«As redes xeran malestares co corpo que aínda non aparecen nos manuais médicos»
A presión estética é unha manifestación máis da violencia contra as mulleres e, na actualidade, esta tende a unha homoxeneización de rostros e corpos. A experta galega María Calado analiza como a «extrema delgadeza» segue fomentándose e alerta de novos trastornos vencellados ás redes
cAROLINA sERTAL
Considera que a extrema delgadeza dos 2000 está regresando como canon de beleza? Cales diría que son as causas?
Diría que máis ben continúa a presión estética sobre as mulleres para que estean moi delgadas e penso que principalmente se debe a motivos económicos, porque está constatado que hai un montón de industrias que viven das inseguridades e da insatisfacción corporal normativa que temos as mulleres. A cosificación e a presión estética sempre estiveron presentes, en diferentes culturas e distintos séculos, o que cambia é o tipo de cosificación en función do paso do tempo e das modas.
Esa presión estética, ademais de manter o foco no peso, semella que se desprazou cara a homoxeneización do rostro. Que papel xogan nisto as redes?
Totalmente. Un dos exemplos podemos velo na campaña de Zalando, na que aparece Uma Thurman, quen vai pola rúa comparando como van vestidas as demais persoas para coller ideas para vestirse e todas teñen en común o ideal estético do modelo Barbie: son rubias, delgadas e co mesmo corte de pelo. Isto é algo terrible. Penso que cada vez hai unha maior presión por ir vestido igual, por acadar un aspecto homoxéneo con respecto ao pelo ou á tez, e isto choca coa diversidade de corpos e rostros en función da súa bioloxía, da súa idade, das súas orixes, cando saímos á rúa. Con respecto ás redes sociais, están xerado novas formas de malestar relacionadas co corpo e a alimentación que aínda non aparecen nos manuais médicos oficiais, pero xa afectan a millóns de mulleres. A ortorexia, por exemplo, é a obsesión patolóxica por comer só alimentos puros ou saudables. En Instagram, case a metade das que seguen contas deste tipo amosan sinais deste problema fronte a menos do 1% da poboación xeral. Tamén sucede que moitas mulleres novas eliminan grupos enteiros de alimentos baseándose en informacións falsas. Por outra banda, a dismorfia dixital aparece polo uso constante de filtros de beleza. As adolescentes, por exemplo, están afeitas a verse retocadas e acoden ao cirurxián plástico pedindo parecerse a esa versión con filtros de Snapchat ou Instagram. Adolescentes, cada vez máis novas e novos, piden bótox preventivo, recheo nos beizos ou intervencións no nariz para parecerse a eses estándares dixitais. Estas realidades existen e causan sufrimento antes de que a mediciña as recoñeza oficialmente como trastornos, deixando ás afectadas sen diagnóstico nin tratamento axeitado.
E eses ideais de beleza practicamente son inalcanzables. Moitas veces, aínda cumprindo con ese canon, son habituais os comentarios sobre o aspecto físico.
Claro. Unha das cuestións que sempre destaco nas miñas intervencións é que as influencias son múltiples. Por unha banda temos a presión dende as redes sociais, os medios de comunicación ou as industrias interesadas en que consumamos determinados produtos, pero tamén existe a presión na contorna próxima, como familias, parellas ou amizades, nas que non está mal visto que se xulgue os corpos das mulleres. É por isto que penso que debería haber máis campañas de concienciación e sensibilización sobre as repercusións que este tipo de comentarios poden ter.
Mesmo repercute nas carreiras profesionais, como foi o recente caso de Nelly Furtado.
Totalmente. Na campaña deste 25-N fixen un vídeo titulado Taylor ya no encaja: Edadismo estético y presión corporal en la fama, no que a través de letras das súas cancións vemos como afonda nesa presión estética e como, cando están cima, sempre haberá quen as compare con como eran na mocidade ou con mulleres máis novas.
E como é posible construír unha ollada máis diversa cara os corpos?
É difícil cando dende ámbitos educativos e sanitarios segue manténdose unha mirada «pesocentrista», porque segue asociándose que unha persoa está enferma ou non en función do seu tipo de corpo, única e exclusivamente por un parámetro físico. O primeiro que temos que traballar é que ter un determinado corpo pode resultar un factor de risco para desenvolver ou non unha determinada enfermidade, pero non é o único que hai que analizar. Cómpre facer pedagoxía corporal, do respecto das persoas en todas as tallas e non asociar enfermidade a un determinado corpo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Accidente mortal en A Coruña: una mujer de 49 años fallece al salirse un coche de la calzada en Alfonso Molina
- Una de las naves históricas de la N-VI en Bergondo se prepara para volver a la actividad
- Deportivo - Mallorca, en directo hoy: partido de la Copa del Rey en vivo
- Los bomberos de A Coruña rescatan a una persona encerrada en un tendedero
- Salvamento recupera en la zona de las Esclavas el cuerpo del pescador desaparecido en A Coruña
- La estación de buses de A Coruña, vacía y sin servicios mínimos en la tercera jornada de huelga
- RC Deportivo - Mallorca: Horario y dónde ver en TV y online la Copa del Rey
- Hidalgo da la clave de la regularidad: 'El que mejor sepa gestionar ese vaivén de emociones tendrá mucho hecho