Saltar al contenido principalSaltar al pie de página
Espazo Educativo. Formación

Unha xornada para o benestar emocional na adolescencia

A Xunta de Galicia organiza este sábado 29 de novembro unha xornada de formación dirixida ás familias en materia de benestar emocional na adolescencia. Baixo o título A familia como base do crecemento persoal e emocional, a actividade abordará aspectos como o establecemento de límites para os rapaces ou o uso responsable das novas tecnoloxías. A sesión terá lugar no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago e a inscrición, aberta a calquera persoa interesada, pode facerse de balde no Portal Educativo ata esgotar as prazas.

A xornada, que será inaugurada ás 10.00 horas, contará coa participación de tres expertos na materia como Alexandre García Caballero, doutor en Psiquiatría e especialista no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que abrirá a formación co relatorio Axudando a crecer cando cambian os marcos ás 10,30 horas, ou Selva Orejón, consultora en ciberseguridade e identidade dixital e perito xudicial, directora executiva de OnBranding, que será responsable da charla Como ensinar ás túas fillas e fillos a usar a tecnoloxía de forma segura e responsable ás 11.30 horas. O programa péchase con Amor e límites para axudar ao teu adolescente ás 12.30 horas a cargo de María Velasco Ghisleri, especialista en Psicoterapia Integradora e Psicoterapia do Neno e do Adolescente.

A xornada celébrase no marco das melloras que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a realizar no modelo de ensino híbrido de Galicia, que inclúe accións formativas dirixidas ás familias coa finalidade de reforzar o seu coñecemento dixital e axudalas no labor de acompañamento aos seus fillos.

A actividade forma parte tamén da Estratexia galega de convivencia escolar 2025 e súmase a outras accións como o novo programa Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade que vén de poñer en marcha o Goberno galego.

Tracking Pixel Contents