Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Morre na Coruña Manuel Lourenzo, pai do teatro galego

O referente máis importante da arte dramática galega finou este domingo na Coruña, aos 82 anos. Manuel Lourenzo foi creador, mestre, divulgador e defensor da lingua galega durante toda a súa vida. O mundo do teatro lamenta a perda dunha persoa «íntegra e nobre» que tratou de achegar as verbas de dramaturgos de todo o mundo a Galicia

O dramaturgo lucense Manuel Lourenzo, falecido este domingo na Coruña. |  Juan Varela

O dramaturgo lucense Manuel Lourenzo, falecido este domingo na Coruña. | Juan Varela

A Coruña

Manuel Lourenzo faleceu hoxe aos 82 anos na Coruña. Un dos pais do teatro galego contemporáneo, Lourenzo deixa atrás un legado no que axudou a crecer novos artistas e deixou personaxes tan inesquecibles como Melgacho en Mareas Vivas ou Terito en Fariña.

Nacido en Ferreira do Valadouro en 1943, o dramaturgo comezou a súa aventura no teatro en Barcelona, onde cursou estudos de Interpretación polo Institut del Teatre. Máis tarde fíxose profesor de EXB, pero nunca deixou os escenarios. Nos anos 60 e 70, aínda en plena ditadura, dedicouse a crear e participar en agrupacións teatrais, como O Facho, nacida en 1965 na cidade da Coruña. Fundou tamén o Grupo de Teatro Circo, que máis tarde daría paso á Escola Dramática Galega, e a Compañía Teatral Luís Seoane.

Para Lourenzo, o teatro representaba «un diálogo social entre a máscara que representa as actitudes e comportamentos da xente, as persoaxes e o público que asiste á representación». A súa paixón pola arte dramática levouno ler e coñecer todas e cada unha das escolas de arte dramático. Traduciu ao galego autores como Eurípides, Sófocles, Chéjov, Goethe ou Fassbinder e a súa obra entre ensaios, novelas e guións teatrais supera o centenar de publicacións.

En 2021, o dramaturgo recibiu o Mestre Mateo de honra, e xa aí, a pesares de ter máis de medio século de experiencia, admitía nunha entrevista a LA OPINIÓN que seguía sendo «noviño». «Eu é que aínda me estou formando e aprendendo, así que non me dou conta do que pasa. Estou aprendendo», dixo Lourenzo.

Dentro desa aprendizaxe estaba escoitar á xente máis nova, coa que se relacionaba a través da escola dramática Casahamlet, na Coruña, que fundou con Santiago Fernández. O centro converteuse na referencia para todo o que se quixera formar en teatro en Galicia. «Se eu son un profesor de Casahamlet, el é o gran mestre, porque ten unha cultura universal en todos os aspectos, é o pai do teatro galego», afirmaba este domingo Santiago Fernández. «Manolo foi sempre unha persoa íntegra, unha persoa nobre e non se entendería o teatro galego sen el».

«Era un home agradecido a calquera cousa, incluso cando falaba dos desagradecidos que hai. Falaba con cariño dese desagradecemento, dese esquecemento egoísta que temos os seres humanos, esa era a alma de Manolo», conta Fernández.

A súa dedicación polas artes escénicas tivo recompensa con numeroso premios. En 1997 recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática pola obra Veladas Indecentes e en 2008 a Xunta de Galicia concedeulle o Premio Nacional das Artes Escénicas na súa única convocatoria. Máis recentemente, no 2024, foi galardoado co Premio da Cultura Galega na categoría de Letras e do Álvaro Cunqueiro.

O dramaturgo foi, sobre todo, un gran defensor da lingua, chegando a ser detido e procesado no Tribunal da Orde Pública en 1967, censurado e cancelado pola ditadura en múltiples ocasións pola súa labor na promoción do galego. «Non quero, nin permito, que ninguén tente abortar a miña lingua, a lingua en que me criei, a lingua en que nacín, a lingua dos meus antepasados e a lingua dos meus fillos e da miña neta», destacou Lourenzo nunha entrevista.

As condolencias polo pasamento do lucense non tardaron en chegar. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que o dramaturgo «deixou unha fonda pegada formando intérpretes na Escola Casahamlet, innovando e profesionalizando a escena. O seu legado cultural e creativo seguirá vivo». Tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda quixo lembralo escribindo en redes sociais que «a nosa cultura perde un referente inesquecible co falecemento de Manuel Lourenzo».

Dende o sector tamén chegaron mensaxes de lembranza para Lourenzo. A Academia Galega do Audiovisual destaca que era «un piar e referente da cultura galega contemporánea», mentres que a escola Superior de Arte Dramática de Galicia lamentou a «triste perda do gran mestre e indiscutible referente do noso teatro».

Tracking Pixel Contents