Queremos Galego propón case 300 medidas para impulsar o uso do galego e frear a «emerxencia lingüística»
Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, critica que a Xunta aposte por «reverter a oficialidade da lingua galega»

Asistentes á asemblea esta mañán na praza da Quintana / Xoán Álvarez
Mateo Garrido Triñanes
Centos de persoas concentráronse esta mañá na praza da Quintana para participar na asemblea aberta convocada pola plataforma Queremos Galego, que serviu para ratificar o Protocolo Lingua Vital, un documento elaborado ao longo dos últimos meses por 57 entidades sociais e apoiado por case 400 organizacións co obxectivo de reverter a situación de «emerxencia lingüística» na que se atopa o galego.

Peche da asemblea na Praza da Quintana / Eva Fernández Prieto
O documento toma como punto de partida os obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, onde os diferentes grupos de traballo detectaron numerosas actuacións que nunca chegaron a aplicarse. Ademais, pon enriba da mesa case 300 medidas para recuperar espazos de uso para o idioma no ensino, a administración pública, os medios de comunicación ou o sector económico.
«Neste tempo a Xunta non fixo nada»
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras, lamentou antes do inicio da asemblea que dende hai ano e medio cando o Insituto Galego de Estatística (IGE) deu a coñecer o estado no que se atopa o idioma «a Xunta non só non fixo nada para reverter a situación da lingua galega, senón que o que fixo foi todo para reverter a oficialidade da lingua galega».
Unha posición que Maceiras ve na votación en contra do galego nas notarías, nos xulgados e nas xestorías no Parlamento galego; nas campañas da Xunta en español nos centros de ensino ou na negativa a que Galicia tivese voz propia na Unesco.
Fronte a esta inacción e prexuízo por parte da Xunta, Maceiras subliñou que a sociedade «non ficou parada» e que diversas entidades, de todos os ámbitos e sectores, puxéronse de acordo para elaborar unha alternativa: o protocolo Lingua Vital.
A coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, reivindicou a autoría colectiva do documento, tras máis dun ano de traballo, e lanzou unha mensaxe directa ao Goberno galego. «Este é o traballo que poñemos á vosa disposición. Copiádeo, plaxiádeo. Este é o traballo que tiñan que facer vostedes, e que fixemos nós», afirmou.
«Este é o traballo que poñemos á vosa disposición. Copiádeo, plaxiádeo. Este é o traballo que tiñan que facer vostedes, e que fixemos nós»
Tal e como explicou Mónica Fernández Valencia, encargada de presentar as conclusións da comisión dedicada aos servizos públicos, explicou que o protocolo aposta por consolidar o galego como lingua habitual da administración e por pasar dunha política baseada na recomendación a un modelo que garanta efectivamente os dereitos lingüísticos. «O porvir da lingua galega está ligado de xeito indisoluble á súa vitalidade nos espazos de xestión pública», explicou.
Entre as medidas propostas destacou establecer o coñecemento do galego como requisito para acceder á función pública, garantir que a primeira atención nas administracións se realice en galego ou introducir cláusulas lingüísticas nos contratos públicos para que software e dispositivos estean configurados por defecto na lingua propia.
Proxección exterior e lusofonía
A dimensión internacional da lingua foi outro dos aspectos abordados na presentación do protocolo. As propostas inclúen reforzar o apoio ás comunidades galegas emigradas para manter o uso do idioma e promover o recoñecemento do carácter plurilingüe do Estado.
O documento aposta tamén por avanzar na oficialidade do galego na Unión Europea, pola presenza de Galicia con voz propia en organismos internacionais como a UNESCO e por impulsar a difusión da lingua e da literatura galegas fóra do país a través de lectorados universitarios, programas educativos e iniciativas culturais.
Nesta liña, o protocolo reclama tamén o cumprimento efectivo da Lei Paz-Andrade para fortalecer os vínculos coa lusofonía e promover intercambios culturais, económicos e educativos con países e territorios de lingua portuguesa.
Críticas ao decreto de plurilingüismo
Se ben, unha das medidas na que os promotores do protocolo puxeron un maior énfase foi a derrogación do decreto de plurilingüismo aprobado en 2010. «Un decreto moi exitoso para excluir a nosa lingua das aulas. Exitoso para prohibir o galego na educación. Exitoso para que os nosos nenos e nenas non só non adquirisen competencia lingüística, se non que perdesen a que traían da casa», censurou Celia Armas.
Deste modo, o protocolo propón aprobar un novo marco normativo que garanta «os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas», coa finalidade de asegurar a competencia plena do alumnado no idioma ao rematar a educación obrigatoria.
Apoio político
No acto participou tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que expresou o apoio da súa formación ás iniciativas destinadas a reforzar a presenza do galego na sociedade.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, esta mañá na praza da Quintana / Xoán Álvarez
Pontón coincidiu con Maceiras e acusou á Xunta de manter políticas que, ao seu xuízo, favorecen o avance do monolingüismo en castelán como o decreto de plurilingüismo. Segundo afirmou, esa norma provoca que «moitos nenos e nenas entren pola porta da escola falando galego e saian sen falalo», polo que defendeu situar a lingua «nun lugar de igualdade» no sistema educativo.
A líder nacionalista asegurou que o futuro do galego depende de garantir o seu uso nos ámbitos institucionais e sociais e reivindicou a defensa da lingua como unha responsabilidade colectiva.
Un novo paso para o protocolo
A aprobación do documento na Quintana marca agora o inicio dunha nova fase para a plataforma Queremos Galego. Segundo explicou Maceiras, nos próximos meses elaborarase un calendario para aplicar e avaliar as medidas propostas, coa intención de impulsar a súa posta en marcha tanto desde as institucións como desde a propia sociedade civil.
- Terrazas secretas en A Coruña: las 6 joyas de barrio favoritas de los vecinos (de Lonzas a O Portiño) para merendar al sol esta primavera
- Nueva vida para el concesionario Conde Medín: el Concello presentará proyecto para dedicarlo a 'equipamientos públicos' en el segundo semestre de 2026
- Así es el calendario del Deportivo en la recta final de Segunda División: rivales, viajes y duelos directos
- Los Jove, Collazo y Modesto Rodríguez promueven pisos turísticos en dos edificios ruinosos en el centro de A Coruña
- Del primer Zara del mundo a supermercado Dia: el emblemático local de Juan Flórez, en A Coruña, ya tiene nuevo inquilino
- El lotero acusado de quedarse con la Primitiva millonaria: 'Cuando encuentro el boleto no tengo a nadie delante
- La Xunta anuncia una nueva oferta de empleo público con más de 800 plazas de libre acceso
- Francisco Vázquez, exalcalde de A Coruña, solicita al Deportivo no cambiar su topónimo