Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os seres galegos máxicos de Nadal

Trasnos que entran nas casas na Noiteboa para provocar caos e desorde, personaxes como o Demo Asubiador, que escolle unha vítima nestas datas para pasar todo un ano asubiando no seu oído, e tamén o Apalpador, bruxas e defuntos. Estes son algúns dos seres mitolóxicos propios do Nadal galego

Ilustración coa que Francisco Sutil representou os Trubincos que documentou Rafael Quintía.
 |  F. Sutil

Ilustración coa que Francisco Sutil representou os Trubincos que documentou Rafael Quintía. | F. Sutil

Carolina Sertal

A Coruña

Na chegada da Noiteboa cómpre agudizar os sentidos en Galicia e, moi especialmente, deberían ficar atentas ás súas chemineas as persoas que habiten fogares situados no rural de Pontevedra, pois é probable que nesta data tan sinalada reciban unha visita que provoque o caos pola casa adiante. Disque tras as ditas falcatruadas non se agocha ese elfo vestido de vermello que na actualidade inunda as redes sociais e que nos últimos anos foi incorporado con total naturalidade por moitas familias con crianzas, senón que os artífices da desorde levan o selo dos denominados Trubincos, un tipo de trasno propio da comunidade galega que aproveita a noite do 24 de decembro para coarse polas chemineas e facer das súas, agás que os donos da vivenda estean alerta, claro, pois existe un truco ben sinxelo para escorrentalos: basta con ter apañadas previamente unhas piñas con resina ou brea e prendelas na lareira ou no lume, un rito ben efectivo co que se calman e liscan por onde viñeron.

Galicia caracterízase por contar entre a súa tradición cun nutrido abano de lendas e seres mitolóxicos que, como non podería ser doutro xeito, tamén abarcan o período de Nadal. As transformacións sociais e ideolóxicas que protagonizaron a metade do século XX, tales como a desarticulación do rural, a emigración ou a industrialización provocaron que moitas daquelas lendas foran denostadas e consideradas contos de vellos e de vellas, tal e como apunta o antropólogo, investigador e escritor galego Rafael Quintía, quen precisamente rescatou no ano 2014 a figura dos Trubincos, propios da súa parroquia de San Martiño de Salcedo (Pontevedra), destacando tamén que «moitos destes mitos e ritos perdéronse no momento no que se rompeu a cadea de transmisión oral».

No caso concreto dos Trubincos, Rafael Quintía explica que «procurando información sobre eles tamén atopei que na rexión de Silesia, entre Polonia, Chequia e Alemaña, tamén existen estes seres que no Nadal causaban o caos e queimaban as piñas. Na miña parroquia, por exemplo, non se lembraba a figura dos Trubincos, pero si que perdurou o rito de queimar as piñas, porque cando os rescatei no 2014, a miña nai lembroume que xa meu avó queimaba na Noiteboa as piñas de piñeiro manso que lle traía un veciño, é dicir, hai veces nas que se perde o mito e queda o rito, outras queda o mito e non o rito e noutras permanecen ou pérdense ambos». Para o libro de patrimonio inmaterial no que o antropólogo pontevedrés recuperaba estes seres do imaxinario colectivo galego, foi Francisco Sutil quen deseñou unha primeira representación gráfica dos mesmos, mais na última década foron popularizándose e na actualidade mesmo existen bonecos e embalaxe de doces típicos de Nadal na que son protagonistas, neste caso, deseñados polo ilustrador Leandro Lamas.

Fronte á fama que vén collendo o elfo de Nadal estadounidense nos últimos anos, Rafael Quintía reflexiona que «choca como asumimos con entusiasmo as tradicións que veñen de fóra e somos reacios a poñer en valor as propias, porque dentro da nosa tradición temos os nosos propios trasgos. Hoxe en día existen moitas ferramentas para transmitir ese legado tan valioso, porque se non sabemos de onde vimos nin quen somos, dificilmente imos saber cara onde imos, e penso que como pobo, esta idea de conservar a nosa diversidade cultural e identidade, é importante».

Outras presenzas típicas

Os Trubincos non son dende logo os únicos seres mitolóxicos galegos que teñen presenza nestas datas e, neste senso, Rafael Quintía fai referencia tamén a outro personaxe emblemático como é o Demo Asubiador, un pequeno diabro natural dos Gafos, río que nace en Vilaboa e desemboca na ría de Pontevedra, e que segundo comenta o antropólogo «escolle unha vítima anual, un pobre candidato para recibir unha tortura, pois o Demo Asubiador sube ao seu ombreiro e pasa todo o tempo asubiando no seu oído, a persoa non deixa de escoitar ruído», engadindo o investigador que «esta non deixa de ser unha explicación mitolóxica dunha patoloxía, igual que acontece cos tardos que se pousan sobre as persoas pola noite e provocan pesadelos, como explicación á parálise do sono».

O Apalpador é outra das presenzas típicas do Nadal, a máis recuperada até o de agora. Respecto ao xigante carboeiro, Quintía sinala que a súa figura «foi recuperada pola asociación da Gentalha do Pichel, a raíz da documentación de Xosé André López. Este carboeiro, que se repite noutros lugares de Europa, ten a particularidade de todos os seres de Nadal, que son de carácter liminar. El vive no bosque e entre Noiteboa e fin de ano visita as casas da aldea para apalpar as barrigas dos meniños e, se non comeron, deixarlles unha presa de castañas». O investigador pontevedrés afirma tamén que «hai unha figura que recuperou Miguel Losada na zona da Pobra de Trives, o Pandigueiro, que facía algo semellante ao Apalpador. Se ben este se popularizou nos últimos 20 anos, hai que lembrar que xa nos anos 60 Xesús Taboada Chivite falaba da noite do apalpadoiro, é dicir, que nesa noite xa existía a tradición de apalpar as barrigas».

Por outra banda, o antropólogo pontevedrés tamén fai alusión ás bruxas e aos defuntos como seres típicos do Nadal. Así, Quintía menciona que, «aínda que non reparamos neles, os defuntos tamén nos acompañan nestas datas, de feito, é que nos acompañan durante todo o período invernal, nestes tempos de escuridade, de aí que exista a tradición de deixar un prato para os seres queridos que xa non están durante a Noiteboa, porque pululan pola casa. Permanecen dende o propio día de Defuntos até o Entroido, cando volven ao seu mundo». En canto ás bruxas, o investigador asegura que «até final de ano, estas datas son propicias para a súa presenza, de aí o dito de: ‘En San Silvestre, meigas fóra’. As meigas andan no Nadal coincidindo co solsticio de inverno e en San Xoán co de verán», conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents