Educación e liberdade, o soño de moitas
Tras o éxito de ‘A saga das curandeiras’, a bióloga e investigadora galega Marisa Castro regresa ás librarías coa novela de ficción ‘Soño de liberdade’, obra coa que pretende render homenaxe ás mulleres que abriron camiño baixo réxime de submisión franquista
Carolina Sertal
Nun momento no que as mulleres vivían baixo lupa, tanto por parte de réxime franquista como pola sociedade, nun tempo no que lucir unha saia demasiado curta ou pantalóns era sinónimo de «indecencia», no que era utópico viaxar alén das fronteiras de España ou abrir unha conta bancaria, porque mesmo unha educación básica era para moitas apenas unha ilusión, a Marisa Castro quedoulle ben gravado o comentario que lle fixo un sacerdote cando ela estaba estudando: «E ti non podías casar mellor e ter un home na casa?», unhas palabras que dan boa conta da constante supervisión á que eran sometidas as mulleres da época.
Sen ser unha obra autobiográfica, esta é tan só unha das anécdotas persoais que a investigadora e bióloga Marisa Castro incorpora na que supón a súa segunda novela, Soño de liberdade, cuxo obxectivo é reivindicar a aquelas mulleres que abriron camiño ás novas xeracións baixo o réxime de represión e submisión franquista, segundo explicou a propia autora.
Tras o éxito de A saga das curandeiras, Marisa Castro regresa tres anos despois ás librarías cunha historia que asegura que naceu do «medo a que todos eses dereitos conseguidos poidan retroceder», confesando que está «un pouco asustada por como está indo a vida social nestes momentos, sobre todo por parte da xente nova, que semella que cre que todo nos vén dado, que todo está feito, que sempre vai ser así e que non sei vai volver atrás. Eu teño medo porque o descoñecemento da historia podería levar a que se repita, o que sería moi triste, de aí que quixera contar como eran antes as cousas».
Deste xeito, a investigadora relata en «Soño de liberdade», publicado por Hércules de Ediciones, a vida dunha muller nada no rural galego a finais dos 40, trazando un percorrido dende o seu nacemento na época das cartillas de racionamento até a chegada da democracia, poñendo o foco na loita da protagonista para saír da submisión que asfixiaba a súa nai e a súa avoa, unha batalla que logra gañar a través do estudo e a rebeldía, acadando así a ansiada independencia. Todo un itinerario que non está exento do que dirán, da autoridade paterna, da precariedade da vida dunha nena rural na cidade e mesmo as dificultades para vivir un primeiro amor.
Marisa Castro apunta que «esta non é unha autobiografía, pero o libro si é autobiográfico na maneira de sentir. Teño 70 anos e vivín parte daquel contexto, vin como funcionaban as cousas: xente atea ía a misa e comulgaba só para que o réxime os deixara tranquilos, os sacerdotes metíanse na vidas das persoas, de feito, a min pasoume que un me recomendou deixar de estudar para casarme. O que dirán foi moi importante naquela época, especialmente para as mulleres».
Rural e alfabetización
En «Soño de liberdade», ademais de centrar a súa ollada nas problemáticas que afrontaban as mulleres, Marisa Castro pon o foco nas dificultades de acceso á educación, así como na realidade do rural galego da época. Neste senso, a autora sinala que «se xa na cidade era complicado ser muller, canto máis no rural. Nas segundas eleccións que houbo, eu fun presidenta da mesa e daquela vivía nun barrio de Lugo, que ías camiñandoá cidade; pois collín a listaxe e comprobei que en mulleres de máis de 40 anos o índice de analfabetismo era espeluznante, mentres que moitas outras indicaban que tiñan estudos primarios, pero que era analfabetismo tamén, porque tan só sabían debuxar o seu nome e pouco máis que sumar e restar. Aquilo asustoume tanto que me quedou marcado e quixen darlle saída nesta novela».
En Soño de liberdade é precisamente a educación a principal ferramenta que ten a protagonista para loitar contra a obediencia que pautaba o réxime franquista e, en alusión aos tempos actuais, Marisa Castro reflexiona que «hai dúas formas de manipular á poboación: non deixar que se forme ou a través de fabricar bulos e mentiras. Como hoxe é moi difícil que a xente non estea formada e informada, por iso se introducen os bulos». No tocante ao rural, a investigadora tamén establece unha comparación entre pasado e presente, apuntando que «é tan romántica a idea que ten a xente da cidade do rural que está quedando despoboado, se fose tan bo, non abandonarías á túa familia nin as túas querenzas. Efectivamente hai máis comodidades que antes, non se morre de frío e non hai fame, pero é que hai moitas outras cuestións básicas que non se cubren e a xente acaba marchando».
Suscríbete para seguir leyendo
- Alejandro Lista, hostelero de A Coruña al que en un día le fallaron 34 personas en comidas de Navidad: «Te dan ganas de llorar»
- Tres amigas de Arteixo marcan la pisada del futuro con su zapatería barefoot: 'Fuimos las primeras en la comarca
- La huelga de bus en A Coruña volverá este viernes 12 de diciembre sin previsión de cumplir mínimos
- Huelga en el comercio textil de A Coruña contra el convenio estatal: cierre de tiendas y concentración ante Zara
- El mercado de Navidad de María Pita, «adecuado» y con público según el Concello de A Coruña
- De ilusión a pesadilla: Una artesana abandona el poblado navideño de A Coruña tras volar el techo de su puesto
- La huelga en el comercio textil de A Coruña frena el convenio en Madrid
- Estas son las 14 rutas que propone Aena para el aeropuerto de A Coruña: de Palma de Mallorca a París