23 de mayo de 2018
23.05.2018

A Televisión de Galicia estrea esta noite o programa 'Onde collen dous...'

O espazo percorrerá Galicia na procura de familias especiais, cunha historia que contar

23.05.2018 | 01:33

Que fai que unha familia sexa distinta a outra? Din que cada familia é un mundo, coa súa historia e xeito de vivir particular. Para demostralo, a Televisión de Galicia (TVG) estrea esta noite Onde collen dous..., un novo programa que percorrerá Galicia na procura de familias especiais, cunha historia que contar. Esta noite, a partir das 22.05 horas, os espectadores da canle autonómica poderán coñecer a través de divertidas reportaxes o día a día de catro familias ben diferentes, os seus segredos, valores e o seu xeito de afrontar a vida.

A primeira das historias de hoxe ten lugar en Xermade (Lugo), onde se coñecerá os Carballo Pena, unha familia de seis membros que abarca tres xeracións e que fixeron da gandería o seu negocio familiar. O espazo encontrarase con eles no día da matanza.

En Boborás (Ourense) descubrirase os Nogueira Corral. Ángel e Marisol son unha parella con dúas fillas de 24 e 9 anos que desde sempre tiveron claro que querían vivir e traballar no rural. Tanto é así que mercaron unha casa que rehabilitaron e acondicionaron para vivir e convertérona no hotel que sustenta a súa familia. De Ourense a Vila de Cruces, en Pontevedra. Alí vive Chus unha viúva nova que vive coa súa sogra e coas súas dúas fillas.

O programa de hoxe pecharao unha familia de campións: Os Ayude. José e Marta teñen tres fillos Arón, Cora e o benxamín Nahum. O curioso é que todos eles son campións de España de kickboxing. Un auténtico clan simpático e faladeiro.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook