O ecosistema galego cambia de dono: o problema das especies vexetais invasoras
As especies vexetais invasoras son un problema importante en Galicia, que rematan por causar dano aos ecosistemas locais e desprazan ás especies autóctonas. Pero, cal é a gravidade destes efectos e que podemos facer para reducilos?

Labores de limpeza de 'mimosa', especie invasora, na beira do río Liñares, na Estrada. / Bernabé
Diego G. Carballo
En Galicia non somos estraños ao termo “especies invasoras”, especialmente relacionado coa flora. Ben por acción humana ou outras causas, o medio natural galego encheuse de centos de especies non autóctonas que, en ocasións, causan un dano importante ao ecosistema local. Segundo a monografía Especies Exóticas Invasoras en Galicia (2019) do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), investigadores galegos detectaron ata 200 especies vexetais invasoras en Galicia, un número que xa de seguro aumentou nos últimos anos tras detectarse novas especies. Exemplos das máis coñecidas son os eucaliptos, a “herba da Pampa” (Cortaderia selloana) ou a “uña de gato” (Uncaria tomentosa).
Algunhas destas especies invasoras poden supor perigos importantes para o ecosistema local no que se introduce. Así o indica Manuel Antonio Rodríguez Guitián, profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, no Campus de Lugo, e investigador do IBADER: “Se falamos de ecosistemas con certo grao de naturalidade, principalmente compiten coas especies nativas pola auga, luz e nutrientes e mesmo as poden chegar a excluír dos seus propios ambientes, provocando alteracións na composición, estrutura e función dos diferentes hábitats”. Ao mesmo tempo, asegura que poden afectar indirectamente a outros lugares próximos sen estar presentes neles, xa que poderían ser hóspedes de pequenos organismos negativos para as especies nativas.
Tipos de danos
Os danos tamén chegan ás explotacións agrícolas: “Cando as especies invasoras aparecen en sistemas produtivos agro-gandeiros, adoitan provocar danos por infestación, reducindo as propias colleitas, e tamén poden contaminalas se producen sustancias tóxicas (coma o estramonio) ou rebaixar o valor nutricional dos pastos mediante invasión por gramas ou outras especies herbáceas”, sinala o profesor.
Ademais existe o problema de que algunhas destas especies, instaladas no territorio dende hai xa anos, teñen relación cos incendios forestais, coma os piñeiros, as mimosas, os eucaliptos ou as acacias, por exemplo: “Todas elas son ricas en compostos químicos inflamables, polo que favorecen a expansión dos lumes forestais máis aló dos lugares nos que se teñen plantado de xeito controlado, contribuíndo á degradación de grandes superficies forestais, como na Ribeira Sacra, afectada polo incendio deste pasado mes de setembro”.
Algunhas especies poden ser máis perigosas que outras, pero para poder coñecer o seu alcance, primeiro debemos distinguir entre dano dende unha perspectiva humana (socioeconómica) e ecolóxica. “Hai algunhas plantas invasoras das que, afortunadamente, non temos presenza en Galicia, que poden provocar patoloxías aos humanos por simple contacto, como acontece en varios países centroeuropeos”, explica Rodríguez Guitián, “pero, de tódolos xeitos, especies invasoras como a mimosa poden provocar alerxia por inhalación do seu pole a persoas sensibles a ela”.
No plano ecolóxico, o investigador asegura que se pode asumir que os danos son proporcionais á superficie que ocupa cada unha das especies invasoras, pero que tamén depende da súa densidade ou se a súa presenza ameaza a supervivencia de outras especies que estean en perigo de extinción ou que sexan particularmente importantes para o funcionamento do ecosistema. Entre elas podemos atopar varias especies de acacias, piñeiros e eucaliptos, “malas herbas” (xénero Conyza, Phytolacca americana), gramíneas empregadas na implantación de céspedes (Sporobulus indicus) e varias plantas ornamentais (Helichrysum petiolare, Tradescantia fluminensis, Tritonia x crocosmiflora...).
¿Como chegan a Galicia?
Unha das preguntas máis comúns sobre as especies invasoras versa sobre os motivos polos que chegaron aquí. ¿Quen as trouxo? ¿Por que? A resposta, segundo Rodríguez, pode sorprender: “A introdución da maior parte de especies invasoras realizase de xeito intencionado, xa que moitas teñen uso ornamental e son utilizadas comercialmente en todo o mundo”, como ocorre nos casos da herba da Pampa (Cortadeira selloana) ou do xenxibre de Hawaii (Hedychium gardnerianum). O aproveitamento madeireiro tamén ten a súa importancia na introdución de especies foráneas, coma o eucalipto, os piñeiros europeos (Pinus pinaster/sylvestris) e americanos (Pinus radiata) ou o carballo americano (Quercus rubra). Tamén existen casos nos que non se coñece a súa forma de chegada a Galicia e para as que se supón que puideron chegar a través de animais acuáticos ou aves migratorias, que actuaron como vectores de transporte.
Noutros casos, a expansión estase a producir a través do control por medios mecánicos da vexetación en camiños e estradas que, ao non ser limpados e desinfectados axeitadamente, esparexen restos e sementes vexetais dus lugares a outros. “O pasto de Sudán (Spolobolus indicus) estivo até hai uns 20-25 anos distribuída exclusivamente pola faixa costeira de Galicia; conforme se foi xeneralizando a roza mecánica, foise estendendo por todo o país”, afirma o investigador.
“A experiencia demostra que que moitas das plantas que os humanos fomos introducindo conscientemente no noso territorio para fins ornamentais e de produción forestal están a comportarse coma invasoras. Extremar o control sobre as especies introducidas antes de que dean o salto ao medio natural é fundamental, pois no momento no que as liberemos, de xeito consciente ou inconsciente, ou permitamos que se reproduzan, empezamos a poñer en marcha un problema”, explica. En Galicia é frecuente que a xente non se desfaga dos restos vexetais de forma axeitada e se depositen en vertedoiros incontrolados que rematan por converterse en fontes de plantas invasoras.
Os eucaliptos, fonte da polémica
Os eucaliptos son fonte de polémica en Galicia dende hai décadas. Como especie invasora, existe un debate en torno á súa utilidade e perigos. Rodríguez Guitián cre que este debate perde forza no eido científico: "Son especies que, de xeito natural, habitan áreas con condicións ambientais moi variadas, nalgúns casos similares ás nosas. Tanto neste caso como no doutras especies trasladadas dende a súa área orixinal, adoitan producir efectos negativos nos ecosistemas".
Se as quendas de aproveitamento son cada vez máis reducidas, as consecuencias afectan de forma máis pronunciada: "Os eucaliptos empregados en Galicia para madeira teñen unha elevada capacidade de extracción de nutrientes e auga do solo, de maneira que, tras tres ou catro quendas de corta, os solos xa non poden aportar os minerais necesarios", comenta o profesor. Así, os solos perden en 40-60 anos a fertilidade que tardaron séculos ou milenios en conseguir. Os científicos tamén sinalan que, comparados coas carballeiras autóctonas, os eucaliptos non son aproveitables pola maioría de aves típicas dos nosos ecosistemas, polo que canto máis se expandan, peor lle irá a estas aves.
Mecanismos de control
Ante o espallamento desmesurado dalgunhas especies invasoras, son necesarios plans de actuación para controlalas: “A lexislación estatal (Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade do 2007 e Real Decreto que regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, CEEEI) establece a necesidade da súa eliminación, control ou contención, pero non indica mediante que mecanismos. Non obstante, existe abundante bibliografía e experiencias mediante as que podemos ir establecendo as estratexias máis efectivas e menos custosas; en todo caso, non existen receitas milagrosas de aplicación universal, pois o control é moi dependente das características do medio no que está cada especie”, comenta Rodríguez Guitián.
Un exemplo de medida contraproducente que menciona foi o intento de control da coñecida como orella de rato (Helichrysum petiolare) na contorna do faro de Mera, en Oleiros, no Espazo Natural Protexido Monumento Natural Costa de Dexo. A utilización dun tractor con desbrozadora de cadeas para rozar unha superficie de case 4 hectáreas dominadas por toxos nos que estaba instalada esta especie invasora acabou por acelerar o seu proceso de invasión: “No caso dos espazos protexidos, cada vez está máis claro que as actuacións deben de realizarse mediante métodos manuais e de forma continuada no tempo”.
A pesar de que hai case 20 anos que se aprobou o CEEEI, en Galicia non existe unha estratexia propia de monitorización, control e erradicación de especies exóticas invasoras, algo necesario. Ante esta carencia, o investigador afirma que se teñen posto en práctica experiencias de control por parte dalgúns concellos ou por medio de proxectos Life financiados pola Unión Europea dentro de Espazos Naturais Protexidos, como aconteceu co fento acuático invasor Azolla filiculoides na cunca alta do río Miño ou con poboacións de calas, uñas de gato e margaridas do Cabo no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, así como por parte de diversas entidades medioambientais.
Por iso, Rodríguez Guitián cre que é importante que a sociedade e as administracións tomen conciencia da tendencia da situación coas especies invasoras e o papel que teñen como promotores do problema: “Deberíamos de incentivar a reflexión de se realmente ten sentido estar introducindo constantemente especies foráneas para ‘embelecer’ os nosos predios mentres existe un descoñecemento social moi amplo do que medra de xeito natural ao noso carón dende hai miles de anos”, finaliza.
Suscríbete para seguir leyendo
- RC Deportivo - Atlético de Madrid, en directo hoy: partido de los octavos de final de la Copa del Rey en vivo
- Lucas Pérez deja de entrenarse con el Leganés
- Los taxis de A Coruña cortarán Alfonso Molina para manifestarse contra los VTC
- Deportivo - Atlético: Horario y dónde ver por TV y online los octavos de final de la Copa del Rey
- El Asteria de Caión renace: nueva carta y el alma de un clásico en un antiguo marisquero
- El precio medio de nuevos alquileres en A Coruña baja de los 700 euros por primera vez en un año, pero también caen los contratos
- La Xunta construirá otras 264 viviendas públicas en el barrio de Xuxán, en A Coruña
- Así está la clasificación de Segunda División: El empate del Castellón relega al Deportivo a la quinta posición