Mellor Xuntos, o programa da Televisión de Galicia (TVG) que traslada ao espectador proxectos empresariais que ven a luz grazas a iniciativas cooperativas, falará hoxe con Sonia e os seus amigos de Amarelante. Esta cooperativa xorde hai tres anos para recuperar soutos en estado de abandono e dedicalos a produciren castañas de calidade, con selo de orixe.

A continuación, os reporteiros do espazo trasladaranse a Vigo para coñecer a Juan Gómez e as súas compañeiras de Xedega, unha xestora que leva moitas cooperativas de Galicia e que participa da filosofía do traballo en común.

Mellor Xuntos daralle o remate en Covelo, onde descubrirá os segredos dun proxecto moi sigular, Árbore da vida, unha iniciativa enfocada a transmitir experiencias, coñecementos e servizos relacionados coa saúde e o benestar.

Por outra banda, A Revista estará en directo no CEIP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, onde as asociacións Aloumiños e Cadelar mostrarán aos alumnos a posibilidade de facer terapia con animais. Estas dúas organizacións desenvolven programas deseñados para promover melloras na función física, social, educacional, emocional e cognitiva das persoas a través do traballo con animais.

Ademais, os reporteiros do programa estarán en Maside, onde coñecerán as casas-niño. A iniciativa xa se puxo en marcha tanto en núcleos urbanos coma en concellos rurais e serve como apoio á conciliación familiar e laboral.