Manuel Lourenzo, in memoriam

Manuel Lourenzo e Santiago Fernández, nunha clase de teatro en Casahamlet. / F. Martínez
Santiago Fernández, cofundador da escola de teatro Casahamlet xunto a Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo non podía vivir sen o teatro, sen esa necesidade constante de que as múltiples personaxes que saíron da súa fecunda imaxinación berrasen as súas arelas e desvelos. O teatro galego, o teatro ibérico non sería o que é sen a súa fecunda historia.
Nestes sesenta anos que levamos xuntos podo afirmar que foi un actor versátil, un dramaturgo espléndido, escenógrafo, tradutor, mestre… O seu maxisterio non consistía en dar unha serie de receitas diso que chaman interpretación con método, non, a súa pegada levaba o selo inconfundible dos clásicos; deixaron memoria. Este home cando ditaba o seu maxisterio incorporaba o selo do orixinal cun profundo sentido práctico; rexeitaba o superficial, o ocorrente, o cursi, que tanto se leva nestes días.
Home culto, lector incansable e dono dunha memoria prodixiosa que lle permitía analizar, compendiar, unha obra, unha época, un autor con poucas singladuras.
Esa cultura converteuno nun compañeiro exquisito, nun conferenciante ameno e profundo a un tempo. Eu sempre aprendía algo novo cando charlaba con el, incluso en conversas distendidas ou ante un café.
As traducións que fixo dos autores clásicos son un exemplo de estilo lingüístico e de concreción dramática: Goethe, Büchner, Fasbinder, Puschkin, Chéjov, Strindberg, Brecht, Genet, Müller, Sófocles, Eurípides… a traxedia e a mitoloxía tratounas cun fino e xusto humorismo que lle serviron para interpretar a realidade e explicar o comportamento humano adquirindo así grandeza e personalidade propia na nosa lingua galega; esa lingua que defendeu como se defende a un naipelo: con uñas, dentes e palabras: esa palabras xustas, atinadas, sen concesións ao fácil e común, aos oportunismos frívolos de cada momento.
Hai nos textos de Manuel Lourenzo teatro para tódolos gustos e necesidades: mínimo, urxente, furiosos… comprometido coa sociedade na que viviu.
A Manuel nada lle era alleo, non aceptaba esta sociedade idiotizada por iso furonea nela e analizaa e critica con elegancia e efecto, con esa melancolía retranqueira que calquera pode empregar como un calidoscopio.
Manuel xa está coas súas criaturas e poderá comprobar como anda gritando os seus afáns o furioso Pedro Madruga, como os fillos de Galahad non queren devolver o Santo Grial, como Medea xa entendeu a vinganza doutro xeito e Fedra perseguirá aínda o seu amor incestuoso mentres contempla como a Electra non lle prestará ben o loito e comprobará que o Conde Drácula é un inocente e elegante fidalgo, decadente, como algún personaxe de Don Ramón Otero Pedrayo.
Manuel Lourenzo mantivo, mantén, contra tódolos ventos e mareas, contra as mediocridades e parvadas, unha constante militancia nunha cultura e nunha lingua que moitos anos de historia pretenderon afogar.
Pretenden, aínda, afogar.
- Cientos de personas se reúnen en A Coruña 'baixo o mesmo paraugas' por el Día Internacional de las Personas con Discapacidad
- María Díaz, presidenta de Down Coruña sobre el cierre del Quiosco: «Con todo el dolor del corazón, los números no salen»
- ¿Por qué A Coruña es la única ciudad gallega en la que se ha congelado al alquiler?
- Cuatro días de huelga en diciembre en el transporte interurbano de la provincia de A Coruña
- La empresa tecnológica Trison, con sede en Sada, compra la británica Pioneer Group
- Sabadell - RC Deportivo, en directo hoy: partido de la Copa del Rey en vivo
- Consulta aquí los servicios mínimos durante la huelga de transportes de A Coruña
- ¿Qué tiempo hará en A Coruña durante el puente de diciembre? Así nos lo pintan la Aemet y Meteogalicia