Palcos, arqueoloxía galega da festa
Grazas á colaboración cidadá, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC logrou catalogar uns 400 palcos de música espallados polo territorio galego e compilar información sobre as festas asociadas. Liderado por Íñigo Sánchez, o proxecto pon en valor estes símbolos senlleiros da vida comunitaria

Fátima Rodríguez Porto e Íñigo Sánchez Fuarros. | Cedida
Carolina Sertal
Vivos, reapropiados, «fósiles» ou lembrados. Co obxectivo de localizar, catalogar e documentar os palcos de música espallados polo territorio galego para estudar a evolución das festas nas últimas décadas, sendo estes un exemplo de arquitectura popular e símbolos senlleiros da vida comunitaria, no verán de 2023 deu comezo o proxecto Palcos, unha investigación do Instituto de Ciencias do Patrimonio, do CSIC, liderada polo antropólogo e etnomusicólogo Íñigo Sánchez Fuarros e a través da cal, grazas á colaboración cidadá, logrouse rexistrar un inventario duns 400 palcos.
Os resultados da investigación, recoñecida co primeiro Premio en Ciencia Cidadá e financiada pola Xunta, veñen de facerse públicos e o responsable do proxecto explicou que, «partindo da pregunta de cal é a relación entre esta cultura material e as festas en Galicia, intentamos identificar e mapear os palcos e para isto levamos a cabo varias estratexias, comezando pola creación dunha plataforma colaborativa na que calquera persoa podía engadir información básica sobre o palco da súa parroquia, cunha foto e a festa que se celebraba ou se celebra nel. Ademais, tamén fixemos un traballo de campo con métodos tradicionais como o de coller o coche e recorrer algunhas zonas de Galicia buscándoos».
Íñigo Sánchez sinalou que nesta primeira fase do proxecto, que se prolongou máis dun ano, «tamén impartimos varios obradoiros entrando en contacto con entidades locais e organizacións vencelladas ao patrimonio que nos axudaron a definir as fontes, porque aínda que é un proxecto de investigación ten un compoñente de ciencia cidadá moi marcado». Neste senso, o responsable de Palcos apuntou que «grazas á plataforma colaborativa localizamos 400 e na nosa base de datos tiñamos inventariados a metade», de feito, na web www.palcos.gal, o rexistro segue activo e as persoas interesadas poden continuar nutrindo o catálogo destas construcións tan singulares das festas galegas.
Na segunda fase do proxecto, o equipo de traballo centrouse en estudar casos específicos de palcos para concretar os temas de investigación e Sánchez comenta que «unha das cuestións máis recorrentes nos obradoiros ou nos encontros coa xente era que, debido á perda de poboación nas zonas rurais, moitas festas que eran autoxestionadas polos propios veciños daban paso a outras máis profesionalizadas, nas que son empresas as que o xestionan todo».
O antropólogo destacou que «un dos aspectos que máis nos interesaba era entender a transformación dos usos desta arquitectura». Así, oequipo estableceu catro tipos de palcos da festa: os vivos, que aínda se empregan para as festas, «máis dos que nos imaxinabamos», indicou; os reapropiados, que son os que se empregan para outros usos tales como almacenar leña ou alimento para os animais; os «fósiles», que se atopan en estado de abandono e, por último, os lembrados, «aqueles xa desaparecidos, que foron derrubados, pero dos que a xente segue lembrándose».
O investigador pon o foco no «fenómeno» tan senlleiro que son os palcos nas parroquias galegas, porque «é certo que fóra desta zona non é común que nas aldeas se construíran estes espazos en conxunto, é algo moi propio de Galicia».
Suscríbete para seguir leyendo
- Pablo Montero, deportista sancionado por surfear en A Coruña con alerta naranja: 'No me puedo creer que la primera vez que me multen sea en mi ciudad”
- 3-0 | El Dépor golea a la Cultural y se coloca en zona de ascenso directo
- A Coruña antes de Marineda City: cuando la ciudad inauguró su primer, y polémico, centro comercial del siglo
- El Supremo hace pagar al Concello de A Coruña por prorrogar una concesión sin límites
- Gerard, el aficionado que se mudó a A Coruña por el Deportivo «con una mano delante y otra detrás»: «Me ha dado la vida»
- Un pescador fallece al ser arrastrado por una ola en A Coruña
- El arquitecto del mercado de Monte Alto pide más dinero por una ampliación del contrato de palabra
- LaLiga le pone el cuentakilómetros a la cabalgada de Yeremay en Zaragoza