A Televisión de Galicia (TVG) levará esta noite aos fogares de todos os galegos as celebracións máis salientables de Santo Antón, un dos días máis agardados. Trátase dunha xornada cargada de música, de devoción, e, sobre todo, de moita tradición. Milleiros de persoas saen ás rúas das vilas e cidades galegas para renderlle homenaxe a un santo ben milagreiro.

No programa especial Viva o Santo Antón!, que a Televisión de Galicia emite esta noite, as reporteiras farán un percorrido polos lugares que converten a celebración do Santo Antón nun auténtico espectáculo. Deste xeito, Ariadna Leis, Mercedes Seixo e Belén Vara estarán no Santo Antón da Rigueira, en Xove, na celebración da parroquia de Corveiro, en Cedeira, e tamén no Santo Antón de Agualada, en Coristanco. Para comezar, o programa viaxará ao concello lugués de Xove, onde celebran a tradicional romaría do Santo Antón de Rigueira. Ata alí acoden centos de romeiros, dos que a gran maioría chegan andando. Nesta xolda haberá tempo para a devoción, para pedirlle mozo a Santo Antón e para cantar e bailar sen parar.

O percorrido do programa continuará no concello de Cedeira, onde Mercedes Seixo estará celebrando o Santo Antón con todos os veciños. En Corveiro, un lugar incrible, hai misas desde primeira hora da mañá. A procesión é un dos momentos máis solemnes para todos os asistentes e ademais ninguén quere perder as merendas e as poxas duns saborosos roscóns.

E a reporteira Belén Vara achegarase ao Santo Antón de Agualada, en Coristanco, que é un dos que máis sona teñen na contorna. Neste día os fieis acoden á igrexa para mercar o "pan da pitanza", que foi bendicido polo cura da parroquia. Tamén asistirán á procesión e bailarán coa banda de música e a orquestra que anima a sesión vermú.

'A Revista', no Liceo da Coruña

Por outra banda, A Revista estará hoxe na Coruña, no Colexio Liceo La Paz, onde se celebrará o Festival Sannifesta, no marco do proxecto Come Rico, VIVE san. Búscase trasladar alimentación saudable aos máis novos e loitar contra a obesidade infantil en Galicia. Ata 125 alumnos participarán nesta festa, en que se levará a cabo un obradoiro de cociña dirixido polo Luís Veira, chef con estrela Michelin. O espazo tamén estará en directo no obradoiro de nutrición e noutro de danza, para promover a actividade física.