O fotógrafo José Suárez, protagonista do Día das Artes Galegas 2026

A Academia Galega de Belas Artes elixiu o pasado sábado ao alaricano, considerado o «fotógrafo galego máis internacional», pola súa obra etnográfica e humanista

R.S.

A Coruña

A Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) elixiu a José Suárez, o fotógrafo galego máis internacional, como o homenaxeado do Día das Artes Galegas o 1 de abril do 2026, informou onte a entidade. O alaricano, ademais de fotógrafo influenciado polas vangardas artísticas, foi cineasta e desenvolveu varios proxectos como o inacabado documental Mariñeiros.

A Ragba celebrou o seu plenario mensual este pasado sábado, 28 de xuño, na súa sede da Coruña, encontro académico no que, tras votación regulamentaria do pleno, presidido por Manuel Quintana Martelo, acordou dedicar a celebración do Día das Artes Galegas —1 de abril do 2026— ao fotógrafo José Suárez.

Tivo en conta para esta dedicación os seus numerosos méritos, como ser considerado o fotógrafo galego máis internacional, pola súa obra etnográfica e humanista. Ademais de fotógrafo, influído polo pensamento da Revista de Occidente e as ideas artísticas das vangardas, foi cineasta.

José Suárez (Allariz, 1902 – A Garda, 1974) empeza a facer fotos cando aproba o Bacharelato en Ourense e o seu pai lle regala unha cámara fotográfica. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Salamanca. A partir de aí, comeza a facerse fotos as súas irmáns e a publicar reportaxes en Vida Gallega sobre Allariz e a súa Festa do Boi.

En 1932 realiza as series etnográficas da romaría de San Vitoiro (Allariz), dos oleiros (Niñodaguia), de beiramar (Rias Baixas Galegas), da malla (Paicordeiro e San Salvador dos Penedos no concello de Allariz), os carros e as feiras.

No 1935 expón en París, no Office National Espagnol de Tourisme, e en Madrid. Comeza a rodar no ano 1936 o documental Mariñeiros, interrompido polo golpe de Estado. Exiliase na Arxentina en 1937, e alí vai traballar como realizador e director de fotografía de varios filmes.

Desde 1950 vive en Uruguai, donde rexenta unha libraría. En 1956 viaxa a Xapón de correspondente de prensa. Alí namorase da cultura nipona e o teatro clásico Noh. Coñece ao director Akira Kurosawa, co que mantivo unha boa amizade. Colabora coa revista Life, US Camara, Vida gallega e Cinegraf, entre outras. No 1959 volve a España, e edita un libro sobre La Mancha e outro sobre o mundo dos touros para unha editorial inglesa.

Foi amigo e colaborou con Luís Seoane, Ramón Pérez de Ayala, Eduardo Blanco Amor e Rafael Alberti, entre outros. Ilustra parte da Historia de Galicia de Otero Pedrayo. Desde o ano 1971 participa nas tertulias do hotel Miño de Ourense.

Recentemente, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid adquiriu 15 obras de José Suárez para integralas na súa colección permanente de fotografía.

Tracking Pixel Contents