A Televisión de Galicia (TVG) ofrece esta noite o filme Dalia e os seus amores, que narra os acontecementos dunha vila galega nos anos 50 desde a perspectiva dunha costureira que traballa para mulleres ben situadas. Interpretada por María Mera, Dalia é unha modista que vive na cidade, unha muller valente e loitadora. A inesperada morte da súa nai levaraa a unha vila chamada Prescedo, onde descubrirá moitas cousas do seu pasado. A súa chegada abrirá vellas feridas nun lugar cheo de segredos.

Pero se algo atopará Dalia en Prescedo é a admiración, o amor e a paixón de dous homes ben diferentes, Gonzalo (David Seijo) e Lourenzo (Xoán Fórneas), a quen coñecerá por casualidade na súa chegada á vila e que emprenderán unha loita encarnizada entre eles para conseguir chegar ao seu corazón.

Co encanto agochado do home cultivado, sensato e con aire taciturno, Gonzalo é o mestre da escola de Prescedo, pero as súas miras están máis lonxe, na Universidade de Santiago, onde Dalia o axudará a conseguir unha cátedra. Aínda que a súa relación ten uns comezos difíciles, axiña ao corazón de Gonzalo, que pasa a vida entre libros e poemas, lle chegará o momento de vibrar.

Pola súa parte, Lourenzo, o fillo do indiano da vila, é atractivo, rico e con labia dabondo para engaiolar calquera moza que se lle antolle. Goza dunha vida luxosa e desenfadada, pero co que non contaba é con que o amor lle petase na porta. O seu con Dalia será, sen dúbida, amor a primeira vista.