A Televisión de Galicia (TVG) seguirá a facer hoxe unha radiografía da vida e da obra de persoeiros coñecidos da nosa terra con A noite de..., espazo que nesta ocasión estará dedicado ao grupo A Roda, convertido xa nun clásico da historia da música galega por popularizar temas tan coñecidos como Pousa Pousa, O andar miudiño e O Gato, verdadeiros himnos da música de taberna e emblemas da música popular.

Non hai moitos grupos musicais, e aínda menos en Galicia, que poidan dicir que levan máis de 40 anos subidos a un escenario e publicando discos. Pero hoxe a TVG ten o privilexio de falar dun grupo que cumpre eses requisitos. Eles fixeron no 2016 catro décadas poñendo a banda sonora das tabernas, dos furanchos e de moitas reunións familiares ou de amigos en que hai un galego.

A Noite da Roda fará unha viaxe pola longa traxectoria dun grupo fundamental na música galega. Os espectadores verán as súas orixes, no Vigo obreiro de finais dos 70, e a súa evolución ao longo de máis dunha ducia de discos. Foron premiados, recoñecidos e, sobre todo, moi queridos por un público que os segue acompañando en todas as súas actuacións. O programa coñecerá os que formaron parte da gran familia da Roda e achegarase á faceta máis persoal dalgúns deles, como o inesquecible Fito, o eixe da Roda, que nos deixou hai xa seis anos. Ademais de coñecer a historia completa desta formación mítica do folclore galego, os espectadores terán ocasión de lembrar as actuacións que ofreceu na TVG.