O Land Rober Tunai Show xuntará esta noite na Televisión de Galicia (TVG) a fame coa gana de comer, xa que Antonio Durán Morris e Sergio Pazos veñen pintar a mona e palpar en primeira persoa os poderes dos superheroes. O cuñado máis famoso, a Miñoca ou Antón, e o mítico Paspallás de Pratos Combinados, seguro que lles farán pasar un anaco inesquecible aos espectadores da Televisión de Galicia.

Antonio Durán acudirá ao espazo disposto a contar trolas, ou non, en Mentira cochina con Roberto Vilar e Eva Iglesias, que se unen ao show tamén coas súas anécdotas.

Como o público é sempre protagonista volve A quen lle pasou?, en que o programa máis disparatado da Galega xogará con Sergio Pazos. No transcurso desta sección, a audiencia verá as historias reais máis tolas e divertidas.

'A Revista'

A Revista coñecerá hoxe máis cousas do instrumento musical referencia de Galicia, a gaita. O programa estará en directo nun obradoiro de Ponteareas, onde se realizan estes instrumentos. Alí coñeceranse polo miúdo os materiais que se empregan e como pode soar dun xeito tan característico. Ademais, o programa asistirá á lectura dos candidatos que optan aos Premios Mestre Mateo 2019. A Revista contará en directo os nomes dos finalistas nas 29 candidaturas que aspiran aos premios máis importantes do audiovisual galego, que se entregan o vindeiro 2 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña.