Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Consello da Cultura propón ensino en galego onde haxa demanda e consenso

Nun informe, froito dun foro participativo, recolle medidas para reverter os «malísimos» datos da lingua, entre elas a inclusión de cláusulas a prol do idioma nos contratos públicos

Dolores Vilavedra, Rosario Álvarez e Håkan Casares, onte, no CCG, en Santiago.

Dolores Vilavedra, Rosario Álvarez e Håkan Casares, onte, no CCG, en Santiago. / Xoán Álvarez

C. Villar

Santiago

Un ano atrás, o Instituto Galego de Estatística púñalle cifras ao retroceso do galego, nomeadamente entre a rapazada, e non foi o único: o INE tamén reflectía o devalo. Os resultados do uso da lingua son «malísimos», resumíao onte a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez. Se daquela a Xunta abría un proceso de consulta para revisar e actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística, o CCG anunciaba á súa vez, consonte coa súa función estatutaria como órgano asesor, un foro participativo na procura de solucións. As conclusións dese traballo recóllense no informe Un país coa súa lingua. Foro participativo, que reúne case un cento de achegas para «reverter» a situación do galego, entre elas a inclusión de cláusulas lingüísticas nos contratos de servizos, concesións ou subvencións de oferta externalizada —desde escolas infantís a transporte, auga ou recollida de lixo— ou a oferta de liñas educativas en galego no ensino público «sempre que exista demanda suficiente e consenso coa comunidade educativa».

O da educación, chave na formación de novos falantes, é un dos eidos de actuación das recomendacións que ao longo deste ano, a través de encontros sectoriais e da presentación de casos de éxito, cun enfoque positivo, como matizou Rosario Álvarez, se foron achegando nun proceso no que participaron unhas 2.000 persoas e no que se recolleron unhas 200 suxestións, das que se elixiron 96 no informe final. Para iso tívose en conta, explicou o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares, que servisen para converter «diagnósticos recurrentes» en «propostas operativas» por seren viables, teren un «impacto previsible e real» no uso do galego a curto e medio prazo e a capacidade de seren ampliábeis.

En concreto, entre as propostas que Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG e coordinadora do foro, presentou como «interesantes», no ámbito da educación atoparíase «que non haxa materias vetadas para seren impartidas en galego» ou a implantación dun proxecto piloto para ensinar en galego, a partir dun «consenso» nas comunidades educativas interesadas, «a maior parte das materias como medida compensatoria fronte á menor presenza social da lingua».

Xa con carácter estrutural, e tamén co «consenso» da comunidade educativa —non sería «operativo doutro xeito», advertiu Casares— proponse incorporar «a posibilidade» de que os centros que dispoñan de varias liñas educativas —varias aulas por curso– poidan ofertar algunha en galego «sempre que exista demanda suficiente» para «garantir que as familias que desexen unha escolarización maioritaria nesa lingua poidan acceder a ela dentro do sistema público» máis alá de experiencias piloto ou puntuais.

«Cremos que se pode avanzar por consenso con solucións que contenten a todo o mundo» e empregando as «marxes» que o marco lexislativo «permite», sinalou Vilavedra, quen apuntou a existencia de solucións parecidas noutras autonomías. A Comunidade Valenciana, exemplo que non citou, implantou este curso un sistema que permitiría a convivencia de aulas con castelán como «lingua base» con outras nas que ese rol o exerce o valenciano. Deciden esa lingua nais e pais.

Outras das medidas que enumerou Vilavedra comprenden a «redefinición» do enfoque do plurilingüismo, «que se fixo a costa do galego»; programas de acollemento a colectivos migrantes; presenza do galego en actividades extraescolares e campamentos e na ficción preadolescente, reforzo da programación infantil ou impulso dos equipos de normalización en centros con proxectos adaptados á contorna.

Vilavedra proclamou como condicións «básicas» para levar adiante as medidas a «coordinación institucional», a «infraestructura dixital» ou o financiamento, ademais de que o uso da lingua vaia xunguido a formación e recoñecemento profesional.

Xustiza e sanidade, ámbitos claves

Outras medidas que cita Vilavedra inclúen a creación dunha rede pública de servizos de normalización lingüística «dotados e coordinados» como apoio técnico. Nomeadamente ve «relevante»o seu impulso nos ámbitos da Xustiza e do Sergas. O informe propón, respecto á Xustiza, crear experiencias piloto de órganos xudiciais que operen integramente en galego. O persoal público tamén desempeñan un rol relevante. O informe suxire que se comuniquen «por defecto en galego, coa única excepción daqueles casos en que a persoa interlocutora solicite que se dirixan a ela en castelán». No tocante a altos cargos, «han de dirixirse ao seu interlocutor en lingua galega como regra xeral», recolle o documento, dispoñíbel na web do CCG. Vilavedra asegurou que o informe non constitúe un «catálogo» de medidas, senón que procura «traducir» un coñecemento «experto» nunha «folla de ruta orientadora para toda a colectividade», aspecto ese, o da «corresponsabilidade», que tamén subliñou Rosario Álvarez. «Todos somos interpelados», enfatizou a presidenta do CCG, que lle entregou o documento á Xunta e que espera que haxa «unha sintonía»: «Cremos que é un documento que vai ser atendido».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents