Unha sinfonía de madeiras das catro provincias
O lutier Adrián M. Pereiro amosa nun documental o proceso creativo, dende os bosques até o seu obradoiro, e as historias de vida tras o violonchelo que deseñou con materia prima local de toda Galicia

O lutier Adrián M pereiro / Arián Quinteiro
Carolina Sertal
Ciprés para a tapa, chopo no fondo, castiñeiro para os aros, mais piñeiro de Oregón plantado en Galicia para os contraaros, cerdeira para o mango, teixo para as pestanas inferior e superior e, por último, ciroleira para o diapasón. Resoa así a sinfonía de madeiras procedentes das catro provincias galegas que pasaron polas mans do lutier Adrián M. Pereiro para construír un violonchelo que é moito máis ca un instrumento, pois a súa ensamblaxe garda tamén historias de vidas de persoas con impacto cultural, artístico, económico e humano na comunidade galega.
Logo de finalizar hai exactamente un ano o que supuxo todo un traballo de investigación acústica que desenvolveu grazas ao apoio da Bolsa ensaia, co obxectivo de continuar divulgando tanto o seu proxecto como as historias que agocha o seu «chelo», Adrián M. Pereiro decantouse por amosar nun pequeno documental o proceso creativo, dende os bosques até o seu obradoiro, desta proposta tan especial coa que o artesán tamén quixo abrir unha porta á utilización de materia prima local na elaboración de instrumentos de corda fregada.
Na peza audiovisual, dispoñible dende este mes de decembro para todos os públicos na web unchelocatrohistorias.com, Javier Merelas relata como conservou a antiga madeira de castiñeiro do Courel que vestía a vivenda que adquiriu para rehabilitar, a cal nunca imaxinou que remataría nun instrumento de corda. O escultor coruñés Iván Matos conta pola súa banda como elabora as súas pezas artísticas con serra e gardou un anaco de piñeiro de Oregón para o proxecto de Adrián M. Pereiro, namentres Pedro, Elba e a súa pequena protagonizan a historia de vida tras o teixo do violonchelo, madeira procedente de Casaio (Ourense) e que Pedro define no documental como «unha xoia botánica», engadindo que «malia que medra moi pouquiño ao ano, mantén un dos ecosistemas máis antigos da península». No documental, dirixido por Arián Quinteiro, tamén aparecen artesáns como Xaneco, César Arias, Roi Earan ou Inazio, quen achegaron respectivamente as madeiras de ciroleira, dende Lugo; ciprés, dende A Coruña; cerdeira, procedente de Pontevedra, e chopo, tamén de Lugo.
«Estamos valorando mover o documental nalgún certame, presentalo a máis público, para así poder seguir dando a coñecer estas historias de vida, tamén a das persoas que están detrás do documental e da súa rodaxe, porque si que me gustaría poñelas en valor», destaca o lutier, quen engade sobre o violonchelo que «a idea era tecer historias de persoas que admiro e que teñen un impacto positivo en Galicia con madeira e o documental axuda a entender estas historias persoais».
Á hora de escoller un instrumento para conectar os distintos relatos tras as madeiras, Adrián M. Pereiro explica que pensou no violonchelo porque afirma que «é un instrumento que me gusta moito, pero penso tamén que hai moi pouca investigación detrás del, polo que eu quería facer a miña humilde achega». A selección do seu proxecto por parte da comunidade de Ensaia foi o impulso necesario para que o lutier, que se formou na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, se puxera mans á obra.
Dende o seu obradoiro da Coruña, Adrián M. Pereiro fixouse o reto de analizar as posibilidades que ofrece a materia prima local e comprobar se alomenos é factible utilizar na confección dos seus instrumentos un 50 ou 60% de madeiras galegas. Finalizado en decembro de 2024 o instrumento e a investigación sobre a súa acústica, o proxecto deste lutier non rematou no violonchelo, pois tivo a oportunidade de presentar os resultados obtidos das medicións en distintos centros educativos e tamén de espazos privados de España a principios de 2025.
Suscríbete para seguir leyendo
- Las primeras dependientas del Zara de Juan Flórez se despiden de la tienda: «Empezamos a vestir a los niños, después a los niños de los niños y después a los nietos de los niños»
- Así está la clasificación de Segunda División: gana el Castellón y al Deportivo se aleja del podio de la LIga Hypermotion
- Los vecinos de Seixo Branco, en Oleiros, obligados a pedir vados para evitar problemas en verano
- Todas las claves del fichaje de Riki por el Deportivo: calma tensa a la espera de un movimiento del Albacete
- Sonia García (24 años), camarera coruñesa, opta a ganar el Concurso Camarero del Año: 'Espero dejar a Galicia en la mejor posición
- Luz verde a las demoliciones y reformas de la antigua Alu Ibérica de A Coruña, junto a Marineda, para albergar dos nuevas fábricas
- Pandiani regresa a los banquillos del fútbol español
- Diego Maceiras, dueño del único supermercado de Caión: 'Hemos sobrevivido 50 años gracias al verano