Castelao revive para voltar a mirada a Galicia grazas á Intelixencia Artificial
Para conmemorar o Ano Castelao, ata o vindeiro mes de xaneiro, a Cidade da Cultura acolle a exhibición máis avanzada sobre a figura dun dos intelectuais máis recoñecidos de Galicia. Mediante o emprego das novas tecnoloxías, os visitantes poderán revisar os momentos máis destacados da súa vida e obra
IREne carril
Escoitar por primeira vez a voz de Castelao e revivir os momentos máis relevantes da súa historia xa é posible na Cidade da Cultura. Co gallo do 75 aniversario do seu pasamento, o Museo Centro Gaiás acolle dende este xoves a novidosa mostra inmersiva coa que se recupera o legado do intelectual galego a través da Intelixencia Artificial (IA), a animación 3D e o son. No acto de inauguración de Castelao. Mirar por Galicia que se levou a cabo onte, estiveron presentes o conselleiro de Cultura, José López Campos; o secretario xeral da Lingua, Valentín García e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo que acompañaron, xunto a outros rostros destacados, ao director artístico da mostra Carlos Seijo e ao director de asesoría e dirección histórica Miguel Anxo Seixas, responsables da pioneira iniciativa durante a presentación.
Presidindo a entrada á mostra unha figura animada —a tamaño real— de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao saúda agarimosa a todos aqueles que desexen coñecer un pouco máis as súas vivencias cunha invitación a revivilas a través da súa mirada e os seus populares anteollos. «Os documentos orixinais que se conservan empregámolos para poder realizar a mostra con moito rigor. Un exemplo, son as lentes e a estilográfica auténticas que escaneamos e incluímos no 3D que empregamos para educar a intelixencia artificial. Porque detrás de todo o que estamos facendo hai un traballo moi preciso», expón o director artístico Carlos Seijo. Pensada a modo de túnel, Castelao. Mirar por Galicia percorre a memoria do recoñecido autor a través das súas pinturas, escritos e diferentes obxectos persoais, recreando momentos históricos como a Guerra Civil Española ou a creación do Estatuto de Galicia.
«A mostra permite camiñar pola mente e os recordos de Castelao, gracias ao traballo realizado por Carlos que restaurou os arquivos cunha grande calidade», sinala Miguel Anxo Seixas, encargado de recompilar os documentos que serviron de base para conformar a exposicón coa que tamén se rende tributo a Galicia. Algo que tamén destacou na súa intervención o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. «A figura de Castelao está máis viva que nunca grazas a este proxecto tan extraordinario co que de novo Galicia lle rinde tributo. Era unha figura controvertida e agora tamén ten que xerar debate e opinión», sinalou Campos, quen destacou tamén o «talento e capacidade do noso audiovisual. Este é o primeiro gran proxecto galego de arte dixital que fai unha aposta polo emprego das novas tecnoloxías co fin de recuperar a figura dun intelectual histórico. Castelao estaría tamén coas novas tecnoloxías». Durante o percorrido, que mestura luces e sombras co fin de destacar os momentos máis relevantes da vida de Castelao, os visitantes poderán desfrutar de mapas animados, proxeccións holográficas, e ata unha experiencia envolvente nun gran cubo de papel que, grazas ás novas tecnoloxías, transportan a través da voz do intelectual aos espectadores pola súa obra. Rescatada do único documento sonoro que existe —unha mensaxe grabada en fonopostal na Central de Correos de Buenos Aires, con motivo da estrea Os vellos non deben de namorarse, en Montevideo no 1941— esta é a primeira vez que se pode escoitar a voz de Castelao falando en galego «grazas ao traballo de tres locutores e o emprego da IA, que matizou o timbre de voz do dramaturgo», según Seijo.
- A Coruña aprueba los festivos locales para 2026: así queda el calendario laboral
- Giro en la salida de Barbero, que apunta al Arouca
- El Ayuntamiento blinda el uso dotacional del edificio de las Inmaculadas tras su venta al impulsor del Hilton en A Coruña
- Starbucks ultima su apertura en el Obelisco
- Inditex genera 170.000 empleos en España, 90.000 en Galicia, y abrirá tiendas en Irak
- Cambre dedicará el pregón de sus fiestas a Marcos, el diseñador de 27 años fallecido por cáncer
- Las religiosas de María Inmaculada venden su sede de A Coruña al impulsor del Hotel Hilton y Marineda
- Estos son los seis radares más 'multones' de la comarca de A Coruña: 77 sanciones al día