Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tini Andrés: A pioneira galega do cinema

Cando nos inicios dos 1970, a cámara de Súper 8 se espallaba por EEUU e parte de Europa, en Galicia poucos a posuían. Tini Andrés, de A Guarda empregouna entre 1971 e 1973 para os seus filmes caseiros. Un é ‘Bowery NY’, unha obra de vangarda, experimental e con crítica social. Unha investigación do cineasta Xurxo Chirro vén de descubrir a pioneira galega do cinema

MAR MATO

A Coruña

Tini Andrés é unha mestra xubilada galega que vive a cabalo de Galicia e Madrid, onde reside parte da súa familia. A través do teléfono, nin imaxinamos que, ao outro lado da liña, fala unha persoa que este xaneiro cumpre 79 anos. Inda que por unha parte recoñece que foi pioneira en moitas cousas (a primeira correspondente do Faro de Vigo en A Guarda, a primeira muller concelleira no devandito Concello...), resta mérito aos traballos que realizou no cinema nos inicios dos anos 70. O cineasta Xurxo Chirro pona no lugar que merece: Ela é a muller pioneira do cinema galego. Así o defende no seu ensaio premiado nos Premios María Luz Morales 2025.

Acredítano as súas obras: varios rolos de cinta gravada en Súper 8 entre os anos 1971 e 1973 nos que aparecen imaxes familiares (cinema doméstico) pero tamén unha «alfaia», Bowery NY.

Nuns tres minutos —a curtametraxe podémola ollar no YouTube— ficamos abraiadas coa peza rodada no 1973 en New York. Daquela, Andrés moraba co seu marido en New Jersey. O día da rodaxe subiuse como copiloto no coche mentres conducía el. Ela ía gravando.

A cinta ofrece unha viaxe. Primeiro, amosa dende o coche monumentos que inmortalizan a gran cidade. Comeza coa ponte de Brooklyn e o arco da ponte de Manhattan para entrar no barrio de Bowery. Aquí, céntrase en grupos de homes en rúas lixadas, nun deitado no chan cunha botella preto da súa cabeza, unha muller maior que vai pedindo esmola cunha cunca na man... Algunhas persoas semellan sufrir adición, a maioría están moi sucias e semellan preocupadas ou mesmo idas. O coche acaba por chegar á zona dos cinemas, dos rañaceos.

Chirro subliña que é un traballo «experimental» xa que «manexa uns logros formais que son extremadamente interesante e reveladores (...) Esta película é unha rara avis que está fóra dos aspectos industriais». E de certo o é polos encadres, o xeito de presentar a temática e os personaxes, a mensaxe de crítica social dun soño americano que xa daquela apeaba del a numerosas persoas.

Tini Andrés (María Florentina Andrés Álvarez) ten unha vida de película. Estudou nas Doroteas de Pontevedra e nas Xesuitinas de Vigo para despois culminar a carreira de Maxisterio. O seu primeiro destino foi unha aldea de Rodeiro (Pontevedra). Despois casou cun mariño da Armada de Tui, Tomás Fernández, co que faría a maleta cara Xenebra e New York para despois regresar a España onde volveu ser mestra en Galicia pero tamén en Madrid.

O Proxecto Socheo, de A Guarda, dixitalizou as súas obras no 2022. Nun primeiro momento, a asociación pedira á poboación que lle remitiran as súas películas caseiras de cinema antigas. Co material recollido, publicárono na súa web e foi cando esta muller nacida n’O Rosal no 1947 tomou conciencia de que as súas obras deberían figurar tamén alí. Tras poñerse en contacto con Chirro, este descubriu un tesouro: unha ducia de rolos de cinema inéditos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents