Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Francisco Leiro Pintor e escultor

«O traballo feito con calidade é inmortal»

Escollido académico de número de Belas Artes en 2022 na sección de Escultura, o artista cambadés gozará o vindeiro día 19, o domingo da próxima semana, do acto de ingreso na institución española, no que destacará ese «roteiro» e xeito de vivir que foron e son para el a escultura e a arte en xeral

O escultor Francisco Leiro no seu taller en Cambados o pasado mes de xuño.

O escultor Francisco Leiro no seu taller en Cambados o pasado mes de xuño. / Iñaki Abella

Carolina Sertal

Vigo

En febreiro de 2022, a Real Academia de Belas Artes de San Fernando escolleu ao artista cambadés Francisco Leiro como académico de número pola sección de Escultura. O pintor e escultor gozará a vindeira semana do acto de ingreso na institución española.

Pasaron xa tres anos dende a súa elección como académico de número, pero que supuxo este recoñecemento?

Cando mo propuxeron, a primeira sensación que tiven é que era un recoñecemento para persoas cunha certa idade e a verdade é que me abrumaba un pouquiño. Despois acepteino e é todo un orgullo, porque pasaron moitos anos, levo expoñendo dende hai 50 anos, hai toda unha traxectoria e para min foi un recoñecemento a todo ese tempo.

Leva ademais o nome de Galicia á sección de Escultura.

Nas propias orixes da Academia xa houbo un escultor galego de Noia, Felipe de Castro (escultor persoal de Fernando VI, que en 1752 obtivo o título de académico de mérito, desempeñando despois o cargo de director xeral da Academia entre 1763 e 1766). É curioso que non houbera antes outro, a verdade, cos bos escultores que tivemos en Galicia. Temos que remontarnos ao século XVIII, que é cando comeza a institución, e en Galicia houbo moi bos escultores.

Mencionaba antes que xa vai medio século dedicándose a crear e a expoñer, que balance fai da súa carreira artística?

Son un artista que empezou moi novo e, ao final, a escultura e a arte en xeral é unha forma de vivir, é un camiño. De feito, o meu discurso de ingreso na Academia irá sobre esta cuestión, sobre o roteiro, o camiño da miña vida buscando a escultura e falando tanto da miña experiencia como escultor como viaxando polos diversos lugares do mundo nos que estiven traballando: dende Cambados, Santiago de Compostela, á viaxe que fixen a México nos 80, pasando por Madrid e, por suposto, Nova York.

E que papel xogaron todos estes lugares? Diría que determinaron a súa obra?

Si, porque eu son unha persoa á que lle inflúe moito o que ten diante, pero tamén o que quero ver, porque ao final ti tamén procuras ter diante o que che apetece. No caso de Nova York, para min foi unha cidade que me apetecía e que, de feito, me segue apetecendo, porque é unha especie de xanela ao mundo, a través desa cidade ves todo. Tamén foron moi importantes para min viaxes como a que fixen a Grecia, a ver os museos gregos de escultura clásica, ou a Exipto, porque dalgunha maneira viaxar forma parte da formación dun artista, viaxar é ver. Tamén son unha persoa que lle dá moita importancia á mirada, porque estar vendo traballos doutros artistas ou doutras épocas, intentar entendelos, é darte conta de que o artista cando é capaz de crear unha obra poderosa, que transmita, que emocione, dalgunha maneira está creando, non vou dicir inmortalidade porque ao final o artista dá igual, pero o traballo feito con calidade é inmortal. Podes ir vinte veces ao Museo do Prado e seguir emocionándote con As Meninas, de Velázquez.

Da súa longa traxectoria, sería quen de escoller algunha peza ou obra que o marcara especialmente?

É difícil porque teño varias familias de esculturas: dende as máis humorísticas, traballadas con ironía; outras con mensaxe político ou sociopolítico, relacionadas con diversos episodios que se cadra son moi sentidas, moi dramáticas... Pero tampouco me quedo cunhas ou con outras, penso que realmente son todo un conxunto. Ademais, eu son un artista que nunca vexo que unha obra estea rematada ou perfecta, sempre acabo coa dúbida de se lle falta algo ás miñas obras.

E falando de obra, en novembro van cumprirse 34 anos da instalación de O Sereo, en Vigo. É ben destacable como unha escultura nun espazo público poder rematar transformada nun emblema para unha cidade.

Trinta e catro anos xa? Que barbaridade! Cando me fixeron esta encomenda para facer unha escultura na Porta do Sol, cando fun alí, non vía espazo no chan para colocar alí unha peza, e máis nunha época na que había tráfico na zona. Veume á cabeza entón a idea da columna co león alado da praza de San Marcos, en Venecia. Fóiseme por aí a idea: levantar uns piares cunha peza, era unha opción. Con respecto á temática, busquei algo que simbolizara á cidade de Vigo, que é unha cidade que nace do mar, tanto pola súa orixe defensiva, pola zona do Castro como pola propia baía de Vigo, e despois economicamente, pensando en todo o tema da pesca e transatlánticos. A cidade nace do mar e doteina dun personaxe mitolóxico que é un tritón, un tritón feito á miña maneira, medio corpo de home e peixe, levando o tema do peixe cara un lateral e con cara humana pero de lorcho. Ninguén esperaba que fose converterse nun símbolo, a verdade, iso foi a propia cidade que o asumiu así. De feito, hai que ter en conta que no momento da instalación, durante anos, foi unha escultura moi criticada: a metade dos viguesas estaban en contra e a outra metade, a favor. Incluso houbo un alcalde que nunha campaña levaba no seu programa que, se gañaba as eleccións, o retiraba...

Pero permaneceu.

Si, si, el non quere moverse de aí.

A escultura pública é un xeito de democratizar a arte, que pensa ao respecto?

A escultura pública é difícil facela ben. Houbo uns anos que se fixo moitísima e hai obras mellores que outras, xa non entramos no caso das rotondas, que agora está España enteira chea de cousas moi raras. É realmente difícil. Eu nos encargos que fixen, por exemplo no caso de Vigo, tanto O Sereo como O bañista do Areal, unha peza partida en dúas, estudei moi ben o lugar e o proxecto. No caso de O bañista do Areal, é unha homenaxe, unha lembranza, de que entre a Praza da Estrela e A Laxe houbo unha praia e a escultura é un corpo que se descompón, como se somerxera, e que aparece na outra punta do areal, como se fora por debaixo do recheo e aparecera no outro lado.

E que camiños ou técnicas está explorando na actualidade?

Nos últimos dous ou tres anos seguín o meu roteiro. As últimas exposicións que fixen estaban relacionadas co mundo do corpo e tituleinas O corpo inventado. Agora, xa dende a figuración, déixome levar e fago todo tipo de formas que se me antollan, case formas que nin sequera as pide o tema. Todo isto foi levándome ao punto no que estou agora: a próxima exposición vai titularse O corpo esquecido, que sería xa un tipo de figuración que está nun proceso de amorfismo, que vai perdendo principalmente os elementos narrativos como poden ser as mans, os ollos, ese tipo de xesto. O que máis me está interesando na actualidade é deixar esa volumetría.

Onde e cando se poderá ver este novo traballo?

Aínda non está pechado, pero seguramente en Portugal. Proximamente.

Que valoración fai de Galicia a nivel artístico na actualidade?

Agora mesmo Galicia está moi ben en canto a artistas, hai bos profesionais que expoñen polo mundo adiante. A loita do artista penso que é máis ben a de poder colocar a súa obra. Artistas bos sempre os houbo, pero agora é moi boa época. Outro tema é poder vivir disto e para iso ten que haber máis interese por parte da sociedade e bos coleccionistas que se acheguen.

E espazos expositivos?

Bueno, espazos expositivos hainos. Se acaso, Galicia agora mesmo está frouxa de galerías comercias, pero espazos expositivos si que hai, outra cousa é que os artistas sempre queremos amosar a nosa obra nos mellores lugares. Espazos hai e, de todas formas, se tes ganas de expoñer, buscas. Eu cando comecei, en Santiago, expoñía nos bares. As miñas primeiras exposicións foron nos pubs e, ao final, se queres amosar o teu traballo, fas por amosalo, porque o artista necesita compartir o seu traballo cos demais, iso é moi importante.

Aquel mozo que expoñía nos pubs pensou que «o roteiro» o levaría até onde está hoxe?

Non, pero soñaba. Se penso naqueles anos, eu co que realmente soñaba era con viaxar e ten un grande estudio para traballar polo mundo adiante. Finalmente, conseguino, pero se non o tivera conseguido, tería quedado en Cambados tan contento, porque eu ando por aí adiante, pero Cambados sempre está presente e paso a metade do ano alí, no mesmo taller de sempre, o de toda a vida. Para min é básico. Son unha persoa moi urbanita, que necesito a grande urbe, pídeme o corpo ver esa ebulición, pero tamén volver a casa, e para min a casa é Cambados, é O Salnés, é a ría de Arousa, é o mar.

Tracking Pixel Contents