Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

TikTok, Instagram e videopodcast: así reivindicará a RAG a Begoña Caamaño no Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega pon o foco na mocidade nos actos programados este ano, incluíndo contidos en redes sociais pensados para este rango de idade. "Non queremos que pase desapercibido o extraordinario valor da súa obra", di

Imaxe do arquivo persoal de Begoña Caamaño.

Imaxe do arquivo persoal de Begoña Caamaño. / Real Academia Galega

A Coruña

"Begoña Caamaño senta a irrupción en letras maiúsculas na narrativa". Así salienta a tesoureira da Real Academia Galega, María López Sández, o mérito feminista da homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2026, Begoña Caamaño, no acto celebrado na Fundación Luís Seoane este luns para presentaren os actos previstos para esta conmemoración. A pesares de ter escrito soamente dúas obras, a xornalista e escritora "sentou un fito na literatura galega", afirma López, con Circe ou o pracer do azul (2009), que se vería confirmado con Morgana en Esmelle (2012).

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, anunciou que o calendario de actos de difusión da vida e obra de Caamaño inaugurarase o vindeiro 2 de marzo en Vigo, cidade natal da homenaxeada. A cativada do colexio público O Pombal será o público escollido para arrincar a axenda conmemorativa. "Non queremos que pase desapercibido o extraordinario valor da súa obra", declarou Monteagudo. A escritora An Alfaya presentaralles o proxecto Primavera das Letras, consistente en "materiais específicos para a rapazada", segundo explicou Monteagudo. A propia Alfaya, co apoio dos debuxos de Laura Romero, escribiu un texto teatral baseado no universo da laureada. O escrito está pensado para animar aos máis pequenos a facer, tanto de xeito individual coma colectivo, unha lectura dramatizada dentro e fóra das aulas.

Actos en Vigo e Santiago

Outro dos actos do calendario previsto celebrarase tamén en Vigo. O simposio Begoña Caamaño ten coma obxectivo impulsar a celebración das Letras Galegas mediante a reflexión e análise da vida e obra da escritora. Non obstante, será Santiago, cidade onde a escritora comezou a súa andanza literaria, a escollida para albergar o acto central da festividade: o pleno extraordinario da Real Academia Galega do 17 de maio, en honra da autora. Repasaranse "os estudos e iniciativas de difusión da vida de Begoña que irán saíndo, sen ningunha dúbida, ao longo do ano", comentou Monteagudo.

"Desde o ano de Xela Arias, 2021, facemos unha docuserie. Este ano imos cambiar o formato", sinalou o presidente da institución. Desta volta, o formato escollido será un único documental sobre Caamaño, que será de longa duración, da man de dous directores, Damián Varela e Alba López.

Deixando á parte as actividades clásicas, a novidade deste ano preséntase en forma de vídeos curtos pensados para seducir aos máis novos nas redes sociais. "Detectamos un baleiro e unha certa carencia en materiais destinados á mocidade, porque a Primavera das Letras está destinada a xente aínda máis nova. Imos facer, por primeira vez, unhas iniciativas específicas para este público de 15 a 30 anos, con moita incidencia nas novas linguaxes das redes sociais", explicou Monteagudo.

Así, idearanse vídeos curtos e vídeo pódcast coa participación de "xente máis nova que ten certa presenza en redes sociais", segundo Monteagudo. Para cumprir con este cometido, a RAG abrirá unha conta de TikTok. Porén, o presidente da institución confesa que hai "un axuste que facer entre a proposta que chegue, que está moi pensada dende ese punto [das novas tecnoloxías], e as linguaxes que a academia pode ou non pode adoptar". Polo momento, aínda que non pode dar nomes ao tratarse dun contido "ao que aínda lle estamos dando forma", confirma que contarán con persoeiros influíntes das comunidades en liña. "Mulleres influencers, xente que está a facer moito traballo en galego nestas redes", afirma, para conseguir que sexa "dun impacto visible".

"É unha oportunidade de revivila"

A irmá da homenaxeada, Beatriz Caamaño, afirmou que a celebración de Días das Letras é "un grande orgullo e unha grandísima oportunidade de difundir" a súa obra. A familia, manifestou, está agradecida por "esta oportunidade de revivila, de reatoparnos con ela novamente, desta cercanía". Poñendo de manifesto o telón de fondo do pensamento da autora, declarou que "todo o mundo debería achegarse ao feminismo a través de Begoña Caamaño". Beatriz reivindicou a importancia dos contidos da obra da irmá, especialmente na actualidade: "Son fundamentais no momento social que estamos vivindo".

Estes contidos están moi en contacto coa tradición occidental, segundo explicou López Sández. "A través desa reescrita da Odisea, ese botar a vista ao que foi a epopea grega, e facelo nesa clave que xustamente pon o foco na perspectiva de muller. Algo que na propia literatura galega, a partir dese poema no que Penélope afirma 'eu tamén navegar', dalgún xeito viña funcionando como un lema do feminismo", di.

Comparou, tamén, a Circe de Caamaño co Ulises de Joyce, aínda que "con presupostos moi diferentes e desde unha perspectiva especificamente galega". En Morgana en Esmelle, segundo explica López, entra en xogo a que sería "a grande materia paneuropea da Idade Media: a Materia de Bretaña". Ideario de gran relevancia na literatura galega, ao ter intentado Ramón Cabanillas "facer desta materia a épica galega", expón a tesoureira da RAG. O motivo, para ela, recae en que a Materia de Bretaña "veu cubrir o óco de non termos unha épica especificamente galega". Subliñou, tamén, a calidade literaria de Caamaño, presente nos seus escritos.

Por todo isto, indicou López Sández, a RAG quere retomar a enerxía social xerada no ano das cantareiras para difundir a obra de Caamaño entre a poboación galega. "Que se lea, que se coñeza, que se asente como lectura no sistema educativo, que dea pé á reflexión sobre as nosas tradicións, sobre os mitos, sobre a reinterpretación en clave feminista. Cremos que este ano vai ser o que consiga que Begoña Caamaño una, como só os grandes escritores conseguen facer, o aplauso crítico coa adhesión popular".

Tracking Pixel Contents