A gran festa de Xerais, en feminino
A entrega dos Xerais estivo marcada polo 40 aniversario do Premio Merlín, unha homenaxe ás cantareiras e os discursos das protagonistas: Érica Esmorís, Abril Camino e Andrea Maceiras, quen malia non poder asistir ante a súa inminente maternidade fixo chegar as súas palabras de agradecemento
Carolina Sertal
«Celebramos unha nova edición destes premios, pero hoxe sobre todo celebramos o 40 aniversario do Premio Merlín, o aniversario dun premio que ao longo deste tempo se converteu na espiña dorsal da literatura infantil. Foron 40 anos de esforzo colectivo e mancomunado, de arelas, de ilusión, de expectativas. Son 40 anos alentando a literatura infantil e xuvenil galego, 40 anos facendo historia, facendo historias, 40 anos de acompañamento ao pé dunha literatura en estado de abrente. O veredicto do Premio Merlín naquela primeira edición de 1986 enchía de esperanza o camiño, sementábao para que abrise, para que medrase coa forza dun proxecto editorial anovador, impetuoso e dun tempo desexoso de cambios. A gañadora daquela primeira edición foi unha muller, Ursula Heinze, con A casa abandonada, un libro que vendeu case 9.000 exemplares».
Estas foron as palabras coas que o director de Edicións Xerais, Fran Alonso, inaugurou onte no Museo do Mar de Vigo unha nova edición da cerimonia de entrega dos premios que o selo editorial convoca anualmente e que, neste 2025 recaeron en tres mulleres: Érica Esmorís, Premio Merlín de Literatura Infantil por Erin e o lobo; Andrea Maceiras, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil pola obra O corvo sobre a neve, e Rocío Otero, quen baixo o pseudónimo Abril Camino acadou o Premio Xerais de Novela por Mulleres que viven xuntas.
Logo da intervención do responsable da editora, a cerimonia, que foi guiada pola xornalista Susana Pedreira, continuou cunha conversa con dúas das protagonistas da xornada, posto que ante a súa inminente maternidade, a gala non puido celebrarse coa presenza de Andrea Maceiras, se ben trasladou nun vídeo e nun discurso que logo leu a súa amiga Érica Esmorís o seu agradecemento.
Durante a conversa con Abril Camino e Érica Esmorís, na que se proxectaron vídeos das súas reaccións cando lles foi comunicado o fallo e a valoración de integrantes dos respectivos xurados, a gañadora do Premio Merlín, no seu 40 aniversario, explicou que «todas as obras son persoais, teñen moitos puntos autobiográficos, pero neste caso, ademais, ten que ver co meu profundo amor pola miña filla». Pola súa banda, Abril Camino comentou que «non é o primeiro que escribo en galego, aínda que si o primeiro que remato e en formato de novela, pero si que é certo que eu tiña unha traxectoria no mundo editorial en castelán, era o que me daba de comer, e o que escribía en galego foi quedando máis apartado. Todo veu dunha crise, profesional e persoal, dun momento de querer rachar con todo. Comecei en castelán, pero non fluía, estaba amargada, e eu sabía que non só esta historia estaba pedíndome que a escribira en galego, senón que case todo estaba pedíndome unha volta ás orixes».
Para afondar na obra gañadora da autoría de Andrea Maceiras, no acto proxectouse un vídeo no que a escritora indicaba que O corvo sobre a neve é «unha historia diferente das anteriores. A min sempre me gustaron moito as historias realistas, que abordan cuestións sociais, intimistas, e por iso moitas das miñas novelas se enmarcan nesta liña, pero tiña moitas ganas de tocar un xénero que considero menos explorado na literatura infantil e xuvenil galega, porque aínda que hai moitos compoñentes da miña narrativa anterior, como a procura da identidade ou cuestións climáticas, é unha novela de aventuras na que a tecnoloxía e a literatura teñen un peso moi importante. É unha historia que nace dunha convicción persoal, porque nesta novela falo do que significa para min a literatura, é unha homenaxe aos clásicos da literatura infantil e xuvenil».
O intre máis agardado do evento chegou coa entrega dos premios e a lectura dos tres discursos, nos que destacou a reivindicación en materia de saúde mental e Lgtbq+ de Abril Camino, quen sobre as protagonistas da súa novela indicou: «Un dos meus medos era que o público considerara a Chus e a Isabel covardes, pero non son covardes, covarde era o mundo que non lles permitía amarse de maneira pública».
Como peche, posto que este ano o Día das Letras Galegas foi dedicado ás cantareiras, Xerais quixo tamén renderlles homenaxe nos seus premios cunha actuación do grupo Adonairare, que tocaron a peza Pateado de Trasmonte con pratos e dedais, para visibilizar que as mulleres galegas facían música con calquera obxecto que tiveran a man nas súas casas.
- Arranca en A Coruña tras once años de espera la obra del nuevo mercado y centro de salud de Santa Lucía
- Forbes' sitúa en A Coruña tres de los cinco mayores patrimonios de España
- Luz roja del Ayuntamiento de A Coruña al proyecto de 100 viviendas entre A Maestranza y Metrosidero
- Así era Dolce Vita, el centro comercial de A Coruña que cerró al abrir Marineda City y que ahora se transformará en Breogán Park
- Abre al público el primer local comercial del barrio de Xuxán en A Coruña
- Recta final para la apertura de un gran Gadis en la antigua nave de Caramelo en Agrela
- Fallece el miembro de Protección Civil de Abegondo Javier Montero
- La demolición del edificio que 'tapa' Mera, más cerca