A Televisión de Galicia (TVG) estrea esta noite unha nova aposta pola comedia e o enxeño con Malo será!. Este novo formato da TVG é toda unha homenaxe ao humor en directo, en que teatro e televisión fúndense en hora e media de ocorrencias en que pode pasar absolutamente de todo.

Sete actrices e actores da TVG, acompañados de convidados e moitas sorpresas, saen de xira polos teatros de Galicia para facer un espectáculo de sketchs cómicos sobre temas universais que será gravado e emitido ao longo do verán, cada xoves, desde hoxe. Con Lucía Regueiro como presentadora, Malo será! contará ademais con nomes por todos coñecidos: Federico Pérez, Marcos Pereiro, Isabel Blanco, Lucía Veiga, Oswaldo Digón, Sabela Hermida, e coa participación como convidados, en diferentes programas, de Touriñán, Manuel Manquiña, Eva Iglesias ou Víctor Fábregas, entre outros moitos. A esta viaxe de teatro en teatro súmase tamén unha banda de música en directo e unha vistosa escenografía que completa os argumentos dunha oportunidade única para achegar a televisión e o humor televisivo a todos os puntos do país.

O caderno de viaxe desta tropa de cómicos á que acompaña toda a infraestrutura que rodea á televisión está xa definido e as entradas para asistir a cada función tamén están á venda. O programa gravado no Teatro Afundación de Vigo será o primeiro que poderá ver a audiencia da canle pública este xoves. Seguiranlle Verín (Auditorio Municipal, 12 de xullo), A Coruña (Ágora, 19 de xullo), Noia (Coliseo Noela, 26 de xullo), Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 2 de agosto), A Illa de Arousa (Auditorio Municipal, 9 de agosto) e Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 23 de agosto).

Ademais do convidado que en cada función completará o elenco de Malo Será!, outro actor ou actriz nobel da zona onde se grave esa noite, que se unirá ao equipo do programa para participar nalgún dos sketchs.

A estrea, en Vigo

Na súa estrea, Malo será! será ofrecerá o programa gravado no Teatro Afundación de Vigo ao que se poderá asistir a través da pequena pantalla. Xosé Antonio Touriñán exerce nesta primeira función como convidado, e a actriz local Cristina Andrade completa o elenco liderado por Lucía Regueiro, a presentadora do formato. Unha familia primitiva con problemas moi actuais, un barbeiro que, segundo a súa muller, ten problemas coa bebida, ou unha reunión en Wall Street á que asisten executivos con formas moi diferentes de ver as cousas son algunhas das situacións coas que gozarán os espectadores, nun programa composto por nove sketchs en que o humor nunca deixa de ser o gran protagonista.