Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ESCOLA EN CAMIÑO

O futuro de Galicia, en camiño con ilusión e talento

O proxecto «Escola en Camiño», que contou coa participación de máis de 3.000 estudantes galegos, fixo entrega esta mañá dos galardóns ás 25 iniciativas premiadas

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, afirmou ante o alumnado que tiñan que estar «orgullosos» de ter participado nun certame consolidado e obter «un premio moi valioso»

O proxecto «Escola en Camiño» fai entrega dos premios da súa quinta edición

Pedro Fernández

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Carolina Sertal

Vigo

«Conta a lenda que, en Bouzas, un cabaleiro foi casar e cando estaba a piques de celebrarse a voda, o seu cabalo meteuse na auga e parou diante dun barco, un barco do que se dicía que levaba os restos do Apóstolo. Cando o cabaleiro saíu da auga, apareceu vestido de cunchas, de cunchas de vieiras, un elemento moi relacionado co Camiño de Santiago». Foi a fábula coa que o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, quixo darlle a benvida a todo o alumnado que se desprazou esta mañá até a cidade olívica procedente de distintos puntos de Galicia para asistir á entrega de galardóns dos V Premios «Escola en Camiño», outorgados por LA OPINIÓN A CORUÑA, Faro de Vigo e El Correo Gallego, en colaboración coa Consellería de Educación, un proxecto referente que desta vez contou coa participación de máis de 3.000 estudantes de preto dunha centena de centros educativos.

Celebrada no Tinglado do Porto de Vigo e ademais de contar coa participación de Botana, a gala de entrega de premios contou coa presenza do conselleiro de Educación, Román Rodríguez; a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o director xeral de Prensa Ibérica en Galicia, Juan Carlos da Silva; o xerente xeral de Prensa Ibérica en Galicia, Pedro Costa, e a subdirectora de Faro de Vigo, Irene Bascoy, quen asumiron a entrega de distincións aos gañadores desta proposta que procura enxalzar a Vía Xacobea e os valores asociados á mesma.

O acto deu comezo coa intervención de Carlos Botana, quen ademais de trasladar a lenda de Bouzas á cativada, fixo referencia á Fundación Traslatio sinalando que «moita xente non sabe que aquí temos a Fundación Traslatio, que fan o camiño en barco dende Terra Santa ata Vigo e son moitos veleiros que en Ano Santo veñen vía marítima ata esa zona de Bouzas. Estes segredos que ten o Camiño son importantes, por iso estamos orgullosos do voso traballo, porque o que demostra é que temos moito futuro». Así mesmo, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo aproveitou a ocasión para explicar ao alumnado o seu cometido, facendo énfase no coidado da ría, ademais de convidar a todos os asistentes a visitar instalacións como o visor submarino Nautilus.

Raíces na educación

A continuación, tomou a palabra a subdirectora de Faro, Irene Bascoy, quen se situou á fronte dun auditorio «cheo de ilusión, de talento e nervios, porque non todos os días se recolle un premio», indicou, ademais de poñer en valor que «non todos os días se consegue que tantos centros camiñen xuntos na mesma dirección». Bascoy destacou a importante cota de participación que acadou a quinta edición do proxecto «Escola en Camiño» asegurando que «o Camiño non só son esas frechas amarelas, esa ruta chea de peregrinos con mochilas, é moito máis: é unha lección de vida. O Camiño o que nos ensina é que cada paso conta, que ás veces esforzarse un pouco máis paga a pena, que sempre é mellor facelo acompañados e que sempre podemos chegar un pouco máis aló do que pensabamos. E isto é algo que tedes demostrado todos vós cos vosos traballos, coa vosa creatividade e imaxinación».

A subdirectora de Faro continuou a súa intervención trasladando un agradecemento a todo o profesorado que acompañou aos estudantes na súa participación no certame e concluíu dirixíndose ao conselleiro de Educación afirmando: «Ten ás súas costas unha boa mostra do futuro de Galicia».

Tras as palabras de Irene Bascoy tivo lugar a entrega de premios a un total de 25 iniciativas e os seus autores e autoras desfilaron polo escenario para recoller un diploma, un trofeo e recibir o aplauso dos seus compañeiros e compañeiras.

Foi Román Rodríguez quen asumiu o peche dos V Premios «Escola en Camiño» e o conselleiro comezou a súa intervención dando as grazas tanto á Autoridade Portuaria de Vigo por acoller a gala e tamén a Prensa Ibérica por impulsar un certame que «premia a creatividade, o bo traballo e aos centros educativos de Galicia en algo tan importante para nós como é o Camiño de Santiago», engadindo un agrademento especial ao profesorado, «responsables do bo facer que vimos aquí, tanto nalgunhas estampas artísticas como na produción literaria», e tamén ao alumnado por «demostrar que hai canteira, que hai futuro, que hai pequenos e pequenas artistas, facendo un traballo tremendamente importante».

Román Rodríguez asegurou ante o alumnado que podían marchar para casa «orgullosos e orgullosas» de ter participado nun certame consolidado e cun «premio moi valioso e difícil de obter». Así mesmo, o conselleiro de Educación reflexionou sobre o feito de que «o día de mañá, moitos de vós ides ser peregrinos e peregrinas da vida e a raíz do voso camiño vai comezar na escola ou no instituto, e todo o que aprendades ou vos formedes aí, vai acompañarvos na vosa vida», polo que decidiu lanzar unha recomendación á cativada e aos adolescentes presentes na gala: «Estudade moito, facédelle caso aos vosos profesores e facédelle moito caso ás vosas familias, porque a partir de aquí ides ter que seguir dando moitos pasos polo camiño da vida e tedes que estar orgullosos do colexio e do instituto nos que estudáchedes»

Un total de 25 iniciativas distinguidas

Na quinta edición de «Escola en Camiño» foron distinguidas un total de 25 iniciativas nas distintas categorías.

Primeiro e segundo de EP. Na categoría de primeiro e segundo curso de Educación Primaria, os galardóns recaeron no Colexio Losada (Vigo), no Plurilingüe Hermanos Quiroga (O Porriño) e no CEIP de Tirán (Moaña).

Literaria. Os tres premios outorgados nesta categoría foron concedidos aos cursos de 2º da ESO e 1º de Bacharelato do IES Rafael Dieste de A Coruña e tamén o sexto curso do CEIP Plurilingüe Igrexa Chapela (Redondela) por «Os sete peregrinos».

Debuxo. Na categoría de 3º e 4º de Primaria foron premiados os centros Compañía de María de Cangas, CEIP Carballal (Vigo), CEP Altamira (Salceda de Caselas) e o CEIP Plurilingüe Seis do Nadal (Vigo). No apartado de 5º e 6º de Primaria: Colexio Ángel de la Guarda (Nigrán), Colexio Mariano (Vigo) e CEIP Ramón Valenzuela (Silleda). No apartado da ESO vencellado á disciplina plástica tamén resultaron premiados os IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra), Manuel Murguía (Arteixo), Escolas Proval (Nigrán), Chapela (Redondela), os cursos de 3º e 4º do Oroso (Oroso), Rafael Dieste (A Coruña) e Miraflores (Oleiros).

Especial lúdico e valores. O Premio Especial Camiño Lúdico recaeu no IES Escolas Proval (Gondomar) e CEIP As Gándaras (Carballo). O galardón especial os valores do Camiño foi para os colexios plurilingües Hermanos Quiroga (O Porriño) por «Tod@s na mesma dirección» e Pintor Laxeiro (Vigo) por «O camiño para todos».

Tracking Pixel Contents