Fillas de Cassandra: «Non podes contar con alguén que che segue no Instagram; pero as persoas ao noso lado poderían ser un salvavidas»
O dúo Fillas de Cassandra fai cinco anos de vida, un lustro de éxitos que celebran con novo disco e nova xira, «Tertúlia»
Nel, ábrense aos sons latinos e inclúen por primeira vez letras de amor
Avisan do risco de perder o feminismo: «As rapazas van sufrir as violencias igual pero non van entender que iso é unha violencia e que se poden opoñer a ela»

Pedro Fernández
Mar Mato
Se nestes días procuran contido na plataforma Movistar +, unha das músicas que saltan no menú son os acordes de «Insolación», canción do novo disco de Fillas de Cassandra. O dúo publica o 24 de abril «Tertúlia». Nel, volven levar a experimentación musical máis alá, co galego presente, e coa inclusión do amor por primeira vez. A música tradicional segue na base pero inclúen sons máis latinos ou africanos (quizomba incluído). O 9 de maio abren a xira en Pontevedra cun concerto que promete ser apoteósico. O tour levaraas ao estranxeiro. A República Checa agarda por elas. Parrafamos con Sara Faro e María Soa con ‘merendola incluída’ con patatillas Bonilla, Cola Cao, magdalenas integrais e galletas mais leite sen lactosa.
-«Hibernarse», como EP, saíu o pasado ano e, a finais deste mes, publican «Tertúlia». Por que sacalo agora, por que non agardar?
María: Poderiamos ter agardado e seguramente un ano máis facendo este disco tivera sido xenial. Nós podemos ir un pouco á contracorrente na industria musical pero aínda hai cousas que non nos podemos permitir. Sacalo antes do verán e do inicio da xira foi o camiño que nos foron dando. Foron bastantes meses de preparación nos que puidemos parar.
-Chama a atención elixir «Tertúlia» do vocablo portugués.
Sara: Cando coñecimos a palabra tertulia resignificada para o álbum foi a través dunha obra de Ángeles Santos, unha pintora pola que temos obsesión absoluta pola súa obra. Un cadro dela aparece referenciado no inicio do vídeo de «Saír á fresca». A palabra tertulia non existe no dicionario da RAG; pero si na fala. Non tivemos dúbida en elixir a palabra achegada ao portugués.

María Soa e Sara Faro, no escritorio que empregaba Álvaro Cunqueiro no FARO. Imaxe nas instalacións do diario decano en Chapela. / Alba Villar
-O disco presenta diferentes referentes femininos como Tamara de Lempicka, Gloria Fuertes...
Sara: Tamén un libro de Emilia Pardo Bazán dálle o nome á canción «Insolación». Era importante para nós que os referentes para nós collera un peso no audiovisual. Maruja Mallo tamén empezou a estar no noso imaxinario e abriu a posibilidade a coñecer obras doutras mulleres. A nosa canción «Verbena» leva o nome dunha das obras máis coñecidas de Mallo con referencia ás espigas, das cloacas e os campanarios.
-Como foi o proceso de composición do disco?
Sara: Temos un grupo de whatsapp no que imos poñendo diferentes referencias que imos atopando ou melodías que se nos ocorren cando van no coche. Despois tamén hai traballo individual que compartimos coa outra e ela devólveche. Tamén fixemos residencias creativas xuntas para explotar as cousas que viñan de antes.
-É esa residencia na que gravaron os coros duns familiares que ao final aparecen nunha canción?
-Sara: Esa foi a segunda residencia cos produtores do disco. Nós chegamos cos temas compostos a piano e a voz para poder cantalos. Reunímonos nunha casa con eles e estaba alí unha das miñas curmás a celebrar o cumpreanos. Ao segundo cubata dixemos de ir para alí. Eles estaban de xeito festivo, chantamos dous micros e foi como 'a máxima tertulia'. Despois, seguimos a festa todos, bailamos e foi moi emocionante que estén para sempre aí.
-Ademais familiares seus aparecen tamén no vídeo «Saír á fresca».
María: Hai que tirar da familia de vez en cando. O principal é o compoñente emotivo de que, como eses vídeos van quedar para toda a vida, aparecen as nosas nais abrindo un xornal no autobús.
Sara: Ademais, sempre nos acompañaron moitísimo na nosa carreira e ségueno facendo. Se non están diante das cámaras, están detrás traballando xunto a nós.
María: Os nosos pais estaban literalmente cun chaleco cortando o tráfico. É xenial ver esa dualidade de que o Concello nos deixara cortar o tráfico aínda que quen o fai son os nosos pais.

Sara e María, ante un mosaico da colección histórica de FARO na sede de Chapela. / Alba Villar
-Como xurdiu a idea de meter a toda esa xente no Vitrasa, autobús urbano de Vigo, para rodar os vídeos?
María: Preguntámonos de que xeito no audiovisual poderiamos referenciar eses espazos que antes eran de tertulia e agora se están abandonando, non porque non haxa xente senón porque non se dá a conversa. Pareceunos que unha parada do autobús era un deses lugares.
-Hai unha referencia sobre os poucos espazos que van quedando para falar en persoa?
Sara: Totalmente. Somos as primeiras que vivimos nun contexto de hiperconectividade. A meirande parte das conversas xa se dan a través das redes sociais. Non se xeran contextos de comunidade. Nós reivindicamos que a vía pública é de todos. Temos o dereito a sacar as cadeiras e interceptar o paso da xente para deternos a falar. Ás veces, ves bancos que están fronte a unha parede.
Hai moitos espazos públicos nos que agora non podes sentar.
María: Hai moitos espazos públicos nos que agora non podes sentar. Hai novas zonas verdes que non podemos habitar. A propia arquitectura urbana está preparada para que non esteas moito tempo aí sentado.
-Este disco semella ofrecer unha mensaxe máis dende o corazón.
M: Falamos de amor por primeira vez na historia de Fillas de Cassandra. Hai cinco anos que nos coñecimos e queriamos falar da nosa experiencia na amizade, no amor e demais historias.
-Teñen medo de amosarse moito a través das cancións?
M: Ao ser dúas no grupo, nunca se sabe de cal é (a temática). Podes ir contando. Cando facía cancións individuais iso si que o pensaba, que era como se a xente me vira núa. Daba impresión.
-Que importancia ten para vostedes a experimentación musical? Cada disco é diferente ao anterior.
M: É un xogo, un constante cambio.
S: Non sabemos por que derroteiros nos vai levar. Antes de empezar un traballo, podemos manexar referencias doutros artistas pero ata que o fas, non sabemos que resultará.
-«Saír á fresca» é a canción que abre o disco. Por que fai de apertura?
M: Démonos conta de que todas as nosas introducións son semellantes. Isto nunha o pensaramos pero "Antígona", "Feito a man" e "Saír á fresca" son unha presentación en tres actos que non ten retrouso. Abren unha estética e reúnen todas as características que imos desenvolver no disco. Era arriscado presentar esa canción de primeira pero tiña que ser así.
-Esta semana, na Fundación Granell en Santiago, presentaron unha instalación sonora na que trasladaron cada unha das 12 cancións a unha cadeira artística.
S: Atopamos na cadeira o símbolo central no que queriamos que se sustentase o traballo. Foi un proceso de tratar de traducir as emocións que pode provocar unha canción ás calidades materiais e fixémolo co colectivo As dúas e punto. Queriamos ver que nos evocaba cada unha delas. En principio, era só para a portada do álbum pero no momento no que as puxemos en círculo entendimos que era unha gran representación da idea de comunidade. Pensamos que había que sacalas da casa para que viñera a xente e puidese escoitar a canción vencellada a cada cadeira. Estamos moi interesadas en hibridar as artes.
-Ademais van ser unhas cadeiras viaxeiras porque viaxan a Madrid para expoñérense noutro espazo.
M: E houbo que parar porque temos tantísimas cousas. Agora podes facer a preescoita das cancións coas cadeiras pero cando o estreemos no concerto do 9 de maio coa xira, encantaríanos levar esas cadeiras a outros sitios.

Sara e María, no faladoiro con merendola de Faro de Vigo. / Alba Villar
-Como levan ese vaivén de non parar?
-M: Aí atrás, ensaiabamos de luns a sábado e un venres tivemos que cancelar o do sábado porque necesitabamos volver á nosa casa, sentir que tes unha cotiandade. Encántanos ir dun lado para outro pero é distinto ir dun lado para outro para dar concertos a estar así con cousas burocráticas outras paralelas (sesións de fotos e entrevistas) que non son pura creación. Iso si que é bastante cansado.
S: Ás veces, esixen unha presenza cando unha necesita chegar á súa casa e ser...
M: ...Unha ameba.
S: (risos) Si, quería dicir, estar nunha segunda liña, chegar á casa, poñer unha serie e ser unha ameba.
-No tema "Filla filliña" e noutros está presente a raiba. E contan con Abraham Cupeiro.
M: É que estamos un pouco enfadadas. Queremos cantar para pasalo ben pero tamén queremos facer un chamamento a desobedecer. Hai que poñerse a tope contra esta ofensiva.
S: Foi unha inmensa sorte poder traelo a el como persoa e as sonoridades que aporta. Aquí, toca cun aulós, un instrumento que fai dúas voces. Dixo que era un instrumento que lle recordaba moito a nós. Tamén levou uns caracois. Nós tiñamos esta nana que pretende ser tranquilizadora pero advertir dese mundo que a nena se vai atopar.
-O feminismo sempre estivo e segue estando dende a raíz ata a copa da súa árbore.
S: Esa ofensiva á que se refería antes María. Estamos viviendo claramente un retroceso cara plantexamentos conservadores que están moi ben dirixidos a través das redes sociais a toda a xente nova.
M: É incrible como se capitalizou e comercializou o feminismo. Agora, dislle a unha rapaza nova que es feminista e pensa nunha cousa diferente, non no progreso que supuxo ter a todas as mulleres apoiando.
S: A vivencia de ser muller é complexa no mundo patriarcal, pero teño as ferramentas para unirme con compañeiras. As rapazas van sufrir as violencias igual pero non van ser capaces de contarllo a unha compañeira ou de entender que iso é unha violencia e que se poden opoñer a ela. Esperamos que na nosa música e nós poidan atopar un apoio.
-Ao escoitar o disco, teño a sensación que se reafirma moito na amizade.
M: Se coñeceramos as persoas que temos ao lado, serían un salvavidas. Non podes contar con alguén que che segue no Instagram.
S: Non podes contar con esa persoa pero si co veciño ao que lle pides o sal.
M: Pero non sabes quen é; eu a primeira. Isto é un reclamo. Nós aínda non o practicamos de todo pero mínimo cando vaias sentar no tren dicir: Que tal? Vas ben? Hai que fiar máis entre persoas.
-«Raíces» fala do amor e sona moi latino.
S: Producimos este disco con Santa Marta que no seu traballo teñen moita influencia do urbano e das músicas de Latinoamérica. Era imposible que non se nos colara un ritmo de quizomba para bailar.
M: Eles gravaron as congas e outros instrumentos inda que no directo sexa doutro xeito.
-Gustoume moito "Déixate ver" con Ede onde falan de supurar as penas...
M: E da falta dalguén con que levas falando toda a vida e que marchou. Dá tristura. Quere dicir que esta praza está aberta para ti para cando queiras volver. Iso é un valor. Xa non se estila coidar as amizades de anos e ten un valor incalculable.
-De cara o 9 de maio na actuación en Pontevedra, que poden adiantar?
S: Haberá moita tertulia e colectividade. É a presentación do noso segundo disco, como para non poñer todo aí. Estamos traballando na dramaturxia e imos introducir todos os universos nos que temos traballado.
Suscríbete para seguir leyendo
- Helton Leite: 'El Deportivo me dijo que no podía competir con lo que me ofrecían: mi familia, mi país, financieramente
- El Último de la Fila no actuará en el estadio de Riazor al interferir con el posible ‘play off’ de ascenso del Dépor
- A Coruña se estrena como Capital Española del Ocio Nocturno: 'La copa se está quedando corta
- Las hermanas que hacen una de las mejores tortillas de A Coruña en Agra do Orzán: 'El secreto está en cómo pochas la patata
- La batalla por el lobo da un salto en Galicia: ecologistas llevan al TSXG la desprotección del animal y piden que la ley llegue al Constitucional
- El histórico estanco de A Coruña que sobrevive desde hace más de un siglo: 'Por aquí pasaban hasta 500 personas al día
- Jevaso, proveedora de Inditex y Mango, reduce plantilla y refuerza su equipo directivo
- Los bomberos de A Coruña rescatan del mar a un hombre junto a la Torre de Hércules