O programa A Revista estará hoxe en Xantar 2019, a Feria Internacional de Turismo Gastronómico, que ten lugar en Ourense. Esta é a vixésima edición da feira, que reúne na cidade das Burgas 283 chefs chegados de doce países do mundo. O programa falará en directo cos organizadores e asistentes a esta feira, que busca pór en valor a nosa gastronomía, considerada o segundo maior atractivo para os turistas que visitan Galicia.

Ademais, e seguindo co eido gastronómico, o espazo da Televisión de Galicia (TVG) amosará que é posible combinar comida rápida e sa, amosando o único restaurante de comida rápida ecolóxica. O programa estará nesta burguería tan singular de Vigo.

No eido das entrevistas hoxe falarase da adolescencia, etapa difícil polos cambios no carácter e na personalidade. O programa entrevistará a psicóloga educativa Libertad Culebras, que explicará como afrontar estes cambios. Para tratar de entender os adolescentes e a súa nova linguaxe, Carlos Roma fará un percorrido por aqueles termos, como crush ou stalkear, típicos das novas xeracións. Tamén estarán no estudio os actores Oswaldo Digón e Cristina Andrade, do Malo Será!, que emite hoxe a TVG.

Pola súa banda, o programa Zigzag ofrecerá hoxe unha entrevista no estudio con Diego Anido e Borja Fernández, que presentan a montaxe O Inevitable, o que supón o debut do Colectivo Marciano Balboa. Este é o seu primeiro directo, unha acumulación de escenas baseadas nos efectos secundarios da fe católica, os remakes turcos de Rambo e os momentos máis íntimos da vida dun lobo solitario chamado Antonio.

Entre outros contidos, o espazo da tvG2 amosará o novo vídeo musical de Fernando Epelde, titulado Script Galegas; ofrecerá unha reportaxe sobre Guidance, o Festival Internacional de Danza Contemporánea de Guimaraes, e contará coa colaboración musical de Aitana Cuétara, que falará das pequenas salas de concertos de Galicia.