Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas 2027

Neira Vilas, moito máis que «un neno labrego»

A súa ponte coa Galicia migrante, o compromiso co libro galego, a súa calidade xornalística e narrativa ou a súa contribución ao desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil, así como a súa militancia galeguista, son argumentos que para Manuel Bragado erixen a Neira Vilas xusto merecedor da homenaxe que se prevé que hoxe ratifique a RAG

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Carolina Sertal

Como autor: o seu carácter como narrador que foi esencial para a alfabetización en galego de varias xeracións de rapaces e rapazas que foran educados en castelán; a súa ponte coa Galicia migrante e o seu compromiso co libro galego no exilio; a dimensión da súa obra xornalística, sen esquecerse tampouco da súa faceta poética e, dende logo, o seu papel chave no desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil galega. Como persoa: un militante galeguista, un «verdadeiro revolucionario» cuxo paso por Cuba foi decisivo para manter sempre presente ao longo da súa vida ese compromiso político e persoal. Son estas características as que para Manuel Bragado fan de Xosé Neira Vilas un xusto merecedor de ser unha figura homenaxeada nas Letras Galegas.

A Real Academia Galega (RAG) escollerá hoxe en pleno ordinario a figura que se conmemorará o Día das Letras Galegas 2027 e se ben é certo que sobre a mesa existen dúas candidaturas: a de Constantino García González (Oviedo, 1927-Santiago de Compostela, 2008) e a de Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015), é este último quen acapara maior consenso académico e tamén social, posto que na xornada de onte xa se inundaron as redes sociais con imaxes e mensaxes de celebración ante a posible escolla do autor crucereño, quen marcou un fito para a cultura galega co seu emblemático «Memorias dun neno labrego», considerada a obra máis lida, vendida e traducida da literatura galega. Porén, as aristas de Neira Vilas teñen fondo calado máis alá do seu icónico Balbino.

É precisamente ese aspecto no que fai fincapé quen foi o seu editor durante moitos anos, Manuel Bragado, quen afirma que «o ano Neira Vilas será unha oportunidade para recuperar a súa figura en todas as súas dimensións». Neste senso, á hora de analizar as importantes achegas do escritor que previsiblemente será ratificado nesta mesma xornada como o vindeiro homenaxeado das Letras Galegas, sucedendo así á viguesa Begoña Caamaño, Bragado comeza destacando da súa figura «a súa ponte coa Galicia migrante, creo que isto é esencial para consideralo como homenaxeado, pois forma parte dunha tradición do galeguismo que se desenvolve en Bos Aires e, posteriormente, en Cuba».

Este ano será unha oportunidade para recuperalo en todas as súas dimensións

O compromiso que amosou co libro galego é para Manuel Bragado outra faceta ben relevante de «Pepe» Neira e, para o editor vigués, unha característica non tan recoñecida a nivel institucional e popular, pois Bragado apunta que «é un aspecto moi destacado del e que non foi o suficientemente salientado, sobre todo cando estivo en Arxentina. Xosé Neira Vilas foi fundador da editorial Follas Novas, xunto coa súa muller, Anisia Miranda, e é alí precisamente onde foi editada a primeira edición do seu libro máis emblemático, ‘Memorias dun neno labrego’, pero é que ademais organizou importantes exposicións do libro galego en Bos Aires, obedecendo á tradición do desenvolvemento do libro galego en América, do que foron artífices Luís Seoane, Arturo Cuadrado e o mesmo Neira Vilas, como persoeiros máis destacados».

Como narrador, Manuel Bragado pon o foco en toda a súa obra, pero é inevitable para el facer referencia á novela histórica protagonizada por Balbino sinalando que «contribuíu a alfabetizar a toda a nosa xeración, a todos os que non fomos educados en galego. Comezamos a ler a raíz del e vai ser interesante agora adoptar novas lecturas deste libro que reflicte unha lingua e unha forma de cultura tradicional que desapareceu completamente, polo que será reinterpretado. Pero como narrador, tampouco se poden ocultar as outras obras e libros do extenso catálogo que ten Neira».

Aínda que o homenaxeado sexa Neira Vilas, dalgunha maneira tamén conmemoraremos con el a Anisia Miranda

Manuel Bragado tampouco dubida en situar ao autor crucereño como un verdadeiro referente no desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil (LIX) galega, unha actividade que Neira Vilas sementou por varias vías distintas, na opinión do editor vigués: «Por converter ‘Memorias dun neno labrego’ nun deses libros que deixan pegada e que transforma ás persoas cando o len, porque hoxe podemos preguntar a moitos cal foi o primeiro libro en galego que recordan e responderán que ‘Memorias’. El non tiña esta pretensión, malia que foi unha realidade, pero Neira Vilas tamén tivo un importante papel no desenvolvemento na LIX máis alá desta obra, sobre toda pola súa experiencia en Cuba codirixindo con Anisia a revista infantil ‘Zunzún’. De feito, aínda que o homenaxeado sexa Neira Vilas, dalgunha maneira tamén conmemoraremos con el a Anisia Miranda». Neste eido, para Manuel Bragado resulta moi ben traído o libro «Cantarolas», se ben menciona que «os editores galegos van ter moito de onde tirar da obra de Neira».

Para Manuel Bagado tamén é imprescindible facer referencia á dimesión xornalística de «Pepe» Neira e da que el mesmo asegura sentirse moi próximo. A este respecto, o editor vigués indicou que «Xerais ten máis de media ducia de volumes sobre a súa obra xornalística e este foi un dos ámbitos de intervención máis decisivos cando regresou a Galicia, publicando en El Correo Gallego. Creo que os seus artigos forman todo un corpus de divulgación galeguista, o que era unha das especialidades do mestre Neira».

Por último, no persoal, Manuel Bragado defende que o autor crucereño era «un militante galeguista e un revolucionario que se portou como tal. O seu paso por Cuba foi decisivo para imprimirlle ese carácter e para escribir sobre o pensamento esquerdista, e sería inxusto que non recordásemos cando foi esencial na súa figura».

Enorme «enorme gozo e ilusión» en Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces celebrou onte con «enorme gozo e ilusión» a proposta de Neira Vilas, natural da parroquia de Gres, para as Letras Galegas 2027. O alcalde do municipio crucereño, Luís Taboada, afirmou no nome de toda a veciñanza que, en canto se ratifique, será «un día de festa», asegurando que «xunto á súa Fundación e á RAG, faremos a mellor divulgación posible da vida e obra de Pepe Neira, un orgullo extraordinario para todas e todos nós. Debemos aproveitar a efeméride galega de maior rango literario e lingüístico do noso país para profundizar no legado do noso veciño».

Suscríbete para seguir leyendo

Fuente: Faro de Vigo

Tracking Pixel Contents