Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os lagares de cera do noroeste, únicos en Europa xunto a varios de Grecia

A Universidade de Santiago documenta 14, dos que seis se atopan en Galicia en Covelo, Forcarei, Samos, O Valadouro e O Incio | Os investigadores veñen de publicar un estudio

Lagar de cera rehabilitado en Paraños (Covelo), onde funciona como museo. |  Foto cedida por D. Copena

Lagar de cera rehabilitado en Paraños (Covelo), onde funciona como museo. | Foto cedida por D. Copena

mar mato

A Coruña

«Apenas existe constancia de lagares de cera conservados noutros lugares de Europa. Estamos ante un patrimonio singular e único que cómpre conservar e estudar. Noutras zonas da península hai algúns así como en Grecia pero como os de maior tamaño de Galicia non hai exemplos nas fontes consultadas». O economista e investigador ponteareano Damián Copena resume así a conclusión principal dun traballo que vén de publicar en ERPH, revista electrónica de patrimonio histórico, xunto á investigadora Mariam Ferreira.

Copena engade que «existen poucos exemplos de lagares que se conservasen ata a actualidade. O que foi aparecendo foi froito de traballo de campo e da busca de diversas fontes». En Patrimonio Industrial Apícola Cerero en el noroeste peninsular: los lagares de cera de prensa de viga puxeron o foco nos lagares de cera de Galicia, Asturias, Norte de Portugal e Zamora.

Nese perímetro, identificaron un total de 14 lagares de prensa de cera de viga, dos que seis se localizaron en Galicia: dous grandes atópanse no Concello de Covelo (en Paraños e na Lamosa) e outro en Forcarei. «Estes son os máis importantes; despois, hai en Sober, n’ O Valadouro e no Incio. En Galicia, algúns lagares están ben conservados pero a meirande parte presentan dificultades. O caso máis interesante é o de Paraños en Covelo (Pontevedra) porque foi restaurado pola comunidade de montes do lugar e crearon nel un centro de interpretación, unha especie de museo, no que falan do oficio do cereiro, do prensado e da cera», sinala Damián Copena.

Algún dos lagares conservados no noroeste conta con vigas de ata sete metros de longo ou case oito. «Son estruturas moi grandes para prensar grandes cantidades dos restos das colmeas despois de quitarlle o mel. O fin era facer grandes bloques de cera amarela, que se conseguía no prensado no lagar», engade o investigador.

O proceso que se seguía nesta infraestrutura non era sinxelo. Relata Copena que as persoas que traballaban na industria cereira percorrían as áreas onde había colmeas. «Mercaban os restos das ceras dos paneis e levábanos ata os lagares. Alí prensaban a cera. O lagar era similar aos homólogos de viño, aceite ou sidra só que tiña unhas características específicas. Tributaban e pagaban impostos como actividade específica (lagares de cera) na contribución industrial», lembra Damián Copena.

Os investigadores conclúen que funcionaron principalmente entre o primeiro terzo do século XX e ata os anos 60, no caso dos máis grandes. En canto aos comezos, lembran que hai testemuños documentais sobre prensas de cera «bastante séculos atrás. No 1750, o Catrastro do Marqués de Ensenada fálanos de varias prensas de cera. É posible que algunha delas se corresponda con algunha das localizadas neste estudo», engade.

En canto ao funcionamento destes lagares, sinala que presentaba unha gran viga atravesada por un enorme parafuso de madeira. Este presiona o lugar onde se mesturaba a cera coa auga, filtrada con esparto. «Debaixo hai unha estrutura de pías para separar —pola diferenza das densidades— a auga da cera. Despois, deixaban a cera en grandes pías para secalas», explica.

Para Copena, «é moi importante» estudar e localizar estas estruturas. «En primeiro lugar, sinala, no 2025, o Ministerio de Cultura declarou a apicultura manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial. Alí, fai referencia aos lagares e ás eiras para branquear a cera (que tamén se salvagardan en Galicia). Pero existe moi pouca investigación sobre esas infraestruturas».

O anterior explica a relevancia da investigación da USC. «É a primeira vez que se fai un estudo pormenorizado das infraestruturas cunha caracterización e análise dos lagares de prensa de cera de viga no noroeste pensinsular», resume Copena.

Unha das conclusións do traballo plantexa que na actualidade sería interesante facer un esforzo por parte da Administración públicas, centros de investigación, universidades e asociacións apícolas para identificar e localizar lagares e protexer os atopados. Aí, entraría a súa restauración. Ademais, o equipo desexa seguir buscando lagares no resto da península como segunda parte da investigación.

Tracking Pixel Contents