Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Grupo Naturalista Hábitat opina

Sobre Darwin e a evolución

Cosme Damián Romay Cousido

Nesta semana falouse moito nos medios de comunicación sobre evolución e selección natural. O motivo é o día de Charles Darwin, que celebra cada 12 de febreiro o natalicio do gran naturalista inglés, que viviu entre os anos 1809 e 1882. Aínda a sociedade en xeral ten, como mínimo, nocións da evolución das especies, falta quizais unha maior divulgación en profundidade do traballo de Darwin e da súa importancia para entender a ciencia actual. O darwinismo —termo acuñado polo biólogo Thomas Henry Huxley (1825-1895)— vai da man dos conceptos de evolución e selección natural, traballados por Darwin a partir de 1837. O darwinismo combina os principios da variabilidade nas formas de vida, a herdanza dos carácteres biolóxicos e a loita pola supervivencia. Só así se produciría unha reprodución selectiva de determinados individuos, que lograrán deste xeito perpetuar a súa información xenética. Estes postulados coincidiron en tempo e forma cos esbozados polo naturalista galés Alfred Russel Wallace (1823-1913), figura complementaria a Darwin, e ata certo punto eclipsada por este. Con todo, polo contexto da época, nin Darwin nin Wallace deron unha boa explicación á orixe de toda a diversidade biolóxica nin á herdanza dos caracteres adquiridos. Sería o zoólogo estadounidense William Brooks (1848-1908) o que describiría a variabilidade por mutacións ao azar, o verdadeiro «motor da evolución». A suma dos postulados de Darwin e Wallace cos de Brooks, coa guía das «leis da herdanza» do monxe e botánico Gregor Mendel (1822-1884), cristalizou a finais do século XIX nunha actualización do darwinismo: o «neodarwinismo».

Tamén Darwin está en voga pola actual exposición Seoane&Darwin, aberta no Instituto Cornide da Coruña con motivo do 125 aniversario da morte do naturalista coruñés Víctor López Seoane (1832-1900). Seoane e Darwin mantiveron unha relación epistolar durante anos, que fixo do naturalista galego un convencido darwinista. Nunha época na que a propia universidade de Santiago de Compostela era —de facto— antidarwinista, o posicionamento de Seoane a favor da teoría da evolución de Darwin era auténticamente revolucionario. Hoxe en día, a teoría da evolución non é nada teórica: é unha certeza total, avaliada pola ciencia, e afortunadamente ensínase na maioría dos centros educativos do planeta. Con todo, existen aínda resistencias ao (neo)darwinismo por parte de colectivos —e mesmo por estados— fundamentalistas relixiosos, que prohiben ensinar a evolución e a selección natural como formas de explicar a diversidade biolóxica do planeta. A cambio, imparten teorías pseudocientíficas como o «creacionismo» ou o «deseño intelixente», que pivotan na acción máxica dun «ser superior».

Conclusión: o G. N. Hábitat segue, desde 1979, comprometido coa divulgación científica, poñendo o foco na necesidade de ensinar a evolución e os traballos de Darwin, Wallace, Brooks e Mendel en todas as etapas formativas. En relación con isto, exposicións como a de Seoane&Darwin son un necesario complemento pedagóxico para o público en xeral. n

Tracking Pixel Contents