Begoña Caamaño, Letras Galegas 2026: «Era unha persoa activista cunha actitude moi comprometida co xornalismo»

Coa súa novela ‘Morgana en Esmelle’ conseguiu catro premios, entre eles o Ánxel Casal

Revisitou os mitos gregos e da Bretaña nunha obra con fonda marca feminista

Begoña Caamaño, fotografiada en 2013.
|  Xoán Álvarez

Begoña Caamaño, fotografiada en 2013. | Xoán Álvarez

Mar Mato

Vigo

No 2014, falecía a xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño con 50 anos de idade. Xusto doce despois, Galicia enteira vaille render tributo no Día das Letras Galegas do 2026. Así o decidiu onte a Real Academia Galega (RAG) tras un pleno extraordinario no que quedaron para outra ocasión as candidaturas que defendían a homenaxe para Miguel González Garcés, Enrique Labarta Pose ou Antón Tovar.

Nunha nota, a Academia sinalou que «a figura de Begoña Caamaño dialoga hoxe cunha parte moi activa da profesión xornalística e literaria, traslada outra experiencia de ambas as dúas. Cómplice dese tecido de voces que é a literatura, coma colchas tecidas con retallos, voz coral na que se recoñece, entrégase á narrativa sen desoír a interrogación da xornalista e a esixencia da lectora».

Rosa Martínez (1e) e Caamaño. |  Consello C.G.

Rosa Martínez (1e) e Caamaño. | Consello C.G.

Caamaño foi xornalista da Radio Galega (traballou no Diario Cultural), Radio Noroeste e Radio Popular. Como narradora, atopamos as súas obras Morgana en Esmelle —que logrou catro galardóns, entre eles, o Premio de la Crítica (da Asociación Española de Críticos Literarios), o Premio Ánxel Casal e o Losada Diéguez— e Circe ou o pracer do azul, ambas as dúas editadas por Galaxia no seu día. Con este título, debutou na literatura aos 45 anos para ofrecer unha revisión da mitoloxía grega desde un punto de vista feminista.

Nunha entrevista, explicaba que coas súas obras buscaba «recuperar a voz das mulleres». No caso de Morgana en Esmelle, plasmaba a vontade de retomar a Materia da Bretaña na literatura galega. Sinalaba tamén: «Eu quixen aportar a voz da perpetua secundaria e eterna mala; a voz e a ollada da muller condenada ao silencio».

A autora, na súa vivenda. |  Xoán Álvarez

A autora, na súa vivenda. | Xoán Álvarez

A impulsora da candidatura foi a académica e xornalista Ana Romaní, quen sinalaba na comparecencia tralo pleno: «Con Begoña Caamaño imos ter unha figura cunhas obras que nos permiten achegarnos á ficción e ao xornalismo desde outras posicións e lecturas. A súa é unha obra para a ética, para o pensamento crítico, para un país e un idioma que ela cultiva con precisión. É unha escritora consciente da necesidade de revisitar a memoria literaria, de facer a lectura dende unha clave contemporánea».

Romaní engadiu que «nos achegou a materia clásica e da Bretaña en dúas novelas que tiveron unha grande acollida». Destacou que «foi unha activa xornalista que defendía o xornalismo como servizo público dende a independencia».

Na biografía que realizou Amanda Álvarez para o Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega destaca como recibiu clases de francés da escritora María Xosé Queizán, o que foi clave na formación da súa persoa e pensamento. De feito, escribiría anos despois para a revista feminista Festa da Palabra Silenciada. «É dende o feminismo que eu interpreto o mundo», salientou Caamaño.

Inda que rematou a carreira de Maxisterio, acabaría sendo xornalista. Os comezos foron na emisora viguesa Radio Noroeste, onde realizou un curso de radio. Despois pasaría á Radio Popular, onde a coñeceu a tamén xornalista María Xosé Porteiro cando Begoña se atopaba de prácticas en Radio Popular. «Vina empezar e fascinoume a súa personalidade e ganas. (...) Despois volvimos coincidir cando eu era a xefa de prensa do Concello de Vigo e ela acudía ás roldas (co micrófono da Radio Galega). Gustábame a súa independencia de criterio. Despois saltou a Santiago».

Destaca Porteiro que tivo un «papel importantísimo como sindicalista» loitando por unhas óptimas condicións de traballo para o plantel no inicio da Crtvg chegando a ser presidenta do Comité Interempresas do ente.

Enfatiza María Xosé Porteiro que Begoña Caamaño «era un ser con moitísimo encanto, cunha atracción enorme tanto cando estaba seria como cando era divertida. Iso vese na súa obra literaria, onde amosa a capacidade para abranguer calquera estado de ánimo en personaxes. Revisitou obras clásicas como A Odisea, o que foi unha gran novidade na literatura galega. Chamou moito a atención no seu momento».

Por último Ana Romaní destacaba na tarde de onte que «realmente hoxe [por onte] é unha xornada moi emotiva. Temos a percepción de que Begoña está entre nós. A súa morte (por mor dun cancro) foi tan tremenda e dolorosa... Ela atopábase en pleno proceso creativo».

Ana Romaní: «Era unha persoa activista cunha actitude moi comprometida co xornalismo»

A proposta para que a Real Academia Galega (RAG) dedicase o vindeiro 17 de maio de 2026 á escritora Begoña Caamaño partiu da académica Ana Romaní, quen resaltaba onte que a candidatura foi apoiada por unanimidade no seo do pleno da entidade galega.

Romaní e Caamaño compartían as profesións de xornalista e escritora. Se ben xa se coñecían de antes coincidiron no Diario Cultural, un referente do xornalismo cultural en Galicia durante anos que conducía e dirixía Romaní. Despois, Begoña pasaría a dirixir tres programas propios. «Foi unha época moi intensa profesionalmente, nese sentido Begoña era unha xornalista da que estar aprendendo en todo momento», engadiu.

Para Romaní, «Caamaño sempre tivo unha actitude moi comprometida co xornalismo. Era unha profesional convencida dun xornalismo para a cidadanía e que os medios públicos profesionais debían ser independentes como baluartes para o futuro do país e do idioma galego».

Ademais, destacou como unha persoa activista. «O feminismo vertebra todo o seu pensamento», resaltou Romaní. «Nese sentido —engadiu— falaba de promover cambios profundos, que non só había que cambiar as regras senón tamén o xogo. Por iso, implicouse en moitos movementos sociais», incluída a Marcha Mundial das Mulleres ou a Mugacom, precursora do asociacionismo feminista nos medios galegos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents