A Televisión de Galicia (TVG) sae hoxe na procura de A Mellor Fariña do Mundo. Neste divertido programa, as reporteiras farán un completo percorrido por toda Galicia para coñecer as vivencias das persoas que, dunha forma ou doutra, viven rodeadas de fariña por todas partes.

Está de moda a fariña galega? Aínda quedan muíños tradicionais onde elaborar a fariña do país? Que fariña debemos usar para o pan e para as mellores empanadas? É a fariña imprescindible en calquera sobremesa? Hai festas en que a fariña sexa a protagonista? Estas son algunhas das moitas preguntas que obterán resposta na Televisión de Galicia en A Mellor Fariña do Mundo. As reporteiras do programa, Belén Vara, Ariadna Leis, Mercedes Seixo e Aitana Crespo sairán de xira para achegar todos os segredos da fariña galega.

Para comezar, estarán en Santiago de Compostela. Alí falarán con Eladio Pazos, un experto panadeiro que coñece ben a fariña galega e a súa historia. E na Coruña estarán nunha tenda en que se pode atopar todo tipo de fariña a granel.

A continuación viaxarán a Goá, no concello de Cospeito, para coñecer o muíño tradicional que aínda funciona coa forza da auga. Despois irán á cidade de Lugo, onde pasarán unha xornada de traballo con María del Carmen, unha auténtica eminencia da fariña que, aos seus 87 anos, dirixe unha fábrica moi especial.

A ruta da fariña continuará na parroquia de Ousá, en Friol. Alí elaboran un espectacular pan en que a protagonista de hoxe é fundamental. Ademais, as reporteiras demostrarán que coa mellor fariña do mundo, como a que elaboran no muíño de Cuíña de Lalín, o pan ten unha chea de posibilidades de ser tamén o mellor do mundo.

No programa de hoxe a empanada tamén terá o seu espazo. Así que as xornalistas de A Mellor Fariña do Mundo acudirán a un establecemento familiar do concello do Páramo para comprobar in situ como preparan a fariña dunhas empanadas cheas de cor e sabor. No concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade estarán cun grupo de mulleres que fan auténticas marabillas coa fariña. Con elas aprenderán a cociñar os petotes, as papas de millo e unhas filloas de escándalo.

Ademais, a fariña é o ingrediente básico de practicamente todas as sobremesas. Algunhas das máis ricas son as bicas que Malena elabora en Castro Caldelas ou os tradicionais roscóns que fan no concello da Pobra de Trives. E aínda haberá tempo para coñecer como é o proceso de elaboración da fariña de castañas, para cociñar unha torta de Santiago con fariña de améndoas e para degustar unha deliciosa tosta feita con pan de espelta.