Televisión de Galicia (TVG) acudirá á gala dos Mestre Mateo cun total de 76 candidaturas. Na dezaseis edición dos premios do audiovisual galego, a canle pública destaca con 17 producións finalistas. Dhogs, película participada pola Galega, parte como gran favorita con 17 candidaturas. Ademais do filme de Andrés Goteira, A estación violenta, Os fillos do sol e Trinta Lumes compiten na categoría de mellor película, contando todas elas coa participación da TVG.

Dhogs e A estación violenta (8 candidaturas), seguidas polas producións O final do Camiño (7) e Os fillos do sol (7), a serie Serramoura (6) e as películas Juana de Vega, vizcondesa do arado (5) e Trinta Lumes (5), as sete participadas ou realizadas pola TVG, sitúanse á cabeza en maior cantidade de candidaturas.

Os apartados de mellor programa ( ADN galego, Land Rober Tunai Show, Que Casas! e A Revista Fin de Semana) e mellor serie ( Era Visto!, O final do Camiño, Serramoura e Vidago Palace) son acaparados por espazos da Galega. Ao igual que a categoría de mellor comunicador/a de televisión, en que foron seleccionados catro profesionais da Televisión de Galicia: María Solar, Nieves Rodríguez, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez.

Entre as 25 categorías que se premian nesta edición dos Mestre Mateo cómpre salientar as candidatas á mellor actriz protagonista (Melania Cruz, Nerea Barros, Sabela Arán e Sonia Castelo) e ao mellor actor protagonista (na que pugnan Alberto Rolán, Federico Pérez, Iván Marcos e Javier Rey), xa que se corresponden tamén con producións da Televisión de Galicia.

A gala de entrega dos Premios Mestre Mateo será ofrecida, en directo, pola Televisión de Galicia desde o Pazo da Ópera da Coruña, este sábado a partir das 22.00 horas, presentada pola actriz Iolanda Muíños.