O programa A Revista da Televisión de Galicia (TVG) estará hoxe na localidade de Ponteareas antes de que se celebre unha das súas grandes festas, o Corpus Christi. A festa, que tinguirá de cor a localidade pontevedresa, terá lugar o domingo. Esta celebración foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional pola súa espectacularidade. O espazo da TVG amosará a preparación das famosas alfombras e falará con organizadores e participantes.

A Revista tamén estará en directo no VIII Concurso de Espantallos que se celebra na Lama. O programa mostrará en directo os mellores espantallos, que se sitúan ao longo do río Barbeiro e serven para que non estraguen as colleitas.

No eido das entrevistas, a música será protagonista coa visita de Bieito Romero, líder de Luar na Lubre. De novo no estudio, na sección de Os segredos mellor gardados, Carmiña Blanco falará dun equipo de investigación galego que acaba de descubrir un dato importantísimo arredor dunha das enfermidades do cerebro máis temidas grazas a unha tecnoloxía única en España para esta aplicación médica. Por último, Moncho Lemos falará das novidades da carteleira.

Por outra banda, a espazo Zigzag contará hoxe coa presenza no estudio de gravación do músico, compositor e pedagogo musical Moisés Quintas, autor do libro-disco Terra e Alma, centrado nos cantos ancestrais dos alalás. No álbum pódese gozar das gravacións instrumentais de 28 alalás tradicionais.