VIOLENCIA MACHISTA

Galicia rexistra nunha semana dúas mortes por violencia machista

EFE

Esta madrugada, axentes da Garda Civil de Fene detiveron a J.M.B., de 74 anos, en Neda, como suposto autor da morte da súa muller, María Fraguela Martínez, de 63 anos.

A muller presentaba lesións graves na cabeza e no pescozo supostamente producidas por un martelo e un coitelo, respectivamente, que se atopaban na propia habitación, este último aínda en mans do agresor, que tamén presentaba un corte na gorxa.

A filla de ambos tamén presentou graves lesións producidas na cabeza, disque por un obxecto contundente, e tanto ela como o seu pai foron trasladados ao Centro Hospitalario Arquitecto Marcide de Ferrol, onde o home permanece ingresado baixo custodia policial en calidade de detido como suposto autor das agresións.

O pasado sábado, outro home, J.N.T., de 49 anos, foi detido no municipio de Portas como presunto autor da estrangulación da súa esposa, de 42 anos, á que causou a morte en presenza dos seis fillos da parella.

Foi un dos fillos quen alertou o servizo de urxencias 112 de que a súa nai fora agredida violentamente polo seu marido, que está na prisión provincial da Lama.

A de hoxe é a sexta morte por violencia machista rexistrada en Galicia no que vai de ano, segundo as cifras ofrecidas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e detalladas a EFE.

O primeiro caso produciuse no mes de xaneiro en Cangas; o segundo en agosto, en Vigo; o terceiro e o cuarto en novembro, en Ponte Caldelas e Vilaboa (Pontevedra); e os dous últimos ocorreron o pasado sábado en Portas e hoxe en Neda, lembraron as mesmas fontes.

Tracking Pixel Contents