Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dez galardóns brillan nos Premios da Crítica de Galicia

M. Mato / R. C.

Vigo

Se houbera que describir con poucas verbas a gala en Vigo dos XLVIII Premios da Crítica de Galicia, as máis acaídas serían «unha boa e numerosa familia». O auditorio do Centro Social Afundación quedou pequeno para acoller as máis de 350 persoas que acudiron á cita. E se tiveramos que quedarnos cun só intre, o elixido é o aplauso —coa audiencia en pé— para o vigués-ourensán Marconi Suárez.

O aplauso foi solicitado polo presidente da Asociación Premios da Crítica de Galicia, Manuel Bragado, no seu discurso de apertura. De Marconi Suárez indicou que é «un arquitecto de vontades» e que, sen el, «non teriamos chegado aquí». Ese ‘aquí’ é un colectivo conformado por 35 persoas cuxo presidente fundador é Bieito Ledo. Coa entrega dos premios onte, os máis antigos de Galicia que brinda a sociedade civil, recoñeceron un total de 10 persoas ou proxectos de todo o país que traballan a prol da cultura de noso.

Na categoría de Creación Literaria o premio foi para Lara Dopazo por Contos gringos; na categoría de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía a Daniel Lamas, Andrés Justo, Mario Soilán, e Belén Riveiro polo seu proxecto conxunto; e na categoría de Investigación en Ciencias Sociais e Humanas ao proxecto As peregrinacións a Compostela.

O galardón de Iniciativas Culturais e Científicas recaeu no programa Apego, mentres que no resto de categorías os gañadores foron o Cuarteto de Música Quiroga; Chus Martínez en Artes da Imaxe; o Teatro De Ningures por As guardias ou o nó do tecelán nas Artes Escénicas; Manolo González en Artes Audiovisuais; o Centro de Formación Profesional Carlos Oroza de Cultura Gastronómica de Pontevedra; e por último, o Festival Carballo Interplay en Cultura Dixital.

Tracking Pixel Contents