Entrevista | Moisés Barcia Editor, director de Rinoceronte Editora
«As barreiras que había con respecto á tradución ao galego foron superándose»
Coa intención de importar literatura estranxeira, no ano 2005 naceu en Cangas do Morrazo a primeira editorial de Galicia especializada na publicación de obras traducidas ao galego. No seu 20 aniversario, Rinoceronte Editora pode presumir de contar no seu catálogo de autores e autoras con varios Premio Nobel traducidos, antes de ter recibido estes o galardón, ademais de ser un selo de referencia.

O tradutor e editor Moisés Barcia. | Cedida
Carolina Sertal
Con motivo do 20 aniversario da primeira editorial de Galicia especializada na publicación de obras traducidas ao galego, o director de Rinoceronte Editora, Moisés Barcia, analiza a traxectoria do selo.
Como naceu a editora?
A editora nace porque eu levaba xa dende 1999 facendo traducións para Xerais, Galaxia... Traducín por exemplo libros como O señor dos aneis, O hobbit, etcétera, e despois cinco anos dedicándome a isto parecíame que o enfoque que se lle daba ás traducións ao galego era un pouco limitado e se analizabas o mercado en castelán atopabas editoriais que practicamente tan só facían traducións e que tiñan un estilo moi determinado, como podía ser Anagrama. Eu pensei daquela que era boa idea impulsar unha editora especializada e, de feito, non tardou moito tempo en que aparecesen outras editoriais que se inspiraron nese modelo e pasaron a producir unicamente traducións en galego.
E Rinoceronte foi pioneira.
Si, si, foi a primeira editorial especializada en tradución, pero o certo é que a tradución ao galego era algo excepcional, porque se asumía que quen decidía ler en galego era porque quería ler a un determinado autor galego e que para ler literatura estranxeira xa estaban as editoriais españolas que facían tradución. Custou un pouco superar ese chip, pero eu creo que hoxe xa hai unha boa parte da xente que o asume.
Foi mundando a demanda co paso do tempo? Detectaron un incremento do interese por obras estranxeiras traducidas ao galego?
Si, dende logo. Son xa 20 anos, a nosa presenza estivo aí e o traballo foi tendo impacto. Ao final as barreiras mentais que había con respecto á tradución ao galego eran bastante absurdas e foron superándose. Eu lembro unha vez que fomos presentar un libro na Fnac da Coruña e, buscando o libro nos estantes, resulta que non estaba. Logo vin a un empregado sacándoos dun armario para poñelos na mesa e cando preguntei que como non estaban nos estantes, a resposta foi que nun sitio estaban os libros en galego e noutro as traducións, pero que non había libros en galego traducidos e como non existía a categoría, a pesar da nosa presentación, pois non estaban. Non é porque fisicamente sexa imposible, senón que existe un certo pensamento derivado das ideas que nos meteron na cabeza durante anos, pero eu creo que hoxe xa está máis normalizado.
E como foi cambiando a editora dende os seus inicios?
En cada período de 10 anos, sempre procuramos darlle unha volta. De feito, cando fixemos o décimo aniversario levamos a cabo uns cambios bastante importantes e agora nos 20 anos tamén fixemos outros. Na primeira gran mirada no espello hai 10 anos, cambiamos as portadas, porque eran moi sinxelas e aínda que eran moi bonitas, eran moi escasas en información, polo que cambiamos a cor plana por imaxes que puidesen atraer a atención da persoa que se achegara ao libro. Por outra banda, nós cando comezamos, empezamos cunha gama enorme de linguas, de feito, Rinoceronte foi a editora que traduciu por primeira vez literatura dun montón de linguas ao galego: finlandés, xaponés, checo, polaco, húngaro... Aínda que á xente parecía que lle facía graza, o certo é que o que acababa mercando a gran maioría eran obras traducidas do inglés e do francés. A cultura que xa temos máis asimilada é a americana ou a inglesa que nos chega tamén polo audiovisual, polo que esa narrativa practicamente se converteu na nosa, de maneira que chegados os primeiros 10 anos, sen deixar de publicar esas linguas máis remotas, xa nos centramos máis nas linguas europeas máis próximas, sobre todo no inglés. E xa con respecto aos últimos 10 anos, ademais de crear un selo infantil que se chama Sushi Books, que tamén comparte o enfoque da tradución, pensamos que quizais podía ter sentido empezar a incorporar literatura española non galega: castelán, catalán e euskera. A modo de exemplo, publicamos o de Mario Obrero Con e de curcuspín e A península das casas baleiras, de David Uclés, que está tendo un impacto enorme, xa está practicamente para saír. Antes semellaba que o propio feito de publicar en galego era establecer unha barreira co castelán, pero pensamos que isto pode enfocarse como un intercambio nas dúas direccións, porque ao final vivimos en España e os libros dos autores en castelán tamén nos interesan.
No catálogo contan con autores e autoras traducidos que logo foron Premio Nobel, como se establece a selección?
Si, os últimos Premio Nobel témolos traducidos. Annie Ernaux non me sorprendeu, pero Han Kang si porque tampouco ten unha produción enorme e László Krasznahorkai xa me deixou completamente desconcertado. Este autor estaba moi pouco traducido e o libro nós non o podiamos valorar porque estaba en húngaro e pedimos aos tradutores que nos explicaran de que ía e se pagaba a pena, pero claro, o resultado económico foi pobre porque non é literatura de gran consumo. En xeral estamos moi orgullosos de todos os nosos autores e autoras e das linguas traducidas, pero é certo que a xente non sempre quere algo tan sublime, algunhas obras chegan ao gran público, pero outras das que traducimos están condenadas a ser minoritarias.
É un risco que asumen.
Claro, a forma que ten de definirse unha editorial é o seu catálogo. Lembro que queriamos contratar a outro autor húngaro, nin sequera se publicara en castelán, e cando revisou a nosa web e viu que tiñamos a Kavafis, accedeu. O catálogo é a nosa carta de presentación e eu estou moi contento coa traxectoria e cos riscos asumidos.
«Se un libro galego non está nunha libraría galega, onde vai estar? Pero o problema é que non están»
Cal é o segredo para manterse tantos anos no mercado do libro galego? Apostan pola presenza en feiras e pequenas librarías?
Ao principio iamos moito a feiras, pero é esgotador e o impacto é limitado ás persoas que están alí. Con respecto ás librarías, son o noso escaparate: se un libro galego non está nunha libraría galega, onde vai estar? Pero o problema é que non están. É un drama porque unha persoa que non estea pendente de suplementos literarios, as novidades en galego case nin as ves, polo que xa derivado desa situación hai unha maneira de actuar que pasa por fortalecer as redes sociais para tratar de facerse ver, porque se dependes doutros, é moi complicado. É un círculo vicioso porque se non se amosa que hai a opción en galego, menos vai venderse.
Suscríbete para seguir leyendo
- Qué es Trison, la multinacional coruñesa afectada por un incendio en Sada que cuenta con Inditex entre sus históricos proveedores
- Baroke: el mítico templo de A Coruña donde toda una generación aprendió a salir de fiesta
- Panadería Toñito expande su emporio de empanadas en Piadela con la construcción de sus nuevas instalaciones
- Los ingenieros que revitalizaron la plaza de Vigo de A Coruña con tres establecimientos: 'Abrimos Central Park en 2012 en el local que ocupaba la papelería América
- La Xunta propone dar un máximo de 200.000 euros a Alvedro para captar dos rutas, un 10% del presupuesto de Turismo para vuelos
- De Entrejardines a Correos: nueva reorganización en una parada clave de A Coruña por donde pasan 296 buses y 2.000 viajeros al día
- La difícil supervivencia de las cafeterías de instituto de A Coruña: "Con lo que te van a dejar vender, es inviable"
- Nueve imágenes que muestran el avance de la remodelación de los Cantones de A Coruña