Bertín Osborne, a Eva Iglesias: «Veño moitísimo a Galicia, estou como na casa»
O cantante confesa que con «viño, queixo e boa charla» non precisa máis, «xa non busco nin moza” | «Para a miña última xira encantaríame cantar ao Feirón en Rianxo», subliña

Bertín Osborne e Eva Iglesias inauguran a nova tempada de «A miña gran cidade» / LOC
GABRIEL FUENTES
A TVG estrea hoxe ás 22.00 horas a nova tempada de «A miña gran cidade» cun destino mariñeiro e moita retranca. Rianxo será o escenario do encontro sorpresa entre o cantante e presentador Bertín Osborne e a actriz Eva Iglesias, anfitrioa de luxo na súa vila natal. Durante unha hora, a galega terá o reto de convencer o andaluz de quedar coa maleta en Rianxo e non volver a Sevilla.
O primeiro encontro entre ambos ten lugar no Pazo do Rianxiño. Bertín, mancado dun xeonllo, agarda sentado no xardín a aparición da intérprete.. Nada máis verse, a sorpresa da rianxeira é maiúscula. Eva deberá amosar a súa vila ao astro das rancheiras en tan só unha hora.
Osborne confesa que nunca estivera en Rianxo, pero deixa claro o cariño que sente pola terra: «Veño moitísimo a Galicia, síntome como na casa, estou moi ben aquí». A anfitrioa, orgullosa, sentencia: «Para min, Rianxo é unha das vilas máis bonitas de Galicia, pero que vou dicir eu!».
En veleiro cos golfiños
Xa no porto deportivo arrinca a primeira experiencia: un paseo en veleiro ata Tanxil. Dende o mar, Bertín descobre Rianxo cunha perspectiva diferente e sorpréndese ao atopar golfiños preto do barco.
Ao longo do paseo, os dous artistas conversan sobre a súa vocación como cantantes. «Gústame moito cantar, pero descubrín que agora me gusta máis a televisión», confesa Eva. Un sentir que non é compartido por Bertín. «A min non, e fíxate na miña carreira, que estiven metido sempre en televisión. Porén, eu considérome cantante».
Á raíz da súa devoción polos escenarios e por Galicia, Osborne louva o traballo dos centros galegos no estranxeiro, sobre todo en México, onde fixo xiras para milleiros de paisanos migrados. «Os centros galegos son impresionantes. Uns edificios, unhas instalacións… que ten a irmandade galega que podes volverte tolo», admira o cantante.
Xacobo, o capitán do veleiro, prepara a bordo un aperitivo de luxo coas xoubas como protagonistas. «Viño, queixo e unha charla simpática: non quero máis, xa non busco nin moza», brinda Bertín.
A súa devoción polo queixo de tetilla reaparece cunha frase rotunda: «Se vou a un restaurante e non hai, érgome e marcho».
Entre todos os eloxios á «xoia gastronómica» que é o noso país, Bertín fala dos moitos produtos que lle traen ao seu fogar, unha fermosa mansión preto de Sevilla á que se convida Eva Iglesias. «A miña casa está aberta, entra e sae xente todos os días, hai veces que digo: ‘ ti quen es?’», bromea.
O itinerario segue polo emblemático Taberneiro, unha «taberna de mariñeiros», en palabras de Eva. «Eu vou a moitas destas en Huelva, pero non hai xoubas, claro», di o sevillano con entusiasmo.
Xa no interior, Bertín réndese á empanada de xouba: «Xa só por isto merece a pena vir a Galicia». Entre bocado e bocado, a charla vira cara á vida persoal e profesional. «Eu considéronme un paracaidista, cheguei aquí de casualidade», resume Bertín sobre a súa carreira.
Tamén deixa un consello sobre o mundo do espectáculo e a televisión que fai reflexionar a Eva: «O importante é que sexas ti mesma e que non queiras ser algo que non es. A xente non é parva e sabe perfectamente a quen cren e a quen non». E co seu humor, conclúe: «Levo 43 anos nisto e en serio aínda sigo sen tomalo».
A seguinte escala gastronómica é o restaurante Aghro da Corna, onde os pratos mariñeiros e as racións xenerosas deixan atónito ao convidado: «Isto está fantástico, pero é que é un disparate. Isto é para unha voda! Pero como vai comer isto esta moza?».
Entre a robaliza á grella e a carne, tamén hai tempo para falar do viño: «Esa é unha loita que teño aquí en Galicia: cando pregunto se está frío, respóndenme ‘fresquiño’ Non, fresquiño non, frío!». O entusiasmo é tal que acaba pedindo unha foto da etiqueta dunha das botellas: «Que bo está isto! Magnífico».
O percorrido conclúe na alameda, diante da igrexa da Virxe da Guadalupe. Bertín non oculta o asombro: «Que cousa máis bonita, macho». Fascinado pola tradición, confesa que lle gustaría incluír Rianxo na súa derradeira xira: «Cando me retire, para a miña última xira, encantaríame vir cantar a Rianxo ao Feirón». Eva recolle o guante, pero coa retranca propia dos rianxeiros: «Déixao nas miñas mans… pero non podes cobrar moito!».
A emoción culmina cando ambos acaban cantando ‘A Rianxeira’ e Eva entrégalle unha pequena imaxe da Moreniña. «Esta vou poñela na miña capela», di Bertín agradecido, levando un recordo único da súa visita.
Tras unha xornada chea de xoubas, viño e humor, a química entre ambos é evidente. Pero a decisión final está nas mans de Bertín: quedar coa maleta no Rianxo de Eva ou volver a Sevilla. Con retranca, deixa a dúbida no aire: «Ti espera, a ver se non vou querer marchar directamente…». O desenlace, este noite, ás 22.00 horas, na TVG.
- RC Deportivo - Atlético de Madrid, en directo hoy: partido de los octavos de final de la Copa del Rey en vivo
- Lucas Pérez deja de entrenarse con el Leganés
- Los taxis de A Coruña cortarán Alfonso Molina para manifestarse contra los VTC
- Deportivo - Atlético: Horario y dónde ver por TV y online los octavos de final de la Copa del Rey
- El Asteria de Caión renace: nueva carta y el alma de un clásico en un antiguo marisquero
- El precio medio de nuevos alquileres en A Coruña baja de los 700 euros por primera vez en un año, pero también caen los contratos
- La Xunta construirá otras 264 viviendas públicas en el barrio de Xuxán, en A Coruña
- Así está la clasificación de Segunda División: El empate del Castellón relega al Deportivo a la quinta posición