Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas 2027

«É un narrador extensísimo con obras moi interesantes que quedaron opacadas»

«‘Memorias dun neno labrego’ vai moito máis alá dun texto literario, é un manual de antropoloxía e o símbolo de toda unha xeración», afirma Vilavedra

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra. / Xoan Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Carolina Sertal

O anuncio de que o Día das Letras Galegas 2027 será dedicado a Xosé Neira Vilas, confirmado definitivamente onte pola Real Academia Galega, continúa sendo festexado cunha grande acollida entre a cidadanía, así como entre as persoas especialistas na súa figura e as vinculadas ao mundo da cultura galega. Filóloga de formación e profesora universitaria, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, quen efectou no seu momento a edición dun epistolario do autor crucés, analiza a importancia desta homenaxe destacando o compromiso galeguista de Neira Vilas e o seu fondo legado.

-Por que considera relevante a escolla de Xosé Neira Vilas para a homenaxe das vindeiras Letras Galegas e a oportunidade que se presenta para a súa reivindicación?

-É importante por moitas razóns, pero en parte porque é unha figura que nos vincula cun aspecto fundamental da nosa historia e da nosa identidade, que é o fenómeno da migración. Por outra parte, Neira Vilas é un home modélico tamén no sentido de que foi en boa medida un autodidacta, é dicir, de como ese Bos Aires no que confluían a migración e o exilio foi o berce do galeguismo de moitas persoas. Paradoxicamente, moitas persoas foron descubrir alí o seu país, a súa identidade e unha conciencia galeguista, polo que isto que aconteceu con relativa frecuencia está moi ben representado pola figura de Neira Vilas. É unha experiencia identitaria, dalgunha maneira, bastante habitual nun determinado momento da nosa historia que el nos permite visualizar moi ben. Polo tanto, todo isto son cuestións que nos remiten a preguntas que nos estamos a facer agora mesmo, todo o relacionado coas migracións, coa acollida, coa identidade, coas identidades híbridas, coas identidades en diálogo, polo que creo que é moi interesante como nos inspira esa ollada histórica e como esa mesma ollada histórica nos inspira para repensar o noso presente.

-É de máxima vixencia.

-Eu creo que si. Lonxe dunha achega meramente historicista, é posible lelo dende hoxe, sen dúbida.

-Con respecto a súa obra, se ben é certo que Neira Vilas ten un fondo legado literario, «Memorias dun neno labrego» foi todo un fito.

-Si, é certo, e ata o punto que eu creo que Balbino se converteu xa nunha especie de símbolo dunha determinada xeración, sobre todo. O outro día un profesor de Xornalismo, falaba na súa lección de despedida, que el sempre fora un Balbino, porque hai efectivamente toda unha xeración de galegos que tiveron esa experiencia: o trauma de deixar á familia sendo pequenos para ir estudar e para ir traballar tamén. Polo tanto, «Memorias dun neno labrego» converteuse nalgo que xa vai moito máis alá do texto literario, «Memorias» son un manual de antropoloxía, son efectivamente un símbolo dunha xeración, pero eu creo que esta é unha oportunidade única para descubrir unha obra tamén xornalística, ensaística, pero moi especialmente unha obra literaria riquísima e que as «Memorias» escureceron un pouco en certa maneira.

-Como ben apunta, realmente foi un autor moi completo que tamén tivo unha faceta xornalística e mesmo poética.

-Neira Vilas é un narrador extensísimo que estivo publicando practicamente ata o final da súa vida obras moi interesantes e que para min quedaron opacadas porque nese momento el en Galicia era case un petrucio. Hai que pensar que el retorna a Galicia, foi bastante lonxevo, pero é que ademais estivo moi activo toda a etapa final da súa vida, entón eu penso que había un pouco de saudade desas figuras dos vellos referentes. Estaba tamén Alonso Montero, por exemplo, e claro que había outros intelectuais, pero tanto Xesús Alonso Montero como Neira Vilas representaban esa figura dos intelectual preocupado por estar comunicado co seu público ata o final. Eu creo que isto opacou un pouco o interese da súas obras literarias, porque ademais ten obra pensada para os máis pequenos especificamente, achegouse á tradución, achegouse á poesía, é dicir, a súa é unha obra riquísima.

-Desa obra que pensa que quedou algo máis eclipsada, cal considera de interese? Cal destacaría?

-Hai dúas obras que me gustan moito. Unha titúlase «Aqueles anos do Moncho», cun protagonista que hoxe diriamos preadolescente, e creo que está moi ben porque nos enfronta con como vive a guerra un rapaz desa idade dende a distancia, dende a distancia que supoñía vivir nunha aldea galega, aínda que en Galicia non houbo fronte de batalla, moito menos nunha aldea, pero que vive dende a distancia a guerra a través desas cartas que chegan comunicando a morte dun veciño, o contacto cos guerrilleiros, cos fuxidos, que intúe que están agochados no monte. É unha obra moi interesante e máis pioneira xusto na abordaxe da guerra vista dende a perspectiva xuvenil, que logo xa será un tema recorrente, pero el foi absolutamente pioneiro. E logo, gústame moito «Querido Tomás», que é o monólogo dunha mestra xubilada. Esta é unha obra que Neira Vilas asumiu como un desafío de construír literariamente o punto de vista e a voz dunha muller.

-E con respecto á súa faceta poética?

-Eu creo que como poeta non é tan interesante, pero é un poeta emocionante, que emociona, que chega. Xa foi moi musicado, temos por exemplo a Roi Casal, e eu creo que este ano imos ter esa oportunidade, porque si que me parece que pode ser un poeta que inspire moito os nosos creadores e creadoras musicais.

-Ocupouse da edición dun epistolario seu, como foi ese traballo?

-Editar o epistolario tan extenso del foi unha moi bo oportunidade para coñecelo mellor a través das relacións que mantiña cos intelectuais, cos escritores, e era moi interesante ver o esforzo que el facía para manter o vínculo con Galicia. Era un epistolario dende Cuba e el facía un esforzo enorme enviándolles os seus libros, contestando cartas, para non quedar dalgunha maneira á marxe, e para que o tiveran presente como parte da comunidade de escritores galegos.

-Cómpre tamén reivindicar sobre Neira Vilas que a súa figura non é posible comprendela sen a súa faceta como militante galeguista durante toda a súa vida.

-Si, dende logo. É o que comentaba anteriormente. El descubre o galeguismo en Bos Aires e asume un compromiso de por vida e nunhas circunstancias complexas, porque dende Cuba é difícil. Pero el mantivo un compromiso férreo igualmente, o galego foi a súa lingua de creación literaria, por suposto, pero é que incluso se esforzou en Cuba por reconstruír as pegadas da migración galega, das comunidades de pescadores que se instalaron alá, por exemplo, é dicir, sempre estivo comprometido co galeguismo como opción política e co galeguismo como marcador identitario fundamental.

Suscríbete para seguir leyendo

Fuente: Faro de Vigo

Tracking Pixel Contents