O Museo do Pobo Galego fai 40 anos e os reporteiros de A Revista estarán hoxe en directo na cidade de Santiago de Compostela para celebralo. Este centro foi creado en 1976, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e mover a cultura galega en todos os seus ámbitos. Hoxe organiza un taller destinado a docentes impartido polo enxeñeiro Íñigo Echenique, que falará sobre construción naval.

Durante estes días, o Museo tamén ofreceu outras actividades como as Sesións da Memoria, en que distintas persoas contaron diante dunha cámara as historias asociadas a diferentes pezas, libros, espazos e accións que encheron este centro nalgún momento das súas catro décadas de vida.

Por outra parte, os reporteiros do programa estarán na fábrica de Larsa, empresa láctea que recentemente comezou a súa distribución de leite de pastoreo, unha nova modalidade que xa está implantada noutros países en que existe unha demanda significativa. A compañía seleccionou para este proxecto 300 ganderías que están situadas en diferentes áreas produtoras de Galicia, como granxas no Deza, Vilalba, Xermade e Guitiriz, entre outros puntos.

Por outra banda, na súa primeira entrega do mes de novembro, o programa da TVG 2 Zigzag recibirá a visita do músico Óscar Avendaño, que ofrece este venres un concerto en Santiago, dentro da programación do Outono Códax, e que está a presentar tamén o seu novo disco.