Feijoo en ‘A miña gran cidade’

O espazo da TVG (hoxe, ás 21.45 horas) ofrece ao escritor unha hora para convencer á súa invitada de alongar a estadía | «Hai moita xente que se vai enfadar por isto», avanza a actriz

O escritor Pedro Feijoo e a actriz Lucía Veiga, no Casco Vello vigués no programa. |  TVG

O escritor Pedro Feijoo e a actriz Lucía Veiga, no Casco Vello vigués no programa. | TVG

A Coruña

O programa da TVG A miña gran cidade achégase de novo hoxe (21.45 horas) ata Vigo, onde o escritor Pedro Feijoo acompañará á actriz Lucía Veiga por algúns dos lugares máis especiais para o anfitrión. Como cada semana, o espazo dará a Feijoo unha hora para desenvolver catro experiencias coas que conquistar á invitada e convencela de prolongar a súa estadía na Cidade Olívica. «Se hai que meterse no underground, metémonos! E se choramos, é da risa», promete o anfitrión.

O roteiro comeza forte: o Concello. «Eu contaba con ver recunchos bonitos e tráeme ao concello!», protesta Lucía entre risas. Pero todo ten unha explicación, segundo Feijoo: «Este edificio é tan feo que o mellor sitio para ver Vigo… é dende el mesmo».

O momento máis intenso chegará nos túneles do monte do Castro, onde a claustrofobia fai acto de presenza. «Mido 1,75, non pode haber túneles para xente que medra?», láiase a actriz, mentres o anfitrión fai como que non sabía nada dos seus medos. A cousa mellora cun xantar no mítico O Porco e remata por todo o alto nun karaoke noventeiro, onde Lucía e Pedro interpretan a dúo algunhas das cancións máis icónicas con espírito adolescente.

Pero ao final, a actriz terá que escoller de forma honesta: quedar ou marchar. «Hai moita xente que se vai enfadar por isto que vou facer», avanza con misterio. A decisión, hoxe na TVG.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents