Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Á pesca de escritores galegos nas redes sociais

Para que a novela ‘Birken’ vira a luz como libro, Galaxia puxo un ‘post’ en clave no Instagram procurando o autor. Descoñecía o seu nome. A editorial Malafera recorre a esta rede social cada vez que prepara un fanzine para buscar autoras e autores. Ademais, fixouse no Instagram de Adrián Maceda para publicarlle ‘A Trasnoite’. Os poemas editados de Carmen Villar existiron primeiro no Twitter. Son varios exemplos das redes sociais como catapulta literaria.

Marcos Calveiro. |  José Lores

Marcos Calveiro. | José Lores

Mar Mato

Vigo

A historia que lles vou expór podería dar para varios capítulos dunha novela. Visualicen un certame literario. Entre os orixinais, unha novela protagonízaa un individuo chamado Birken. Ao final, non gaña o premio pero un dos membros do xurado fica matinando na obra.

A editora Branca Trigo. |  B.T.

A editora Branca Trigo. | B.T.

«A min», explica Marcos Calveiro, de Galaxia, «a novela encantoume. No concurso, fora enviada baixo plica —só se coñece a autoría da obra gañadora— e eu non podía saber quen a asinaba así que decidín buscar no Instagram».

Calveiro posteou unha mensaxe críptica ('Birken, contacta comigo') que só podería entender quen escribira a novela. Tras meses, o profesor e escritor Diego Alfonsín, respondeulle en alemán. Tras traducilo co Google Translator, Calveiro leu: Coñeces a Birken?

«Eu —lembra Alfonsín— non tiña redes sociais daquela, pero case un ano despois fixen unha conta de Instagram. Curioseando vin no perfil de Calveiro a referencia, entendina e conseguín o seu contacto, chameino e díxome que quería publicar a novela. Se eu non vira esa referencia á novela estou seguro de que o libro probablemente non se publicaría nunca. Estareille agradecido pola valentía».

Calveiro —xefe de Edicións en Galaxia— explica que, para el, as redes son fundamentais no seu traballo. «Sigo a moita xente que publica cousas e se me gusta algo contacto para preguntar se teñen algo que publicar. Ás veces, síntome incómodo por se pensan que as estou acosando...», engade.

Unha autora pescada no Twitter, foi a xornalista de FARO Carmen Villar. Cando levaba tres anos posteando versos cada día na súa conta de Carmen de Milmanda, o profesor da UVigo Beni Fernández plantexoulle publicala. O resultado foi Os mil e un días (Xerais).

Branca Trigo sinala que busca autoras e autores para os fanzines da súa editorial Malafera. «Polo Instagram— indica— escribimos convocatorias como a última na que ‘buscamos poemas, relatos, imaxes, comics medievais’. O resultado é o fanzine Ao demo comend´Amor». No Instagram, achou o traballo de Adrián Maceda á quen lle publicou A Trasnoite.

Recoñece Trigo que as redes teñen un dobre gume. «Hai un pouco de estigma sobre a xente que publica poesía nelas ao pensar que ten pouca calidade. É consecuencia da vaga de autores como Marwan, Defreds. Despois hai xente que se empezou a dar a coñecer así, como Samuel Merino e que ten unha calidade impresionante», sinala.

A poeta engade que, para algunha xente, «está mal visto que os autores promocionen a súa propia poesía nas redes».

No caso da súa editorial, esta non existiría se non fora por elas. «Os editores de Malafera, Alfredo Vázquez máis eu, coñecémonos polo Instagram na pandemia. Despois fixémonos parella e decidimos crear Malafera», conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents