Pili Pampín e Iolanda Vázquez recibirán en Vivan as tardes! a José Ventosa, a quen a súa afección ao ciclismo vénlle xa de familia. Non o tivo doado, de neno non lle deixaban andar en bicicleta. Pero esa paixón creceu e tamén lla transmitiu aos máis novos. Empezou organizando carreiras ata que montou o Club Ciclista Betanzos. José foi un pioneiro, non só adestraba os nenos, senón que lles inculcaba amor pola natureza, disciplina, responsabilidade nos estudos... Vén desde Betanzos acompañado de Javier, un deses rapaces contaxiados polo entusiasmo de José que leva toda a súa vida ligada ao ciclismo.

O seguinte convidado deste luns, Javier Enrique, é arxentino de nacemento pero galego de ascendencia, de corazón e por matrimonio. Leva xa máis de 40 anos na terra dos seus antepasados e sempre tivo paixón pola música. Os dous lugares que marcan a súa vida, Arxentina e Galicia, teñen reflexo no seu proxecto musical: adaptar cancións galegas como a Rianxeira a ritmos tradicionais latinoamericanos. Acode ao programa desde Cariño con Gonzalo, un amigo de toda a vida co que tamén comparte cancións.

Ringo é o pai de Xacobe, un rapaz de Lugo de 12 anos que con 3 comezou a aprender linguaxe de signos para falar con Nicolás, un rapaz xordo que chegou a súa escola.

Hoxe en día, Nicolás vive en Inglaterra pero, ata hai un ano, tanto Xacobe coma todos os compañeiros da clase deron unha lección maxistral de integración. Saber linguaxe de signos está abrindo moitas portas a este pequeno rapaz de 12 anos con alma de actor.