Os reporteiros do programa A Revista entrarán hoxe en calor na Coruña. Alí amosaranlles aos espectadores o Bikram ioga, unha variación de ioga que se practica nun salón a 42 graos. A clase dura 90 minutos, durante os cales se realizan 26 posturas e dous exercicios de respiración. Esta actividade fai que mellore o sistema circulatorio e que o corpo se limpe. Ademais, a calor fai que o corpo ceda máis e o que o rendemento sexa mellor.

O programa tamén estará en directo na colleita da patata da Limia, en Xinzo, que comezou hai catro semanas e que está a piques de rematar.

Por outra parte, o presentador de A Revista, Sevi Martínez conversará con Rut Nieves, autora do libro de atoaxuda Cree en ti; e con Alberto Cunha, músico, compositor e cantante que presenta o seu novo EP, La normalidad. Ademais, a colaboradora Teresa Abalde visitará o programa para comentar a crónica social desta semana.

'Que casas!'

O programa Que casas! leva xa máis de 250 vivendas visitadas. Así é como se vai desenvolvendo esta fermosa viaxe por Galicia, en que a TVG foi descubrindo xentes e lugares que paga moito a pena coñecer.

Bos exemplos disto serán hoxe unha holandesa asentada en Arteixo nunha casa con xardín e piscina, o herdeiro dunha curiosa vivenda na fermosa vila de Combarro ou un afeccionado á meditación que vive en Guitiriz.