1.139 programas. 26 anos en antena. Premio Iris da Academia Española da Televisión ao mellor presentador. Milleiros de artistas pasando polo seu escenario. Estas son algunhas das cifras de Luar, un dos programas máis queridos polos espectadores da Televisión de Galicia (TVG) e o espazo de entretemento máis lonxevo da historia da pequena pantalla en España, que esta noite comeza a súa 27ª temporada. Esta nova andaina chega cargada de sorpresas, novas propostas e artistas de primeira liña.

Nesta ocasión, Xosé Ramón Gayoso estará acompañado por unha nova copresentadora, que cada venres lle achegará frescura e espontaneidade ao programa: a xornalista Patricia Fernández Santana, unha cara xa coñecida polos espectadores da TVG durante este verán. María Mera, que acompañou a Gayoso na temporada pasada non se despide da familia de Luar, xa que pasará a ocuparse do concurso Recantos, que hoxe comeza unha nova edición. A audiencia coñecerá os novos vinte aspirantes que loitarán por facerse co premio do programa e tamén a identidade do novo membro do xurado que acompañará a Tania Fuegho e Manuel DeAndrade no difícil labor de puntuar as actuacións dos concursantes. Hoxe abren a competición Alberte Suárez, de Ourense Norte, e Mar K. John, representante da comarca Terras de Pontevedra. O programa tamén ofrecerá a actuación do gañador da pasada edición: O Chylava.

Neste inicio de curso, o programa recibirá a visita da cantante malagueña Nuria Fergó, que presentará La vida son sólo dos días, a sintonía da Volta Ciclista a España, unha canción que fala de non perder a ilusión e loitar polo que un quere. Outra das convidadas desta noite é unha das gaiteiras galegas máis internacionais: a cambresa Susana Seivane, que revolucionou o folk cun estilo propio que non fuxía das raíces e que está a presentar o seu quinto álbum, en que recolle os sentimentos do embarazo e a maternidade. Tamén estarán no escenario o grupo Tanto nos Ten, que emprega no seu repertorio música e letras propias do saber popular, retranqueiro e comprometido co país, e Xestreu.