A pioneira en signar nun coro tradicional
Cantares do Brión son pioneiros en Galicia na implantación da lingua de signos na interpretación dos seus temas. Patricia Gómez é a muller que está detrás deste fito, pois o seu marido é unha persoa xorda que nunca se perdía as actuacións do coro do que ela formaba parte e en 2016 signaron a primeira canción

Patricia Gómez e as súas sobriñas Renata e Cora nun ensaio de Cantares de Brión / Marta G. Brea
Carolina Sertal
Aprendeu a signar de adulta, formándose a través de varios cursos, pero sobre todo poñéndoo en práctica no día a día tanto con amizades como co seu marido, que é como «realmente se perfecciona», sinala. Fóra do cotiá, Patricia Gómez participaba no coro de música tradicional Cantares do Brión e o seu home non se perdía as actuacións da agrupación con sede en Vincios, no Val Miñor. Conscientes de que entre o seu público unha persoa xorda era asidua aos seus concertos e que entre a filosofía da formación está moi presente a igualdade, chegou un día no que se lle lanzou a proposta a Patricia Gómez de signar algún tema para rachar no ar a barreira que impedía que o seu propio marido puidera coñecer o que ela cantaba cos seus compañeiros e compañeiras cada vez que subían ao escenario.
Foi así que, no ano 2016, Cantares do Brión marcou un fito histórico na comunidade galega, pois con apenasseis anos de traxectoria pasaron a converterse no coro pioneiro na implantación da lingua de signos na interpretación das súas cancións: «Alguén propuxo que podería estar ben probar a signar e, a primeira vez, contamos cunha rapaza intérprete para que me botara unha man. Daquela, probamos cun só tema, así comezamos, pero logo tivo moita aceptación e finalmente rematamos signando todas as cancións. Para min o peor era ter que poñerme diante de todo, porque temos que ter visibilidade para interpretar, pero foi algo que gustou moito e, ao final, todo o mundo ten dereito de saber que é o que se está dicindo no concerto», comenta Patricia Gómez. Logo das primeiras experiencias e dada a boa acollida, o propio coro impulsou que o resto de integrantes da agrupación fixera cursos de lingua de signos.
Á hora de signar as letras de música galega tradicional do coro no que participa, Patricia Gómez sinala que, «loxicamente, tes que ir coa música e co que cantan os demais, transmites e interpretas a medida que van cantando e, á hora de ensaiar, xa vas probando e adaptando en lingua de signos as estrofas, porque hai algunhas que igual se alongan demasiado e ti xa recortas para axustar». Neste senso, Patricia Gómez tamén fai referencia a que a tradución dos temas de Cantares do Brión en lingua de signos non sempre é literal, pois menciona que, cando se sitúa diante no escenario para levar a cabo a interpretación en lingua de signos durante os concertos, «cantar igual non cantamos, senón que pronunciamos o que signamos e, nese proceso, como moitas das cancións son poemas, realmente non signas literalmente porque se non non se van comprender. O que facemos é explicar o que queren dicir as cancións, interpretamos e explicamos o seu significado».
Cuestión de accesibilidade
Hai uns dez días, Cantares do Brión presentou o seu terceiro traballo, «Unha lingua para amar», cun gran concerto no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, e Patricia Gómez conta que, xunto co seu marido, había entre o público máis persoas xordas. Así, esta integrante do coro de música tradicional de Vincios apunta que «o obxectivo é facer a música accesible e que as persoas xordas saiban que, se queren, poden vir a unha das nosas actuacións».
Posto que a presentación do novo disco foi practicamente «na casa», «ademais de signar as cancións, tamén se contou cunha intérprete para interpretar tamén os discursos. Noutras ocasións, se se vai fóra, asumo eu a interpretación desa parte, pero ao final eu fágoo porque me toca de preto, pero non son profesional e, neste caso, xa que o concerto era na nosa zona, levouse a unha intérprete».
A incorporación da lingua de signos á música e a espectáculos culturais segue sendo na actualidade unha materia pendente, se ben cada vez vai gañando máis terreo e, a este respecto, Patricia Gómez analiza que «se non che toca, é algo que non pensas, porque ademais como tamén é unha discapacidade que non é visible, non se ten presente, pero está aí. Cada vez hai máis opcións, pero aínda queda por facer».
Polo pronto, Patricia Gómez e Cantares do Brión achegan o seu gran de area á comunidade das persoas xordas, unha importante colaboración con visos de ter continuidade, pois as pequenas Renata e Cora, sobriñas de Patricia, xa contribúen cos seus xestos máis bonitos dende o escenario.
- Las primeras dependientas del Zara de Juan Flórez se despiden de la tienda: «Empezamos a vestir a los niños, después a los niños de los niños y después a los nietos de los niños».
- Los vecinos de Seixo Branco, en Oleiros, obligados a pedir vados para evitar problemas en verano
- Diego Maceiras, dueño del único supermercado de Caión: 'Hemos sobrevivido 50 años gracias al verano
- Así está la clasificación de Segunda División: gana el Castellón y al Deportivo se aleja del podio de la LIga Hypermotion
- Luz verde a las demoliciones y reformas de la antigua Alu Ibérica de A Coruña, junto a Marineda, para albergar dos nuevas fábricas
- Una de las familias más ricas de Cataluña, casera de la primera tienda de Zara del mundo, en A Coruña
- El Almería le marca el camino al Deportivo con el Albacete y Riki
- Todas las claves del fichaje de Riki por el Deportivo: calma tensa a la espera de un movimiento del Albacete