O Comité Intercentros da Corporación de Radio Televisión de Galicia (Crtvg) reprobou os cambios anunciados na programación da Radio Galega a partir do 10 de setembro e avanzou que acordará co persoal mobilizacións para que se revertan estas decisións, mentres que o tres grupos da oposición (En Marea, PSdeG e BNG) demandaron a comparecencia urxente no Parlamento do director da compañía de medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, para dar explicacións.

Os cambios que suscitaron as críticas tamén doutros colectivos, como A Mesa pola Normalización Lingüística ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), céntranse no cambio de formato do Diario Cultural e a cobertura da información local. Diario Cultural, que levaba en antena case 30 anos e que está dirixido pola poetisa, xornalista e académica Ana Romaní, a Radio Galega sostén que se cambia de formato e realizaranse catro edicións diarias. Mentres a dirección da emisora pública alega que se duplicará o tempo dedicado á cultura ao pasar de 50 minutos a unha hora e 40 minutos ao día, os detractores denuncian a "desaparición" do espazo como tal. Estes cambios no programa cultural provocaron indignación en redes sociais, como Twitter, onde personalidades do sector cultural, como os escritores Ledicia Costas, Marilar Aleixandre ou Pedro Feijoo, ou o exdirector de Xerais Manuel Bragado, reprobaron que o programa cultural se dilúa en distintos espazos.

Pola súa banda, o Comité Intercentros fala de "desaparición" do Diario Cultural e táchao de "inadmisible", a Mesa pola Normalización Lingüística alerta de que é "un ataque directo á lingua galega" e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) advirte de que perden "a xa minguada visibilidade social" que teñen nos medios de titularidade pública.

Nun acto público, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Fernández, reivindicou a "insobornable defensa" da literatura galega que realizou o equipo do programa dirixido por Ana Romaní durante 28 anos. "Os escritores en lingua galega nunca seremos caladas testemuñas da desaparición de plataformas públicas que dan visibilidade ás nosas obras", expresou.

En canto á información local, mentres a Radio Galega anuncia a ampliación a partir de setembro da duración dos seus informativos "para integrar a cobertura dos asuntos de carácter local e dos contidos especializados", o Comité Intercentros denuncia a supresión das desconexións para a información local.

Nun comunicado, os representantes sindicais critican que a Crtvg "está a desmantelar desde o ano 2010" o modelo de delegacións, cando pechou as de Ferrol, Burela e Pontevedra, e atribúeo a "unha medida estritamente política que obedece ao interese do PP de controlar a información local para as eleccións municipais do próximo ano". Na súa opinión, "a supresión das desconexións locais aumentará aínda máis a manipulación informativa, cuxos contidos pasarán a ser controlados e seleccionados desde a central de San Marcos".

Unha lectura semellante fan os portavoces na Comisión da Crtvg do PSdeG, Luís Álvarez, e do BNG, Olalla Rodil, que vinculan a "supresión" das desconexións locais dos informativos radiofónicos con que falte só un ano para as próximas eleccións municipais. Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, de Compostela Aberta, apuntou que "son outros" os que "teñen que explicar se operan con vocación de servizo público" ou movidos por outros intereses nos que opinou que pode haber "rumbo partidario".