Baiuca leva a electrónica atlántica á “fin do mundo” no Fisterra Experience 2025
O festival que conecta a creación musical co territorio e a natureza volve á vila da Costa da Morte do 27 ao 29 de xuño

Baiuca actúa o venres 27 de xuño no Escenario Xacobeo da Rúa da Foliada de Fisterra / Gustavo Santos
Valeria Pereiras
Do encontro entre música e paisaxe volve o Fisterra Experience, un festival que converte o extremo occidental de Europa en epicentro creativo. Esta edición 2025, que se celebra do 27 ao 29 de xuño, trae a un artista en estado de graza: Baiuca, o proxecto musical que leva anos reinventando a tradición galega a través da electrónica contemporánea e que agora chega a Fisterra para ofrecer unha actuación única na noite do venres.
Con presenza habitual en festivais de referencia como o Primavera Sound, WOMAD, Sónar ou Boom Festival, Baiuca (alter ego de Álex Casanova) combina beats orgánicos, pandeiretas, voces ancestrais e sintetizadores nunha proposta que ten conquistado a escena internacional sen perder o vínculo co territorio. Que mellor lugar para escoitalo que a Rúa da Foliada, co mar de fondo e o horizonte aberto cara ao Atlántico?

Actuación de Baiuca en Pontevedra / Rafa Vázquez
Un cartel ecléctico para tres días de música
O Fisterra Experience comeza o venres 27 de xuño ás 21:00h no Escenario Xacobeo da rúa da Foliada coa actuación de A Pedreira, o proxecto da artista Ugia Pedreira no que se mesturan voz, emoción e poesía sonora cunha forte carga simbólica e feminista. Ás 22:30h chega o prato forte da xornada, Baiuca, cun directo que conxuga tradición e vangarda cunha posta en escena envolvente. A noite pechará ás 00:00h coa sesión de DJ Mil, do colectivo Phonorama, perfecta para seguir danzando entre a brétema mariña.
O sábado 28 de xuño, o Fisterra Experience transforma a vila desde primeira hora nun escenario vivo onde a música, o xogo e o encontro comunitario conviven coa paisaxe atlántica. A xornada principia ás 11:00h coa forza da Rapacollón’s Big Band co seu pasarrúas festivo e multicolor. De seguido, ás 12:30h, o grupo Cigani levará os seus ritmos balcánicos ao Escenario Atlántico, no Lugar de San Roque, facendo vibrar o público cunha mestura de tradición e virtuosismo.
Ao mesmo tempo, de 12:30 a 14:30h, haberá xogos tradicionais dinamizados polo colectivo Sororas.gal, que convida a redescubrir, en clave comunitaria e inclusiva, as formas de ocio doutrora. Ás 13:00h, o público máis curioso terá unha oportunidade única: subir a bordo dun cruceiro musical con Thomas Kretzschmar 4tet feat. David Regueiro, nunha travesía sonora pola ría onde o jazz manouche se funde co horizonte marítimo.

O Fisterra Experience inclúe un cruceiro con música a bordo / cedida
A sesión de tarde continúa con dúas actuacións especiais de Sabela & The Heart Breakers, que ofrecerán dous pases: un primeiro de 17:00 a 18:00h no Escenario Fisterra (Praza da Constitución) e outro ás 19:00h no Escenario Xacobeo, situado na Rúa da Foliada. Entre ambos, ás 18:20h, Cigani volve á escena para seguir alimentando a festa cun segundo pase cheo de enerxía.
A noite comeza co recollemento e a beleza sonora de Helena Egea, que actúa ás 21:00h cunha proposta íntima e chea de matices. Ás 22:30h, Mondra, unha das voces máis prometedoras do indie galego, tomará o relevo co seu directo envolvente. O peche chegará ás 00:00 h da man dos londinienses MFC Chicken, que farán estalar a madrugada co seu garaxe rock, humor e moito ritmo.
Na xornada do domingo, 29 de xuño, a programación esténdese ás rúas e ao espazo natural con actividades pensadas para gozar da música a plena luz do día. Ás 12:00h, a Brassatlantic Brass Band abrirá a xornada cun pasarrúas cheo de ritmo e alegría. Ás 13:30h, no Semáforo de Fisterra, será a quenda de Andhrea & The Black Cats, banda que mestura soul, blues e actitude cun directo magnético. A tarde pecha de 17:00 a 19:00h cunha sesión de DJ na terraza, perfecta para despedir o festival cun brinde fronte ao mar.

O Semáforo de Fisterra acolle a sesión do domingo do Fisterra Experience / JESÚS TRILLO FISTERRA
Un festival que conecta música, identidade e territorio
O Fisterra Experience non é só un evento musical, senón unha proposta cultural que celebra a relación entre arte e contorna. Ao longo de dúas xornadas, o casco urbano de Fisterra énchese de son, luz e vida, transformando a experiencia musical nun encontro coa natureza e coa comunidade.

A localidade de Fisterra acolle o festival, que une música e territorio nunha experiencia única / Cedida
Esta cita imprescindible do verán galego está promovida polo Concello de Fisterra e producida por Nordesía, unha das axencias culturais con máis traxectoria na dinamización do tecido creativo galego. Ademais, conta co patrocinio da Deputación da Coruña, o Xacobeo e Estrella Galicia, entidades que apostan por unha cultura sustentable, accesible e conectada co territorio.
Co mar como pano de fondo e o espírito do Camiño de Santiago presente en cada recuncho, Fisterra consolídase como un destino de referencia para eventos culturais que apostan pola calidade e a identidade. O Fisterra Experience 2025 é unha invitación a vivir a música doutra maneira: con raíces, con paisaxe e coas emocións á flor de pel.
- Uno de los pueblos pesqueros más bonitos de España está a tan solo una hora de A Coruña
- El Morriña Fest se reivindica como un festival coruñés tras el ‘no’ de Residente
- Las mejores notas de ‘selectividad’: «Valió la pena todo el esfuerzo»
- El Deportivo cierra el traspaso de Pablo Vázquez al Sporting
- A Coruña da el último adiós al histórico sindicalista Suso Díaz
- Este restaurante de carretera se está popularizando en la provincia de A Coruña por su churrasco a la brasa
- El daño colateral de las lonas de Abegondo: «Lo entiendo, pero va contra el fútbol»
- El Deportivo quiere a Luismi Cruz para reforzar el ataque